28 de decembro de 2011

O contacontos - Terceira Parte

Os pais de Alfonso, que así din que se chamaba este mozo, nome que por certo foi e sigue sendo nesta vila un dos preferidos, quen sabe se en conmemoración a esta historia; os pais, como dicía, renegaran del fai moito tempo, exactamente aos 7 anos da inicial alegría do seu nacemento, cando deran xa por perdida a posibilidade de que a sua falta de dicción se debera a unha teimudez ou a un lento desenvolvemento das súas capacidades motrices, argumento que non se podía descartar de inmediato porque para botar a andar tamen lle fixeran falta 6 anos, aínda que non parece que fora por unha invalidez previa, senón pola carencia de motivación para facelo, pois sentado no duro chan de pedra a carón da lereira permanecía enfrascado na asimilación das inquedanzas da súa nai cunha observación e atención que xamais mostraba por outros aspectos. E esta, acostumada a ese confidente que xamais lle levaba a contraria, contaba ó seu fillo, case como falando para ela mesma, as teimas e non teimas que lle ocorrían diariamente e que traía a casa frescas, o que representaba un alivio para ela e para el un misterioso entretemento e placer.

Pero outras veces, posiblemente influida polo seu marido, nalgún mal día no que non se lle dera ben a venta de dous cochiños, a nai descargaba nel a sua bilis, pero todo o mundo sabía que non era a bilis polos cartos obtidos de menos na venta, senón a contida por mor dese neno que medraba e medraba e canto máis medraba máis cerca pero á vez máis lonxe estaba de entrar na vida popular coa merecida reputación que os seus antepasados foran gañando con suor, e que el so coñecía en pesoas alleas.

Efectivamente, o pai vía ó seu fillo coma unha vergoña, un ser estrano na súa propia casa, sempre apaiolado en nimiedades, sen delatar interés por nada que non fora a súa nai, un pequeno e vello carillón que lle construíra un tío seu carpinteiro, e as frecuentes visitas que atraía a súa nai, froito da falta de TV e programas do corazón maqueles tempos. Por riba de todo isto era Alfonso apreciado pola súa muller en maiores termos ca el, cousa que non entendía, xa que nunca trouxera cartos a casa, e nunca os traería.

Como dicíamos, Alfonso, polo final das festas en Viana do Bolo, atopara unha maneira...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.