15 de novembro de 2011

O pseudónimo.

O pseudónimo.
O prefixo pseudo significa falso. Por tanto, o pseudónimo é, sinxelamente, un nome falso utilizado normalmente polos autores literarios en tempos de censura ou de falta de liberdades. A utilización do pseudónimo é unha práctica que se ha ir estendendo a outros grupos de persoas máis amplos que, por ter relevancia pública, desexan unha de dúas: reservar a súa identidade persoal para a súa vida privada, ou acudir a unha identificación persoal máis rechamante que a verdadeira.
A relativa xeralización social do pseudónimo non atopa correspondencia no noso Dereito positivo, no que a contemplación do tema é moi limitada:
Por unha banda, a Lei do Rexistro Civil establece no seu artigo 54.2 que está prohibida a conversión en nome dos pseudónimos.
Por outra, a vixente Lei de propiedade intelectual contén algunha indicación relativa ás obras divulgadas baixo pseudónimo, estabrecindo que, mentres o autor non revele a súa identidade, o exercicio dos dereitos de autor corresponderá a quen divulgase a obra.
Por tanto, a utilización de pseudónimos é perfectamente lícita e admisible no noso ordenamento xurídico, a condición de que o pseudónimo non pretenda suplantar ou excluír ao nome propiamente dito en actos de natureza oficial ou administrativa.
Polo demais, non cabe dúbida que o pseudónimo non é, de ningún xeito, un dereito da personalidade. É sinxelamente unha situación fáctica que merece ser protexida fronte a situacións abusivas de terceiros que pretendan sacar proveito ou beneficio do pseudónimo consolidado por calquera persoa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.