21 de xuño de 2014

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (LXVI)

Naquel momento, o capitán Nemo, que dirixía o traballo á vez que traballaba el mesmo, pasou xunto a min. Toqueille coa man e sinaleille as paredes da nosa prisión. A muralla de estribor achegarase a menos de catro metros do casco do Nautilus. O capitán comprendeu e fíxo signo de seguirlle. Retornamos a bordo. Quiteime a escafandra e acompañeille ao salón.
-Señor Aronnax -díxo-, hai que recorrer a algún medio heroico. Se non, imos quedarnos selados, como no cemento, por esta auga solidificada.
-Así é -dixen-. Pero que facer?
-Ah, se o meu Nautilus fose capaz de soportar esta presión sen quedar esmagado!
-Por que di iso? -preguntei, non comprendendo a idea do capitán.
-Non comprende que se así fose a conxelación da auga habería de axudarnos? Non se dá conta de que
pola súa solidificación faría estalar estes bloques de xeo que nos aprisionan, do mesmo xeito que fai
estalar ás pedras máis duras? Sería un axente de salvación no canto de selo de destrución.
-Si, talvez, capitán. Pero por moita resistencia que poida ofrecer o Nautilus non é capaz de soportar esta espantosa presión sen esmagarse como unha chapa.
-Seino, señor. Non hai que contar co socorro da natureza, senón unicamente connosco. Hai que oporse á solidificación. Hai que contela, freala. Non só se estreitan as paredes laterais, senón que, ademais, non quedan máis de dez pés de auga a proa e a popa do Nautilus. A conxelación acósanos por todas partes.
-Durante canto tempo permitiranos respirar a bordo o aire dos depósitos?
O capitán miroume de fronte.
-Pasadomañá, os depósitos estarán baleiros.
Invadiume unha suor fría. E, con todo, a súa resposta non debía asombrarme. O Nautilus mergullarase baixo as augas libres do Polo o 22 de marzo e estabamos a 26. Había xa cinco días que viviamos a expensas das reservas de a bordo. E o que quedaba de aire respirable había que destinalo aos traballadores. No momento en que isto escribo, a miña impresión é aínda tan viva, que un terror involuntario apodérase de todo o meu ser e paréceme que o aire falta aos meus pulmóns.
Namentres, o capitán Nemo, inmóbil, silencioso, reflexionaba. Era manifesto que unha idea axitaba a súa mente. Pero parecía rexeitala, responderse negativamente a si mesmo, ata que por fin a exteriorizou.
-Auga fervinte -murmurou.
-Auga fervinte? -dixen sorprendido.
-Si, señor. Estamos pechados nun espazo relativamente restrinxido. Non se podería elevar a
temperatura deste medio e atrasar a súa conxelación mediante chorros de auga fervinte proxectados polas
bombas do Nautilus?
-Hai que facer a proba -dixen resolto.
-Fagámola, señor profesor.
O termómetro rexistraba sete graos baixo cero no exterior.
O capitán Nemo conduciume ás cociñas, onde funcionaban grandes aparellos destiladores que fornecían auga potable por evaporación. Enchéuselles de auga e descargouse sobre ela toda a calor eléctrica das pilas a través dos serpentíns bañados polo líquido. Nalgúns minutos, a auga alcanzou unha temperatura de cen graos e puido ser enviada cara ás bombas mentres ía sendo continuamente renovada. A calor desenvolvida polas pilas era tal que a auga fría extraída do mar chegaba xa fervendo aos corpos das bombas tras atravesar os aparellos.
As tres horas do comezo da operación o termómetro marcaba no exterior seis graos baixo cero. Gañaramos un grao. Dúas horas despois, o termómetro non indicaba máis que catro graos.
-Conseguirémolo -dixen ao capitán, tras seguir e controlar por numerosas observacións os progresos da operación.
-Creo que si - respondeu-. Evitaremos o esmagamento. Xa só nos queda por temer a asfixia.
Durante a noite, a temperatura da auga subiu até un grao baixo cero. Non se puido elevala máis, pero como a conxelación da auga mariña non se produce máis que a dous graos baixo cero, quedei definitivamente tranquilizado ante o perigo da solidificación.
Ao día seguinte, 27 de marzo, arrincáronse xa seis metros de xeo do alvéolo e quedaban soamente catro. Iso significaba corenta e oito horas máis de traballo. E o aire non podía xa ser renovado no interior do Nautilus, polo que aquel día a nosa situación foi empeorando máis e máis.
Atafegábame unha pesadez invencible, unha sensación de angustia que alcanzou un grao de opresión
intolerable cara ás tres da tarde. Os bostezos dislocaban a miña quixasa. Xadeaban os meus pulmóns
en busca do fluído indispensable á respiración, que se rarificaba cada vez máis. Tendido, sen forzas, case sen coñecemento, embargábame unha torpeza física e moral. O meu bo Conseil, afectado dos mesmos síntomas, sufrindo idénticos padecementos que eu, non me deixaba, apertábame a man, animábame. Ás veces ouvíalle murmurar:
-Se eu puidese non respirar, para deixar máis aire ao señor.
Víñanme as bágoas aos ollos ao ouvirlle falar así.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.