31 de agosto de 2012

Inicio de A VIAXE DO BEAGLE ESPACIAL, de A. E. Van Vogt

A VIAXE DO BEAGLE ESPACIAL
1939

Coeurl merodeaba sen pausa. A noite escura, sen lúa, case sen estrelas, resistíase ante a alba avermellada e lúgubre que se arrastraba pola esquerda. Era unha luz vaga que non daba ningunha sensación de calor. Aos poucos, esa luz foi mostrando unha paisaxe de pesadelo. Ao redor de Coeurl cobraron forma unhas pedras negras, melladas, e unha chaira negra e sen vida. Por encima do horizonte grotesco miraba un sol vermello pálido.
Uns dedos de luz furgaban entre as sombras e aínda non había rastros da familia de criaturas de ID que levaba seguindo case cen días. Finalmente detívose, arrefriado pola realidade. As súas enormes patas dianteiras sacudíronse cun movemento que arqueou cada afiada garra. Os grosos tentáculos que lle saían dos ombreiros ondularon, tensos. Torceu a voluminosa cabeza de gato a un lado e a outro, mentres os zarcillos parecidos a pelos que formaban cada orella vibraron frenéticamente, probando cada brisa, cada latexo no éter.
Non houbo resposta. Non sentía ningún sinal no complexo sistema nervioso. Non había ningún indicio da presenza das criaturas de ID, a súa única fonte de alimento nese planeta abatido. Desesperado, Coeurl agazapouse, unha enorme figura felina recortada contra a liña débil e avermellada do horizonte, como un deforme gravado dun tigre negro nun mundo sombrío. O que máis o mortificaba era que perdera o contacto con elas. Tiña un equipo sensorial que normalmente podía detectar ID orgánico a quilómetros de distancia. Admitía que el xa non era normal. A súa repentina imposibilidade de manter aquel contacto indicaba unha crise física. Era a enfermidade mortal da que ouvira falar. Sete veces no último século atopara coeurls demasiado débiles para moverse, cos corpos normalmente inmortais consumidos e condenados pola falta de alimento. Entón, con avidez, esmagáralles os corpos entregados e sacoulles todo o ID que aínda os mantiña con vida.
Coeurl estremeceuse de entusiasmo lembrando esas comidas. Entón lanzou un gruñido audible, un son desafiante que vibrou no aire e soou e resoou entre as pedras mentres lle percorría os nervios das costas. Era unha expresión instintiva da súa vontade de vivir.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.