1 de setembro de 2012

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (XC).


20. O estreito de Torres.
Durante a noite do 27 ao 28 de decembro, o Nautilus abandonou as paraxes de Vanikoro a toda máquina. Fixo rumbo ao Suroeste e, en tres días, franqueou as setecentas cincuenta leguas que separan o arquipélago da Pérousse da punta Sueste da Papuasia.
O 1 de xaneiro de 1868, á primeira hora da mañá, Conseil reuniuse comigo na plataforma.
-Permítame o señor que lle desexe un ventureiro aninovo.
-Como non, Conseil! Exactamente coma se estivésemos en París, no meu gabinete do Xardín de Plantas. Acepto os teus votos e agradézochos. Pero terei que preguntarche que é o que entendes por «ventureiro», nas circunstancias nas que nos atopamos. É o ano que debe pór fin ao noso cativerio ou o ano que verá continuar esta estraña viaxe?
-De veras, que non sei que dicirlle ao señor. Certo é que estamos a ver cousas moi curiosas, e que, desde hai dous meses, non tivemos tempo de aburrirnos. A última marabilla é sempre a mellor, e se esta progresión mantense non se onde imos parar. Paréceme a min que non volveremos atopar nunca unha ocasión semellante.
-Nunca, Conseil.
-Ademais, o señor Nemo, que xustifica moi ben o seu nome latino, non é máis molesto que se non existise.
-Dis ben, Conseil.
-Eu penso, pois, mal que lle pese ao señor, que un bo ano sería o que nos permitise velo todo.
-Todo? Quizá fose entón un pouco longo. Pero que pensa disto Ned Land?
-Ned Land pensa exactamente o contrario ca min. É un home positivo, cun estómago imperioso. Pasarse a vida mirando e comendo peixes non lle basta. A falta de viño, de pan, de carne, non convén a un digno saxón familiarizado cos bistecs, e a quen non desgusta nin o brandy nin a xenebra en proporcións moderadas.
-Non é iso o que a min me atormenta, Conseil, eu acomódome moi ben ao réxime de a bordo.
-Igual eu -respondeu Conseil-. Por iso, eu quero permanecer aquí tanto como Ned Land quere fuxir. Así, se o ano que comeza non é bo para min, o será para el e recíprocamente. Deste xeito, sempre haberá algún satisfeito. En fin, e para concluír, desexo ao señor o que desexe o señor.
-Grazas, Conseil. unicamente pedirei que apracemos a cuestión dos agasallos e que os substituamos provisionalmente por un bo apertón de mans. É o único que teño sobre min.
-Nunca foi tan xeneroso o señor -respondeu Conseil.
E o bo raparigo foise.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.