30 de decembro de 2014

Fragmento de Xa vai o Griffón no vento, de Alfredo Conde

Abeirado ó pazo do señor arcebispo, restregando o lombo contra o soarego da porta e coa ollada na fonte que, adosada ós muros catedralicios, curiosamente apunta cara ó sueste, o Visitador cismaba na fugacidade dos tempos e mais no feble da súa consistencia; ensimesmado, absorto na contemplación do cano que deitaba unha auga que supuña morna e mesmo apetitosa, o moi galopín sabía que o serán estaba a devalar e que axiña os pradairos abalarían a ladaíña do solpor. A mesma ladaíña máis ben monótona e aburrida, que só de pensar nela se lle encollía o ánimo e facía que se sentise espido e coma arrenegando de toda escuridade, de toda dúbida, mesmo de toda condición.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario