30 de abril de 2014

Fragmento de "Homes de Ningures" de Xoán Ignacio Taibo.

Galiza, 1939

Endexamais soubo o día en que nacera, nin tampou-co o lugar; somente que fora nunha aldea perdida en certa irtia serra dunha terra que dicían Galiza, tesa serra que chamarían se cadra Courel ou Cebreiro ou Ancares. Daquela non se adoitaban as partidas de nacemento. Todo o que o pai lle deixara foi o apeli-do, Freire, e alguén mandou que o chamasen Breixo.

...

29 de abril de 2014

Fragmento de Adios María, de Xohana Torres

O avó, sempre que chega do choio, séntase nunha silla de respaldo alto, este home é un tipo especial que mide un metro noventa, que tódalas mañás madruga ás seis e media cunha vontade francamente admirable, xa cho creo, digna de terse en conta se a usara para todo.
E1 fai ximnasia sueca, hai que mover a máquina, di, hai que coidarse, un exemplo fermoso para toda a familia.
Sempre que chega séntase e ponse a ler o xornal moi preto da botella e aí mas dean todas. E o aviso da vella máis ou menos así tódolos días:
—Káiser, pero home, que a tensión che sobe co alcohol.

(...)

28 de abril de 2014

CANTIGA DUNHA CULPA de Manuel Cuña

O sonó, miña amor,
o sonó aceso
ecoou nos cristais da fiestra.
Alí os cans ouveaban
o silenzo anguriante dos despoxos.

Tras a tebra roída
por unha luz que tiña en servidume
profundidá de azas,
sonou o crarín roxo do castigo.

27 de abril de 2014

Fragmento de "O enigma de Embívicus" de Xosé Antonio Perozo

ENTRE O AMOR E MAILA GUERRA

Ó Cali as prediccións do horóscopo causábanlle certa impresión de desacougo desde que as descubrira un día no xornal e o seu avó lle explicou todo o entramado da astroloxía. A partir daquela sabe que, por nacer en decembro, pertence ó grupo dos Saxitarios. Despois, querendo e sen querer, foi sabendo das características dos nados á sombra do centauro e comprobou que moitas coincidían co seu carácter ou co seu xeito de actuar. Por exemplo, din que os Saxitarios tenden a ser fachendosos e Cali, analizándose friamente, cre selo. Ós seus doce anos recén feitos está moi seguro de si mesmo, incluso presume máis do debido de ser alto, ter ollos azuis e un pelo loiro que enfeitiza ás rapazas de sexto. Anque en sétimo a máis dunha fóxelle a vista cara ó seu pupitre mentres don Raimundo se perde entre números explicando matemáticas.

...

26 de abril de 2014

Fragmento de Venenos, de Xesús Pisón

CARLOS
Eu tampouco podía durmir.
Pausa.
Levo unha semana con insomnio.

ADOLFO
Aquí estase ben. A contemplación da baía, polas noites, relaxa.

CARLOS
Non vin ao teu despacho para relaxarme.
Pausa breve.
Tampouco para espiar.

ADOLFO
¿Queres unha copa?

CARLOS
Non, gracias.

ADOLFO
¿Como vai a túa obra?

CARLOS
Ben. Quero dicir, mal. Non dou avantado.

ADOLFO
Déixao. Tal vez mañá encontres o camiño.

CARLOS
Non hai camiño. O que ocorre é que non gosto do que estou a escribir.

ADOLFO
Entón rómpeo, e comeza con outra cousa.

CARLOS
Xa é o terceiro intento que fago, e con todos fracasei.

ADOLFO
Tranquilízate. Non es un principiante. A creación precisa de vagar.

CARLOS
Non sei o que me pasa. As palabras non flúen. Estou tan confuso.

ADOLFO
Quizá non teñas claro o argumento, ou a linguaxe non sexa a adecuada.

CARLOS
Está todo claro, mais paréceme estúpido.

ADOLFO
Déixao uns días, ata que a mente se estabilice.
...

25 de abril de 2014

GIL PÉREZ CONDE [B 1522]

GIL PÉREZ CONDE [B 1522]

Quite-mi a mí meu senhor
e dé-mi un bon fiador
por mia soldada;
e irei eu, se el for,
na cavalgada.

Dé-mi o que por el perdí
e un bon penhor aquí
por mia soldada;
e irei eu, se el for i,
na cavalgada.

Sospeita-m'el e el eu;
mais entregue-m'un judeu
por mia soldada;
e, se el for, irei eu
na cavalgada.

E, senón, ficar-m'-hei eu
na mia pousada.

24 de abril de 2014

Aforismos de Leonardo

147.- Sabemos con certeza que a vista é un dos máis rápidos sentidos e que ela ve nun instante infinitas formas; con todo, só pode comprender unha cousa por vez. Poñamos por caso que ti, lector, abraces dunha onda esta páxina escrita. Recoñecerás de inmediato que está chea de variadas letras, pero non distinguirás en tan breve tempo que letras son, nin o que elas signifiquen. Serache, pois, necesario ir tomando nota desas letras, palabra por palabra e liña por liña. Do mesmo xeito, se queres subir ao alto dun edificio has de subir chanzo por chanzo, e só así chegarás ao seu cume.

23 de abril de 2014

Día Internacional do Libro

O Día do Libro é un acontecemento anual que se celebra o 23 de abril. A festa celebrouse por primeira vez baixo os auspicios da UNESCO en 1995 coa idea de fomentar a lectura.

As orixes da festa do libro están ligadas a Cataluña e á celebración do Sant Jordi (San Xurxo), cando era costume que os homes agasallasen as mulleres cunha rosa e estas o fixesen cun libro.

En España a xornada comezouse a celebrar oficialmente o 7 de outubro de 1926, en conmemoración do nacemento de Miguel de Cervantes Saavedra. O escritor e editor valenciano, establecido en Barcelona, Vicent Clavel Andrés, propuxo este día á Cámara Oficial do Libro de Barcelona. O 6 de febreiro de 1926, o goberno español, presidido por Miguel Primo de Rivera, aceptou a data e o rei Alfonso XIII asinou o decreto real que instituíu a Festa do Libro en España.

No 1930, a data conmemorativa foi trasladada para o 23 de abril, día do falecemento de Cervantes, que coincidía coa tradición festiva catalá.

O 15 de novembro de 1995, a UNESCO decidiu proclamar este día, Día internacional do libro. Esta xornada ten como fin promover o libro e fornecer a través del o acceso á cultura do maior número de persoas posible. A UNESCO decidiu o día atendendo á casualidade de que a morte de Cervantes (o 23 de abril de 1616 no calendario gregoriano) se correspondía coa data do aniversario do nacemento e morte de William Shakespeare (no calendario xuliano). Na Inglaterra daquel tempo aínda se utilizaba o calendario xuliano, que tiña unha diferenza de 10 días co calendario gregoriano que se usaba en España. Shakespeare, polo tanto, morreu 10 días despois de Cervantes. Ese mesmo día tamén se conmemora a morte do primeiro escritor mestizo, Inca Garcilaso de la Vega, fillo do conquistador Sebastián Garcilaso de la Vega e da princesa Inca Elisabet Chimpu Occlo, irmá de Huayna Capaz, último emperador indio.

22 de abril de 2014

Prolingua censura ao hotel asturiano que tachou de 'ridículo' incluír o galego nun currículo

O xornal La Región resume a iniciativa desa entidade criticando a actuación da dirección do Hotel Rural Arredondo, en Llanes, Asturias.

Certamente se a ignorancia causa felicidade un pode ser moi feliz nese hotel.

Tendo en conta a inxente cantidade de parvos no mundo é probable que ata sexa para o hotel unha boa campaña de publicidade.

Info en La Región

21 de abril de 2014

Inicio de O TERRON DISOLVENTE

O TERRON DISOLVENTE
Elvio E. Gandolfo

Eu case esquecera de Fiambretta. Pobre tipo, cun apelido así. Pero Rodríguez estaba a falar das viaxes que fai polo interior, cando no medio dos datos sobre restaurantes da ruta, sobre aventuras totalmente inverosímiis con mulleres "casadas" (como adoitaba agregar, cun deixo reverencial inútil a esta altura do partido), dos pobos e pequenas cidades que percorría, ao longo da ruta 9, mencionou a Fiambretta. Corteino en seco:
- Fiambretta, dixeches?
- Si, el. Lembras? Agora vive nos arredores de Cañada de Gómez.
Como non me ía a acordar. Sempre considerei que cargar co apelido impedira que el, Fiambretta, chegase á fama, á consagración que tanto merecía. Fixeramos Bioloxía xuntos, e aínda despois de que eu abandonara para dedicarme ao curro dos rulemanes, seguiámonos vendo. Un dos nosos entretementos favoritos era ir ver unha película a un cinema de Corrientes (detestabamos Lavalle) e despois quedarnos charlando até a madrugada nun boliche de Callao, cheo de mesas de billar, ata que saían os diarios.
Do que máis falabamos era do cosmos, da vida aquí e noutros mundos, dos misterios da célula. Ou sexa que o que falaba era Fiambretta, non eu. Para darlles unha idea do talento do home: unha noite (e recordo coma se fose hoxe que era en 1952), Fiambretta, no medio dun delirio sobre o efecto das encimas, dime, como ao pasar:
-... porque no código está todo, entendes?, todo, nunha dobre hélice. Fixate - e debuxouma nunha servilleta.
Anos despois dous parvos (ou tres, nunca lembro ben) ían sacarse o Nobel co que el descubrira de novo, desinteresado, co pucho colgando da boca como cortada a coitelo, e as mans caídas entre as pernas, no pequeno laboratorio que instalara no sobrado da casa da tía, en Caballito. 
Iso para que teñan unha idea do que valía Fiambretta. Un crack, realmente un crack.
...

20 de abril de 2014

COMA UN RÍO de Xosé María Díaz Castro

Coma un río quixera eu ser: cantar
con estrelas no lombo cara ó mar,
deixando unha chorima en cada pedra,
e unha bágoa de Deus en cada herba.

Hai unha cousa clara coma o sol:
prós nosos ollos no está feita a lus
do mundo, o abrente frío que se abreu
cando abrimos os ollos sobre o mundo.

19 de abril de 2014

Fragmento de "Galván en Saor" de Darío Xohán Cabana

Texto de Darío Xohán Cabana Yanes, nado en Roás, na Terra Chá, o 19 de abril de 1952.

—¿E logo pensa volver?
—¡E que remedio me queda! Aqueles tolos buscarán e buscarán, e desgraciarán o reino coa súa busca, e meu tío darase conta de que non vale de nada buscar cando xa sexa tarde de máis. Daquela terei de volver eu, porque meu tío é vello, e aínda que non sirva para nada quero estar cabo del neses últimos días.
—¿E el non será un caldeiro máxico ou algo así.o que buscan os seus compañeiros? -preguntou Manuel de Braes—. Dígoo porque eu teño lido aínda ben libros, e acórdaseme un que falaba dunha cousa así.
—Para uns é caldeiro, para outros é copa, para outros unha gran pedra preciosa caída do firmamento. Quizais sexa as tres cousas ou quizais ningunha, pero cousa máxica éa, e causa da ruína de tan boa terra tamén a será. Eu por min quero mellor estar aquí mentres poida, pois vou indo algo vello, e estou canso, e quixera folgar un pouco antes do meu inevitable regreso.
—E se non fose moita a pregunta —dixo Manuel de Braes—, ¿poderiamos saber cal é a gracia de vostede?
—Eu chámome Galván -respondeu o viaxeiro-, e son sobriño do rei Artur.

...

18 de abril de 2014

GIL PÉREZ CONDE [B 1519]

GIL PÉREZ CONDE [B 1519]

Mia senhor, ja eu morrerei
en vosso serviç', e por én
mi non é con mia morte ben,
porque vos non ficou de mí
filho, por quanto vos serví,
que mi criassedes por én.

Sempr'en mia mort'adevinhei
que havía a morrer por vós,
(e a morrer havemos nós);
mais por que non fiz (e m'end'é mal)
un filho vosso natural,
que achasse conselh'en vós?

Filh'a que leixass'o que hei
quisera-m'eu, senhor, fazer,
que fosse voss', e defender-
lo-íades por meu amor;
ca, pois eu por vós morto for,
que ben mi podedes fazer

17 de abril de 2014

Aforismos de Leonardo

146.- Como o ferro, por falta de exercicio, cóbrese de ferruxe, e a auga corrómpese ou se xea pola mesma causa, así o enxeño, sen exercicio, deteriórase.

16 de abril de 2014

Inicio de PITTSBURGH PHIL E COMPAÑA

CHARLES BUKOWSKI
PITTSBURGH PHIL E COMPAÑA

Este tío, Sommerfield, non traballaba en nada e ademais pegáballe á botella. Era unha especie de imbécil e eu trataba de evitarlle, pero el sempre estaba asomado colgando da xanela medio bebido. Víame saír da miña casa e sempre me dicía o mesmo:
-Hey, Hank. Por que non me levas ás carreiras?
E eu sempre lle contestaba:
-Un día destes, Joe, hoxe non.
Bo, el seguía e seguía sempre co mesmo, colgando da xanela medio borracho, así que un día díxenlle:
-Está ben, Cristo, imos...
E fómonos ás carreiras.
Xaneiro en Santa Anita, se coñeceses ese hipódromo saberías que pode facer verdadeiro frío cando estás a perder. O vento chega das montañas nevadas e os teus petos están baleiros e tremes e pensas na morte e nos tempos duros e no aluguer e todo o demais. Non é un sitio moi agradable para perder. En Hollywood Park polo menos podes volver á túa casa bronceado.
...

15 de abril de 2014

Veladas Indecentes

Fragmento de Veladas Indecentes, de Manuel María Lourenzo Lourenzo, nado en Ferreira do Valadouro o 15 de abril de 1943.

Harker: Aqui hai un erro. Mina. Pode que sexa un erro ou unha imprecisión, non sei. Lembrar resulta tan difícil. Sen embargo, os horários son a miña especialidade.
MlNA: De que se trata?
Harker: Chego a Viena ás 6,46 ou ás 7,46? Na folla de horários figura a primeira cifra, mais aquel tren, estou seguro, levava unha hora de retraso: apontei esa particularidade no meu Diário.
MlNA: A que hora saíras de Múnic?
HARKER: Ás 20,30.
MlNA: Logo, se o tren levava unha hora de retraso...
HARKER: Tiven de chegar a Viena ás 7,45. Grácias; Mina.
MlNA: E depois de Viena, Budapest. Disque é unha cidade maravillosa.
HARKER: Non vin moito. En realidade, non sain da estación. Temia perder o tren seguinte, devido ao retraso do anterior. Por sorte, esta vez foi pontual e chegamos a Klausenburg depois da anoitecida. 
...

14 de abril de 2014

Inicio de O ELIXIDO

O ELIXIDO
Eduardo Goligorsky

Fermín Eslamiada non podía conciliar o soño. Era estraño. Tiña os ollos pechados e estaba realmente canso, pero non podía conciliar o soño. Cambiaba de posición na cama, pensando que quizais lle incomodaba o brazo mal dobrado, ou a perna encolleita, ou a posición forzada do pescozo. Pero non gañaba nada con esas voltas.
A calor era atafegante, coma se as paredes aprisionaran e solidificaran todo o bochorno do día, e Fermín Eslamiada sentía como unha desas figuriñas encerradas nun bloque plástico e trasparente que ultimamente se vían nos escaparates.
Xunto a el durmía a Rufina, respirando serenamente, e a intres facía soar a lingua contra o padal con eses chasquidos húmidos que segundo ela eran produto da imaxinación de Fermín.
- Deixate de coñas! - ría a Rufina cada vez que el mencionaba o tema -. Que vou facer con eses ruídos mentres durmo!. Vos si que roncaste onte á noite. Non puiden pegar un ollo.
Pero claro que a Rufina chasqueaba a lingua en soños, como agora mesmo, mentres el viraba outra vez na cama pensando que o seu ombreiro entumecido era a causa do insomnio.
Ese día fora como todos os outros de traballo esgotador no muíño fariñeiro. As bolsas parecían pesarlle máis sobre as costas, coma se unha columna de aire denso e quente engadirase á carga habitual. E non ocorrera nada que puidese preocuparlle. Á tarde pasou polo café, antes de volver á casa, e discutiu cos raparigos, pero sen porse nervioso nin entusiasmarse demasiado. Que como formaría San Lorenzo o domingo; que se a última carta do Home era auténtica, que se había noticias de Roque, que estaba preso pola pancada que lle pegara á súa muller cando a atopou no centro, moi agarrada do brazo doutro tipo. Bah, macanas.
Pero agora non podía durmir.
A transpiración lle chorreaba por todo o corpo. Un mosquito pasou zumbando. Fermín esperou listo para pegarlle un lapote apenas sentise o cosquilleo das patas sobre a súa pel. O mosquito foise e a el nin sequera quedoulle ese desafogo. 
Alguén tiña acendida a radio, e Fermín entretívose un momento tratando de descifrar o que cantaba esa voz gangosa. Púxose máis nervioso cando non entendeu nada. O cachorro de don Pedro empezou a baduar. Ao intre todos os cans do barrio estaban aullando.
Deu outra volta na cama e rozou sen querer a perna espida da Rufina. 
Esta interrompeu un chasquido da lingua, e Fermín pensou que á fin e ao cabo sería unha sorte se ela espertaba. Entón tería quen o acompañase no seu insomnio. Pero a Rufina separouse del e seguiu durmindo.
Carallo, díxose Fermín, mañá vou estar bombeado cando vaia ao galpón. E se se me cae unha bolsa e o capataz berra vanme a sobrar motivos para perder o soño.
A pesar dos seus esforzos, Fermín Eslamiada seguiu esperto. Porque sen que el sospeitáseo, o raio estaba enfocado sobre o seu corpo.
...

13 de abril de 2014

MEU de Manuel Luís Acuña

E veño de non sei donde
e voume pra donde veño.

Un equis preto na fronte,
circo fechado meu peito.
O pasado xeroglífico.
O presente cero e cero.
Índice, suma, tratado,
alfa e omega de min mesmo.
Mariñeiro a marinar
no océano do segredo.
Dorna vogando á deriva,
sin vela, timón nin remo.
...

12 de abril de 2014

Fragmento de Lugar, de Raul Dans

Raúl Dans naceu na Coruña en 1964, é dramaturgo, guionista e actor de dobraxe.

David: ¿Lembra aquela moeda?
O viaxeiro: Lembro. Era un dólar de prata. David: Siga...
O viaxeiro: Tiña un buraco de bala no medio. Fixérallo Búfalo Bill dun disparo, seica... ¡Búfa-lo Bill! (Sorrí.) Aquel rapaz era un fachendoso, contaba unha mentira detrás doutra... Aposto a que o furou el mesmo para despois inventar a historia dun americano que nunca existiu.
DAVID: ¿E como ía chegar esa moeda ó seu poder?
...

11 de abril de 2014

Novo Libro da Colección de Libros de Peto

A Asociación Palaestra, responsable deste espazo e promotora da Federación Galega de Béisbol, editou un pequeno libro sobre curiosidades do béisbol para axudar á difusión deste deporte e dar a coñecer o centenario da primeira nova de béisbol nun xornal galego e os vinte e cinco anos de existencia da Federación Galega.

10 de abril de 2014

Aforismos de Leonardo

145.- Comer con desgana converte o alimento en repulsivo manxar. Así, o estudo sen vontade malogra a memoria, que non retén entón nada do que toma. 

9 de abril de 2014

GIL PÉREZ CONDE [B 1518]

GIL PÉREZ CONDE [B 1518]

Pos conta el-Rei en todas fronteiras
que nen en vilas nen en carreiras
que non comian galinhas na guerra;
ca diz que dizen as veedeiras
que será perdimento da terra.

A concelhos e a cavaleiros
mandan comer vacas e carneiros,
mais non comian galinhas na guerra;
ca diz que dizen os aguireiros
que será perdimento da terra.

Comian porcos frescos e toucinhos,
cabritos, cachaç'e ansarinhos,
mais non comian galinhas na guerra;
ca diz que lhi dizen os devinhos
que será perdimento da terra.

8 de abril de 2014

Inicio de A danza dos Mortos

A Danza dos Mortos
Christie Golden

 -Liza está espléndida esta noite, verdade? -rumoreou Sardan a Larissa mentres contemplaban a actuación da estrela do espectáculo.
A moza de cabelos brancos levantou a mirada cara a Sardan cunha expresión riseira e asentiu entusiasmada.
Liza Penélope, a primeira actriz do pracer do pirata, estaba soa no escenario do barco-teatro A Demoiselle du Musarde, no medio dun decorado creado por un mago experto en ilusionismo; os seus espidos pés afundíanse en areas brancas e unhas gracis palmeiras inclinábanse sobre ela; mesmo se algún dos presentes non desexaba escoitar a súa aguda voz, podía deixarse arrullar polo afastado rumor das ondas. Esa atención aos detalles, xunto coas dotes musicais de Liza, propiciaban a enorme popularidade da Demoiselle nas cidades portuarias onde atracaba.
A bela soprano botou a cabeza cara atrás e cantou a pleno pulmón; o seu vermello cabelo inflamouse no resplandor dun sol tropical ilusorio. Larissa tiña a sensación de que cada nota era máis pura, máis potente que outras veces.
A moza bailarina e Sardan, o actor principal, contemplaban a Liza desde detrás do pano. O papel de Larissa na obra xa concluíra, pero quedou a escoitar o último dúo. O atractivo Sardan axustouse o traxe, cepillouse distraído os louros cabelos por última vez e avanzou cara ao escenario cos brazos tendidos cara a Liza.
Non, non temades, adorada Rose; o voso amante ha de regresar polo corazón roto e a man xentil da Dama do Mar.
...

7 de abril de 2014

OS DÍAS DO CAN

Inicio de OS DÍAS DO CAN
Kit Reed

A especialidade da autora estadounidense Kit Reed consiste en pór en evidencia as contradicións da nosa sociedade expondo situacións límite e aparentemente absurdas, pero que resultan altamente desazonadoras pola súa indubidable conexión coa realidade actual.

Aquela tarde, cando Norton Enfield volvía a casa polo parque, estaba contento e pesaroso por non ter consigo a «Dirk». Mentres o tivese escondido na súa casa, «Dirk» estaba a salvo, igual que todo o do apartamento. Ademais, Enfield nunca sentía cómodo con «Dirk». Movíase con graza aterciopelada, sen que apenas bastase a man de Enfield para suxeitar a súa correa. O mozo tiña que recoñecer que sentíase mellor enfrontado a fotógrafos, desviados e outros diversos perigos, que baixo a vixiante mirada amarelada do can. 
Sempre sentía inquedanza ante a aura de poder comprimido do doberman, os seus cabeiros rutilantes, e os músculos tensos e aceirados baixo a relucente pelame. «Dirk» cando el e Myrna falaban, contempláballes paseando a mirada dun ao outro, e Enfield, máis dunha vez, levara á súa esposa á cociña, a fin de poder conversar con ela a soas. Non podía escorrentar a sensación de que o can comprendía e desaprobaba canto el dicía. Con todo, con «Dirk» ao seu lado, Enfield non perdería a súa carteira, ningún canalla atreveuse a atacarlle e, certamente, ninguén lle habería vapuleado; ao contrario, Enfield experimentaría o pracer de ver como «Dirk» desgarraba as gorxas dos seus agresores antes de que puidesen gritar pedindo auxilio.
Deixara a «Dirk» na casa porque Myrna insistiu niso: as brigadas de contaminación empezaban a ampliar as súas procuras e as súas misións de destrución, e emboscados detrás de cada arbusto había vixiantes civís con redes e automáticas ben cargadas. Ao saír do apartamento, pasoulle pola mente que, se perdía a «Dirk», el e Myrna estarían xa completamente sós, pero Myrna dixera simplemente:
-Non te levarás a «Dirk», non; polo menos, tal como están as cousas.
E o can ensinou os dentes, empezando a gruñir.
«Dirk» era o can de Myrna, realmente; levárao a casa despois de que a atracaron no ascensor por cuarta vez nunha semana. Enfield volveu do traballo, e atopouna na sala cun cachorro de patas delgadas que non correteou nin saltou como adoitan facer os cachorros, senón que levantou a cabeza como un cabalo de carreiras e miroulle cun ollo bordeado de branco.
-Que é isto?
-A miña protección.
Myrna estaba aniñada no chan, xunto ao can, mirándolle a través dunha mata de pelo escuro, moi brillante.
-Verdade que é adorable?.
A cabeza do can tiña forma de diamante, como a dunha serpe, e dirixiu a Enfield unha mirada madura, de cálculo.
-Como se chama? -inquiriu Enfield.
Myrna, que sempre chamara Norty a Enfield, e burlábase del por non ter un nome cortante como unha daga, repuxo:
-«Dirk». É moi cariñoso, e é tan fermoso como un raparigo. «Dirk Storm».
-Ben, supoño que vas pospolo ao bebé.
-Por algún tempo.
Graciosamente, a moza ladeou a cabeza, que era tan sedosa como a do cachorro.
...

6 de abril de 2014

Fragmento de Última Fuxida a Harar

Texto de Xosé Antón Avilés Vinagre, coñecido como Avilés de Taramancos, nado en Boa (Noia) o 6 de abril de 1935 e finado na Coruña o 23 de marzo de 1992.

ERA fermosa a noite: a grande lua nunca violada, 
o lobo e o seu paso, o cazador no escuro 
e a machada de sílex a brillar.

5 de abril de 2014

Fragmento de Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo.

Francisco Xabier Puente Docampo naceu en Rábade o 5 de abril de 1946, mestre, escritor, contacontos e actor de teatro.

A min as historias que máis me gustan son as que naceron para seren contadas oralmente; aquelas nas que a súa esencia é a de se converteren no aire e no son que sae da boca dunha muller ou dun home que conta un conto. Por iso nestas hai moito de recordo e de homenaxe a meu pai que era un gran contador de historias.
Desa maneira oral recibín tantas, que teño a alma chea delas. Historias que me contaron e alí aniñaron. Historias que coma estas que hoxe poño aquí, fixéronme ir para a cama moitas noites con medo, e alí pelexaba por permanecer cos ollos abertos para notar como o luar aliviaba a escuridade do cuarto; aquela luciña escorrentaba o medo, e desa maneira eu era o dono do territorio que ocupaba. O segredo estaba en non me deixar levar a aqueloutro no que habitaban os monstros.

...

4 de abril de 2014

Concurso de relato e de ilustración

A revista Búsola convoca dous micropremios (un de relato e outro de ilustración) dirixido a captar novos talentos de entre 18 e 30 anos. Máis aló do modesto  premio metálico (80 euros), a revista abre as súas páxinas para os traballos gañadores. O prazo está aberto ata o día 30 deste mes de abril.

Preme aquí para ver como participar neste certame.

3 de abril de 2014

Aforismos de Leonardo

144.- Quen discute alegando a autoridade, non aplica o enxeño, senón máis ben a memoria. 

2 de abril de 2014

Premio García Barros de Novela

O Concello da Estrada, ceou o PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES).
Deste xeito quere testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista DON MANUEL GARCÍA BARROS, mestre e fillo dese Concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas.
O Concello da Estrada en colaboración coa Consellería de Educación e a Editorial Galaxia convoca o XXVI PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES), cunha dotación de 9000 euros.
Ver a páxina do premio.

1 de abril de 2014

Inicio de AS RUÍNAS CIRCULARES

AS RUÍNAS CIRCULARES
Jorge Luís Borges

Ninguén o viu desembarcar na anónima noite, ninguén viu a canoa de bambú sumíndose no lodo sacro, pero aos poucos días ninguén ignoraba que o home taciturno viña do Sur e que a súa patria era unha das infinitas aldeas que están augas arriba, no flanco violento da montaña, onde o idioma zend non está contaminado de grego e onde é infrecuente a lepra. O certo é que o home gris bicou o lodo, subiu pola ribeira sen apartar (probablemente, sen sentir) as cortadeiras que lle laceraban as carnes e arrastrouse, mareado e ensanguentado, até o recinto circular que coroa un tigre ou cabalo de pedra, que tivo algunha vez a cor do lume e agora o da cinza.
Ese redondel é un templo que devoraron os incendios antigos, que a selva palúdica profanou e cuxo deus non recibe honra dos homes. O forasteiro tendeuse baixo o pedestal. Espertouno o sol alto. Comprobou sen asombro que as feridas cicatrizaran; pechou os ollos pálidos e durmiu, non por fraqueza da carne senón por determinación da vontade. Sabía que ese templo era o lugar que requiría o seu invencible propósito; sabía que as árbores incesantes non lograran estrangular, río abaixo, as ruínas doutro templo propicio, tamén de deuses incendiados e mortos; sabía que a súa inmediata obrigación era o soño.
Cara á medianoite espertouno o berro inconsolable dun paxaro. Rastros de pés descalzos, uns figos e un cántaro advertíronlle que os homes da rexión espiaran con respecto o seu soño e solicitaban o seu amparo ou temían a súa maxia. Sentiu o frío do medo e buscou na muralla dilapidada un nicho sepulcral e tapouse con follas descoñecidas.
...