18 de xullo de 2014

Fragmento de "O enigma de Embívicus" de Xosé Antonio Perozo

—¡Non hai dereito! —enrabechouse o Quique—, tiñan que seguir buscando, Cali non pode estar morto...
—Tragouno a terra —murmurou resignadamente Paco.
Susana botouse a chorar, sen importarlle xa que a visen. A sensación de culpabilidade agrandábase ata impedirlle respirar. Sacou do peto a foto a toda cor de Cali e viuno sorríndolle con lástima. Coma se o retrato puidese poñerse triste. Unha vez máis veulle á cabeza a imaxe do Cali do seu soño. Pero Cali xa non era un doncel, nin un príncipe azul, nin un heroe, nin ela a princesa capaz de devolverlle a vida. Tragárao a terra e alí no fondo seguro que non existen nin prados floridos nin soños para espertar contos de fadas.
Achegou a foto ós labios e bicouna mentres limpaba as bágoas.
Os veciños comezaron a retirada cara ás súas casas, lentamente, cunha fonda sensación de inquedanza. Comezaba o día de loito oficial, as festas do San Xoán quedaban suspendidas, pero o que máis lles preocupaba era a posibilidade de que o embigo estivese realmente vivo, como lles viñera dicilo director do Circo Hungría.
—E cando un forasteiro o di, é verdade —afirmou don Froilán.
...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.