6 de abril de 2013

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (IX)

3. Unha perla de dez millóns.

Non puiden apenas durmir aquela noite. Os escualos atravesaban os meus soños. Parecíame tan xusta como inxusta á vez esa etimoloxía que fai proceder a palabra francesa con que se designa á quenlla, requin, da palabra requiem.
Ás catro da mañá espertoume o steward que o capitán Nemo puxera especialmente ao meu servizo. Levanteime rapidamente, vestinme e pasei ao salón, onde xa se achaba o capitán Nemo.
-Está vostede disposto, señor Aronnax?
-Estouno, capitán.
-Entón, sígame.
-E os meus compañeiros?
-Están a esperarnos xa.
-Non imos pornos as escafandras?
-Aínda non. Non acheguei o Nautilus á costa, e estamos bastante lonxe do banco de Manaar. Pero fixen preparar a canoa, que nos conducirá ao momento preciso de desembarco evitándonos un longo traxecto. Equiparémonos cos traxes de mergullador no momento de dar comezo a esta exploración submarina.
O capitán Nemo conduciume cara á escaleira central, cuns banzos que terminaban na plataforma. Ned e Conseil estaban xa alí, visiblemente contentos da «pracenteira expedición» que se preparaba. Cinco mariñeiros esperábannos na canoa encostada ao flanco do Nautilus. Aínda era de noite. As nubes cubrían o ceo, deixando apenas entrever algunhas estrelas. Dirixín a mirada a terra, pero non vin máis que unha liña confusa que pechaba o tres cuartas partes do horizonte do Suroeste ao Noroeste. O Nautilus costeara durante a noite a rexión occidental de Ceilán e achábase ao Oeste da baía, ou máis ben do golfo que forma con ese país a illa de Manaar. Alí, baixo as súas escuras augas, estendíase o banco de madreperlas sobre máis de vinte millas de lonxitude. O capitán Nemo, Conseil, Ned Land e eu instalámonos a popa. Un mariñeiro púxose ao temón, mentres os outros catro tomaban os remos. Largouse a boza e afastámonos do Nautilus, con rumbo Sur. Os remeiros traballaban sen présa. Observei que os seus vigorosos movementos sucedíanse cada dez segundos, segundo o método xeralmente usado polas mariñas de guerra.
Mentres corría a embarcación polo seu camiño, as pingas líquidas golpeaban aos remos crepitando como esquirlas de chumbo fundido. Unha lixeira ondada imprimía á canoa un pequeno abalo, e as cristas dalgunhas ondas chapoteaban na proa.
Iamos silenciosos. En que pensaba o capitán Nemo? Talvez nesa terra cara á que se aproximaba e que debía parecerlle excesivamente próxima, ao contrario que ao canadense, para quen debía estar excesivamente afastada. Conseil ía como un simple curioso. Cara as cinco e media empezou a acusarse máis netamente no horizonte a liña superior da costa. Bastante chaira polo leste, elevábase un pouco cara ao Sur. Cinco millas separábannos aínda dela e o seu perfil confundíase aínda coas augas brumosas. Entre a costa e nós, o mar deserto. Nin un barco, nin un mergullador. Soidade profunda neste lugar de cita dos pescadores de perlas. Tal como dixera o capitán Nemo, chegabamos a estas paraxes cun mes de anticipación.
Ás seis, fíxose súbitamente de día, con esa rapidez peculiar das rexións tropicais, que non coñecen nin a aurora nin o crepúsculo. Os raios solares atravesaron a cortina de nubes amontoadas no horizonte oriental e o astro radiante elevouse rapidamente. Vin entón con toda claridade a terra sobre a que se elevaban algunhas árbores dispersas. A canoa avanzou cara á illa de Manaar que tomaba unha forma redondeada polo Sur. O capitán Nemo púxose en pé e observou o mar. A un sinal seu, botouse a áncora. A cadea correu apenas, pois o fondo non estaba a máis dun metro naquel lugar, un dos máis elevados do banco de madreperlas. A canoa virou deseguido ao redor da súa áncora, polo empuxe do reflujo.
-Xa chegamos, señor Aronnax -dixo o capitán Nemo-. Nesta pechada baía, dentro dun mes reuniranse os numerosos barcos dos pescadores e os mergulladores mergullaranse audazmente no seu rudo traballo. A disposición da baía é magnífica para este tipo de pesca, ao acharse abrigada dos ventos. A ondada non é nunca demasiado forte, o que favorece o traballo dos mergulladores. Imos pornos as escafandras, para comezar a nosa expedición.
Non respondín, e sen deixar de mirar aquelas augas sospeitosas, comecei a porme o meu pesado traxe mariño, axudado polos mariñeiros. O capitán Nemo e os meus dous compañeiros estaban a vestirse tamén. Ningún dos homes do Nautilus ía acompañarnos nesta nova excursión.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.