7 de agosto de 2012

Fragmento de "Anxela" (Abellas de Ouro) de Xosé Lesta Meis

Teñen unha vaca e levan un leirón en arrendo e mais un anaco de mato para louza. Pola mañá cedo érguese con ansia para munxi-la vaca. Se é luns inda vai primeiro ó río. Para o río vai decote cando aínda non se ve ben ó dereito e procura vir a tempo para lle ter preparado ó seu home o desaúno. Despois monxe a vaca e sae a vende-lo leite e algo máis que teña que por alí.


Cando vén xa son as dez da mañá. Ten que aparella-lo xantar e levarllo ó home. O home sempre lle di que escusa molestarse en llo levar; pódeo traer el pola mañá xa, como fan outros. Pero Anxela non quer así. "Non me custa caro ningún -contéstalle ó home-. E mentres poida heicho levar sempre. Non me digas, non me digas que, por iso, a comida feita da hora é outra cousa. Ten mellor gusto. Alimenta máis. E o tempo dáo Deus de balde. ¡Eche o que teño que facer! ¡Boh, non fagas caso; tamén se espabila o corpo! O caso é que haxa saúde".

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.