24 de maio de 2014

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (LXII)

-Que beleza! Que beleza! -exclamou Conseil.
-Si, é realmente un espectáculo admirable. Non é certo, Ned? -dixen.
-Si, mil diantres! -replicou Ned Land-. É soberbio! Forzoso éme admitilo, mal que me pese. Nunca se viu nada igual. Pero este espectáculo pode custarnos caro. E, por dicilo todo, creo que estamos a ver cousas que Deus quixo prohibir ao ollo humano.
Tiña razón Ned. Era demasiado belo. De súpeto, un berro de Conseil fíxome volverme.
-Que pasa? -preguntei.
-Peche os ollos o señor! Non mire -dixo Conseil, á vez que se tapaba as pálpebras coas mans.
-Pero que che ocorre, raparigo?
-Estou cegado, estou cego!
Involuntariamente mirei ao cristal, e non puiden soportar o lume que o inflamaba.
Comprendín o que ocorrera. O Nautilus acababa de porse en marcha a gran velocidade, e os escintileos tranquilos das murallas de xeo tornáronse en raias de lume, nas que se confundían os fulgores das miríadas de diamantes. Impulsado polo súa hélice, o Nautilus viaxaba nun xoieiro de lóstregos.
Os paneis desprazáronse entón tapando os cristais. Cubriamos coas mans os nosos ollos, nos que danzaban esas luces concéntricas que flotan ante a retina cando os raios solares golpeárona con violencia. Foi necesario que pasase un tempo para que se acougasen os nosos ollos. Ao fin, puidemos retirar as mans.
-Non podía crelo -dixo Conseil.
-E eu non podo crelo aínda -replicó o canadense.
-Cando volvamos a terra -engadiu Conseil- tras ver tantas marabillas da natureza, que pensaremos deses miserables continentes e das pequenas obras xurdidas da man do home? Non, o mundo habitado xa non é digno de nós.
Tales palabras en boca dun impasible flamenco mostran até que punto de ebulición chegara o noso entusiasmo. Pero o canadense non deixou de botar sobre el o seu xerro de auga fría.
-O mundo habitado! -dixo, movendo a cabeza-. Estea tranquilo, amigo Conseil, nunca volveremos a el.
Eran ás cinco da mañá, e xusto naquel momento produciuse un choque a proa. Comprendín que o espolón do Nautilus acababa de penetrar nun bloque de xeo, a consecuencia probablemente dunha manobra errónea, pois a navegación non era fácil naquel túnel submarino obstruido polos xeos. Supuxen que o capitán Nemo modificaría o rumbo para eludir os obstáculos e avanzar polas sinuosidades do túnel cara a adiante. Con todo, contra o que eu esperaba, o Nautilus tomou un movemento de retroceso moi vivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.