16 de xuño de 2012

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (LXXIX).

Grazas á perfección dos nosos aparellos, excederamos así en noventa metros o límite que a natureza parecía impor até entón ás incursións submarinas do home.
Dixen cento cincuenta metros, aínda que carecésemos de todo instrumento para avaliar a profundidade, por saber que, mesmo nos mares máis límpidos, os raios solares non podían penetrar máis aló. E, precisamente, a escuridade fíxose moi densa. Nada era xa visible a dez pasos de distancia. Andaba, pois, ás apalpadelas, cando súbitamente vin brillar unha luz moi viva. O capitán Nemo acababa de pór en acción o seu aparello eléctrico. O seu Compañeiro imitoulle e Conseil e eu seguimos o seu exemplo. Virando un parafuso, establecín a comunicación entre a bobina e o serpentín de cristal, e o mar, iluminado por nosas catro lanternas, fíxose visible nun radio duns vinte e cinco metros.
O capitán Nemo continuou penetrándose na escura profundidade do bosque cuxos arbustos ían rarificándose. Observei que a vida vexetal desaparecía con máis rapidez que a animal. As plantas pelágicas abandonaban xa un chan que ía tornándose árido, pero no que pululaban en cantidades prodixiosas zoófitos, articulados, moluscos e peces.
Pensaba eu, mentres proseguiamos a marcha, que a luz dos nosos aparellos Ruhmkorff debía necesariamente atraer a algúns dos habitantes deses escuros fondos. Pero aínda que moitos se achegaron fixérono a unha distancia lamentable para un cazador. Varias veces vin ao capitán Nemo deterse e apuntar co seu fusil para, tras algúns instantes de observación, desistir de tirar e renovar a marcha.
A marabillosa excursión concluíu cara ao catro, ao toparnos cun muro de soberbios peñascos aglomerados en bloques xigantescos, dunha masa impoñente, que se ergueu ante nós. Era un enorme cantil de granito escavado de grutas escuras, pero que non ofrecía ningunha rampla practicable. Eran os cantiles da illa Crespo. Era a terra.
O capitán Nemo detívose e fíxonos un xesto de alto. Por moitos desexos que tivese de franquear aquela muralla houben de pararme. Aí terminaban os dominios do capitán Nemo, que el non quería exceder. Máis aló comezaba a porción do Globo que se xurou non volver pisar.
Á fronte da súa pequena tropa, o capitán Nemo comezou o retorno, marchando sen vacilación. Pareceume que non tomabamos o mesmo camiño para regresar ao Nautilus. O que iamos seguindo, moi escarpado, e por conseguinte, moi penoso, achegounos rapidamente á superficie do mar. Pero ese retorno ás capas superiores non foi tan rápido, con todo, como para provocar unha descompresión que producise graves desordes nos nosos organismos e determinar neles esas lesións internas tan fatais aos mergulladores. Pronto reapareceu e aumentou a luz, e, co sol xa moi baixo no horizonte, a refracción festoneó novamente os obxectos dun anel espectral.
Marchabamos a dez metros de profundidade, no medio dun enxame de pececillos de todas as especies, máis numerosos que os paxaros no aire, máis áxiles tamén, pero aínda non se ofreceu aos nosos ollos unha presa acuática digna dun tiro de fusil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.