14 de novembro de 2012

A condena

   Baixo este título recóllese toda a obra publicada en vida polo austrohúngaro Franz Kafka. Son básicamente relatos curtos que apareceron en revistas ou periódicos e semellan ser moitos froito dunha congoxa que o autor desexa plasmar en papel ben para librarse dela ou ben para lograr sobrepoñerse a ela a través da súa comprensión ou mesmo ridiculización.

     Non pertencen por tanto a este recopilatorio as súas novelas "O castelo", "O desaparecido", nin "O proceso", publicadas despois de morto polo seu amigo Max Brod.

Sí forman parte del as seguintes obras:

a mencionada "A condena", que narra de maneira onírica a tensa relación dun pai cun fillo;

"Un médico rural", colección de 14 pequenos relatos entre os que destacan "Informe para unha academia" ou "Chácales e árabes";

"Contemplación", pequenas anécdotas da vida diaria que adquiren sentido propio a través da súa man, coma "Desdita" ou "Nenos nun camiño de campo";

o duro e cru relato "Na colonia penitenciaria" onde os nosos escrúpulos se verán levados ó limite e continuar lendo e darlle credito a unha demasiado revirada realidade será complicado;

dous diálogos do relato "Descripción dunha loita", que son dous encontros moi peculiares cun suplicante e cun ebrio, dúas conversacións inimaxinables que calqueira de nós xamáis dirixiría;

o primeiro e único capítulo da inacabada novela "Ricardo e Samuel" que conta a través de dous rapaces de carácter ben dispar as súas experiencias de viaxe por Europa, da que só coñecemos o viaxe en tren de Praga ate Zurich;

tres críticas moi valiosas dentro da súa obra que desvelan detalles do seu carácter polo estilo que lles imprimiu, ben critica pasionalmente un libro coma con extrema frialdade eloxia outro simplemente polo seu  módico precio;

a súa venerada "A metamorfose" atopa sitio neste libro e poucas son as persoas que non o liron separadamente nun libro aparte e non coñecen as aventuras de Gregorio Samsa sendo unha cascuda;

"Artista da fame", da cal Kafka lería persoalmente as primeiras probas no seu leito de enfermo pero que sería publicada despois do seu falecemento, trátase dunha colección de catro relatos entre os que se atopa o que da nome ó titulo da colección, e que sería a última que prepararía en vida.


A narrativa de Franz é curta, pero intensa. Non desaproveitemos a oportunidade de en moi poucas páxinas acadar unha chea de sensacións, qué é o que buscamos cando lemos, por moi kafkianas que sexan.


F.D.M.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.