13 de marzo de 2012

Pé das Burgas III

PAISAXE

Baixou a marea; a ría sosegada, ó ver descubertas as orelas, corre tan maina, tan maina, cal se adormecese ó rumor dos bicos con que a brisa deloira os xuncais.

Orelas fermosas e traidoras, porque, baixo a súa capa de xuncos e de flores, ocultan un chan barrento, lagarceiro, que fai rabechar ós cazadores e que constitúe un perigo constante para as barcas pescadoras.

Só ofrecen seguro achego ós mazaricos, que, cos largos pescozos riba daquel corpo graceiro, xentil, borréanse dun lado para outro, cheos de fantasía, cal cortesaos en traxe de etiqueta.

Cada pouco deixan saír un berro estridente,afrautado.

É a alerta; xa estiran o pescozo,ventando cos seus grandes ollos o perigo, sacoden as alas, prontos a fuxir, e, cunha pouta encollida, movendo a cabeza para tódolos lados, vixían un momento... pero non foi nada, un marisco na praia, unha garza que o disputa, e unha píllara que foxe asustada, abandonando a presa.

Sentíame adormecer; apoiado nunha caracocha,coa escopeta ó lado, deixaba vagar ávista dun lado para outro contemplando aquela fermosa paisaxe das Mariñas.

Formándome pendello de brillantes follas, un souto de castiñeiros, que lucían fachendosos longos plumeiros de amarelos fianchos, protexíanme daquel sol ardente, que facía esmaiar ás margaridas e que tomaba, nos cristais da ría e dos regatos, milleiros de irisacións, cal se unha chuvia de flores cubrise ó chan de rechamantes cores.

Despois, ó lonxe, ringleiras de montañas, entre os piñeirais dos que ora asomaban as pardas roxizas casas dalgún lugar, ora a esmochada torre dun castelo, ora a espadana dunha ermida; e as estribacións con terreos de millo entre os cales novas aldeas rompen a monotonía, onde ringleiras de ameneiros e sanguiños acusan o leito de barulleiro regato ou de clara fonteliña.

E aquí, preto, a carón, a ría con irisacións de prata, con estremecementos de virxe, con ondulacións de cobra, tan pronto fuxindo esquiva, como volvendo cobizosa de apreixar no seu seo as xunqueiras e os carrizais e descansar esmorecida, sequera por un instante, beira das umbrías, nas cales a brisa salaia trouleante e os paxaros disputan a regueifa.

Xa vén, xa enche os seus encaixes; xa os mazaricos foxen, volve a marea, e xa nas chouzas fumega o lar quentando a cea para os pescadores e as mulleres outean en busca das familias que pronto virán.

Xa se ve unha lancha, a primeira; gaña a volta á esculca de vento favorable, xa se incha a súa vela, riba da cal, gaivotas e carrizos, formando remuíños, abouxan cos seus berros. ¿Que traerá?,vese o chispear das escamas o sol, pero non se percibe que clase de pescado é... pero xa o patrón anuncia co toque da buguina... alá vai... un... dous...nada máis... é sardiña... un... dous... toques...volve da-lo patrón..mira paratodoslados... xa o seu carís se enrugade tristura... cando alá lonxe ve erguerse unha columna de fume... é o sinal... fai falta naquel lugar...xa atopou venda..vira a lancha, renxe a garrucha, a escota afrouxa, ponse de costado... o vento faille dar un bandanzo... Pero non vale de nada,xa estaba prevenido, e a lancha,collida ó sesgo, vai lixeiramente inclinada en dirección á aldea.

Por fin, dá fondo, xa se sente o rinchar da cadea ó roza-la borda...a vela baixa, chirlando, polo pau, bótase o tabuón á praia e Pronto seve cuberto de mulleres, que, coas saias refucidas, disputan e calotean, regateando os precios, ata que enchen os cestos e desaparecen cantando, mentres o patrón aproveita o terral para da-la volta parao seu lar.

O sol vaise ocultando; as augas cóbrense de tintes máis sombríos,e a luz do crepúsculo reflexa con pureza de liñas os altos xuntos que vai cubrindo Pouco a Pouco co seu incesante medrar.

A natureza ponse de loito, calada, misteriosa, en agarda da triste amada, da noite: só se oen de vez en cando o rumor dalgunha retrasada lancha ou o grallar das gavotas e os mascatos que foxen en busca de asilo, destacándose nas escuridades do anoitecer.

Na cercana ermida tocan á ánxelus, as ondas tristes, vagorosas, morren na praia con doce salaiar, e alá no fondo da alma despértanse os recordos do pasado envolvendo o corazón nas brétemas dos desenganos, cal as umbrías se envolven nas brétemas da noite...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.