13 de maio de 2014

O vixia no centeo II

O LIBRO

Holden Cauldfield, coñecendo que vai ser expulsado, tamén, deste último colexio, decide deixalo antes. Pasa tres días na cidade de Nova York e conta a historia do que fixo e sufriu nese tempo, desa fuxida cara adiante que o leva a deambular polas rúas da cidade queimando ata o último recurso, mentres a depresión o vai afectando.
Narrada moi subxectivamente, utilizando unha linguaxe propia da mocidade e facendo unhas análises da realidade mediatizadas pola peculiar personalidade do protagonista.
Cunha personalidade nerviosa e sensible, Holden, na transición da adolescencia á madurez, enfróntase no decurso dunhas poucas horas cos grandes temas que preocupan a todos os mozos: o seu lugar na sociedade, os valores que se afianzan e se desbotan, a actitude fronte á morte, o amor, a amizade, a iniciación ao sexo: contado todo con humor e unha extraordinaria intensidade narrativa, nun maxistral relato en primeira persoa.
Holden Caulfield é desde 1951 –ano da publicación de O vixía no centeo– o sinónimo de adolescente inconformista, o símbolo da autoafirmación do individuo fronte a un medio hostil. Neses tres días nos que, cronoloxicamente, se desenvolve a novela, Holden enfróntase ás súas propias contradicións e ao imperioso desexo de fuxida. Fuxir do mundo que lle agarda ao medrar, como se nese fuxir a única saída fose inmobilizar o tempo.
O vixía no centeo está considerado coma un dos clásicos da literatura norteamericana contemporánea. Centos de miles de estudantes de todo o mundo descobren cada ano o pracer da literatura da man do escritor J.D. Salinger. A tradución ao galego acadou ata oito reedicións, converténdose nunha das traducións para o galego máis aceptadas polo público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.