3 de outubro de 2012

Retrato dun artista adolescente

Novela semiautobiográfica do irlandés James Joyce, publicada en 1916. Dividida en cinco partes , cada unha relata  unha experiencia de Stephen Dédalus nunha etapa da súa vida, dende que é un neno, ate que este asiste á universidade.

De lectura difícil  pola súa pesantez ao non atopar un obxectivo ou desenvolvemento claro na historia que pode desanimar a continuar en moitos momentos. Semella pola contra un exercicio literario e introspectivo do autor, no que relata as súas pasadas inquedanzas en forma de longos e traballados diálogos en momentos trascendentes da súa vida.

Un tema principal é o da relixión, pois Stephen pasa da indiferencia relixiosa inicial a converterse posteriormente nun profundo pecador, para despois arrepentirse fervorosamente abrazando de novo o cristianismo, por último e definitivamente volvendo a renegar del. Tamén xoga un papel importante o recordo constante a un amor de infancia que será para as súas ideas e decisións un enorme pilar no que apoiarse.

Polo demais, a enorme cantidade de personaxes con nomes e apelidos, que non teñen en xeral maior relevancia,  xera a impresión dun mundo moi real e caótico, onde a suma total de cada pequeno acontecemento producirá finalmente unha gran pegada.

A impresión final do libro é a de teres observado cinco momentos relativamente pouco espaciados no tempo da vida dunha persoa sensible e crítica coa sociedade na que vive, pero suficientemente longos para podernos percatar claramente da evolución dunha persoa no tempo, tanto as cousas que cambian nela, como as que siguen.

Como nota curiosa, Stephen Dedalus volverá a aparecer na obra Ulises que o autor publicaría seis anos máis tarde

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.