7 de xaneiro de 2012

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (LVI).

Respectei o seu recollemento e continuei examinando as curiosidades que enriquecían o salón. Ademais das obras de arte, as curiosidades naturais ocupaban un lugar moi importante. Consistían principalmente en plantas, cunchas e outras producións do océano, que debían ser os achados persoais do capitán Nemo. No medio do salón, un chafariz iluminado eléctricamente caía sobre un pilón formado por unha soa tridacna. Esta cuncha, pertencente ao maior dos moluscos acéfalos, cuns bordos delicadamente festoneados, medía unha circunferencia dun seis metros; excedía, pois, en dimensións ás belas tridacnas regaladas a Francisco I pola República de Venecia e das que a igrexa de San Sulpicio, en París, fixo dúas xigantescas pilas de auga bendita.
En torno ao pilón, en elegantes vitrinas fixadas por armaduras de cobre, achábanse, convenientemente clasificados e etiquetados, os máis preciosos produtos do mar que puidese nunca contemplar un naturalista. Comprenderase a miña alegría de profesor. A división dos zoófitos ofrecía moi curiosos especímenes dos seus dous grupos de pólipos e de equinodermos. No primeiro grupo, había tubíporas; gorgonias dispostas en abanico; esponxas suaves de Siria; sinos das Molucas; pennátulas; unha virgularia admirable dos mares de Noruega; ombelularias variadas; os alcionarios; toda unha serie desas madréporas que o meu mestre Milne-Edwards clasificou tan sagazmente en seccións e entre as que distinguín as adorables fiabelinas; as oculinas da illa Borbón; o «carro de Neptuno» das Antillas; soberbias variedades de corais; en fin, todas as especies deses curiosos pólipos que en xuntanza forman illas enteiras que un día serán continentes Entre os equinodermos, notables pola súa espiñenta envoltura, as asterias, estrelas de mar, pantacrinas, comátulas, os terófonos, ourizos, holoturias, etc., representaban a colección completa dos individuos deste grupo.
Un conquiliólogo un pouco nervioso pasmadao e tolo de alegría ante outras vitrinas, máis numerosas, nas que se achaban clasificadas as mostras da división dos moluscos. Vin unha colección dun valor inestimable, para a súa descrición completa me falta tempo. Por iso, e a título de memoria soamente, citarei o elegante martelo real do océano índico, con regulares manchas brancas que destacaban vivamente sobre o fondo vermello e marrón; un espóndilo imperial de vivas cores, todo erizado de espiñas, raro espécime nos museos europeos e cun valor que estimei nun vinte mil francos; un martelo común dos mares da Nova Holanda, de difícil obtención a pesar do seu nome; berberechos exóticos do Senegal, fráxiles cunchas brancas bivalvas que un sopro destruiría como unha pompa de xabón; algunhas variedades das regadeiras de Xava, especie de tubos calcáreos festoneados de repregamentos foliáceos, moi buscados polos afeccionados; toda unha serie de trocos, uns de cor amarelada verdoso, pescados nos mares de América, e outros, dun marrón avermellado, habitantes dos mares de Nova Holanda, ou procedentes do golfo de México e notables pola súa cuncha imbricada; esteléridos achados nos mares austrais, e, por último, o máis raro de todos, o magnífico espolón de Nova Zelandia; admirables tellinas sulfuradas, preciosas especies de citereas e de venus; o botón trencillado das costas de Tranquebar; o turbo marmóreo de nácar resplandeciente; os papagaios verdes dos mares de China; o cono case descoñecido do xénero Coenodulli; todas as variedades de porcelanas que serven de moeda na India e en África; a «Gloria do mar», a máis preciosa cuncha das Indias orientais; en fin, litorinas, delfinulas, turritelas, jantinas, óvulas, volutas, olivas, mitras, cascos, púrpuras, bucínidos, arpas, rocas, tritones, ceritios, fusos, estrombos, pteróceras, patelas, hiálicos, cleodoras, cunchas tan finas como delicadas que a ciencia bautizou cos seus nomes máis encantadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.