13 de outubro de 2012

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (XCVI).


Ned Land coñecía ben ese froito, por comelo durante as súas numerosas viaxes, e sabía preparar a súa sustancia comestible. A vista do mesmo excitou o seu apetito, e sen poder conterse dixo:
-Señor, se non probo esta pasta da árbore do pan, morro.
-Pois adiante, Ned, ao seu gusto. Estamos aquí para facer experimentos. Fagámolos.
-Non levará moito tempo -respondeu o canadense.
E, provisto dunha lupa, acendeu un lume con ramas secas que chisporrotearon ledamente.
Mentres tanto, Conseil e eu escolliamos os mellores froitos do artocarpo. Algúns non alcanzaran aínda un grao suficiente de madurez e a súa pel espesa recubría unha pulpa branca pero pouco fibrosa. Outros, en moi gran número, amarelos e xelatinosos estaban a pedir ser xa colleitos.
Os froitos non contiñan óso. Conseil levou unha ducia deles a Ned Land, quen os colocou sobre as ascuas tras cortalos en grosas rodaxas.
-Verá vostede, señor, o bo que é este pan -dicía.
-Sobre todo, cando se estivo privado durante tanto tempo -dixo Conseil.
-É máis que pan -engadiu o canadense-, é obra de respostería, e delicada. Non a comeu vostede nunca?
-Non, Ned.
-Pois prepárese a probar unha cousa suculenta. Se non é así, deixo eu de ser o rei dos arponeiros.
Ao cabo dalgúns minutos, a parte dos froitos exposta ao lume quedou completamente tostada.
Por dentro apareceu unha pasta branca, como unha tenra faragulla, cun sabor que lembraba o da alcachofa.
Hai que recoñecelo, era un pan excelente e comino con gran pracer.
-Desgraciadamente -dixen- esta pasta non pode conservarse fresca. É inútil, por tanto, que levemos unha provisión a bordo.
-Ah, non! -exclamou Ned Land-. Fala vostede como un naturalista, pero eu vou actuar como un panadeiro. Conseil, faga vostede unha boa recolección de froitos, que colleremos á volta.
-Como vai preparalo, entón? -pregunteille.
-Facendo ca súa pulpa unha pasta fermentada que se conservará indefinidamente sen podrecer. Cando queira empregala, cocereina na cociña e verá vostede como a pesar do seu sabor un pouco ácido estará moi rica.
-Así, Ned, vexo que non lle falta nada a este pan...
-Si, señor profesor, fáltanlle algunhas froitas ou polo menos algunhas legumes.
-Pois busquemos froitas e legumes.
Unha vez acabada a nosa recolección, puxémonos en marcha para completar o noso «xantar» terrestre.
Non resultou baldía nosa procura; ao mediodía fixeramos xa unha boa recolección de plátanos.
Estes deliciosos produtos da zona tórrida maduran durante todo o ano. Os malaios, que lles dan o nome de pisang, cómenos crus. Ademais dos plátanos recollemos unhas xacas enormes, froita de sabor moi forte, mangos tamén moi saborosos e piñas tropicais dun tamaño extraordinario. Estas tarefas levaron moito tempo, aínda que á vista do seu resultado non cabía lamentalo.
Conseil non lle quitaba ollo a Ned, que abría a marcha e ía recollendo ao paso, con man segura, magníficas froitas para completar as nosas provisións.
-Non lle falta nada, Ned? -preguntou Conseil.
-Hum! -gruñó o canadense.
-Como? De que se queixa?
-De que todos estes vexetais non nos ofrecen unha comida. Son a sobremesa. Pero e a sopa?, e o asado?
-É certo -dixen-. Ned prometéranos unhas chuletas, que empezan a parecerme moi problemáticas.
-Diaños! -díxome o canadense-, non só non terminou a cazaría, senón que aínda non comezou. Teñamos paciencia, que acabaremos atopando algún animal de pluma ou de pelo, e se non é por aquí, será noutro sitio.
-E se non é hoxe, será mañá -engadiu Conseil-, pois non hai que afastarse demasiado. É máis, creo que deberiamos volver á canoa.
-Axiña que? -dixo Ned.
-Debemos estar de regreso antes da noite -dixen.
-Pero que hora é? -preguntou o canadense.
-Polo menos son as dúas -respondeu Conseil.
-Como pasa o tempo en terra firme! -exclamou Ned Land, cun suspiro de pesar.
-En marcha entón -dixo Conseil.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.