31 de decembro de 2015

Poesía popular

Eu caseime por un ano
por saber qué vida era;
o ano vai acabando,
solteiriño quen me dera.

30 de decembro de 2015

Inicio de O LUME MORTO, de Edelmiro Vázquez.

Consumido de ir de porta en porta
nas andainas do non, desalentado,
adentreime na casa do pasado
e achei no fogar a cinza morta.

...

29 de decembro de 2015

Fragmento de Grupo Abeliano

Fragmento de Grupo Abeliano, de Xosé Cid Cabido, nado en Xunqueira de Ambía o 29 de decembro de 1959

Creo que non ten teléfono.
Arrisquémonos. Se non está na casa, polo menos vemos mundo.
¿Quen quere ver mundo?, o mundo é igual en todas partes.
Vale, home, era só unha forma de falar. Ti que propós.
A verdade é que tampouco se me ocorre nada.
¿Nada a ninguén?
Suicidémonos, ¿que vos parece?
Faime moita gracia que digas iso.
Si, é realmente gracioso facer unha proposta de suicidio colectivo. Agora están moi de moda, coa fin de milenio. Sempre sucede, por simpatía: acaba algo, acabemos todos. A xente móvese ás veces por non desentoar.
Eu propoño quedarmos aquí a falar ata que pechen o local.
...

28 de decembro de 2015

Inicio de A Visión do Edén, de Howard Fast

A Visión do Edén - Howard Fast

Estaban en órbita; a viaxe terminara. Cruzaron o baleiro, salvaron todos os abismos do tempo e da imaxinación, sondaron o insondable, e pasaron polos sete círculos do inferno. Estaban cordos, aínda que coñeceron as simas da aflición e as tentacións do suicidio; e estaban vivos, aínda que enfrontaron as distintas mortes que agardan no espazo sen límites.
 
Experimentaron un medo e un terror indescritibles e agora podían falar dese medo e dese terror. Eran sete, tres mulleres e catro homes, e viviran cinco anos pechados dentro daquela nave estelar. Estaban a moitos anos luz da Terra; a nave atravesara as estrañas curvas do espazo, alterando e deformando os cálculos e a xeometría coñecidos polo home, chegando até o outro bordo do espazo. E agora permanecían nunha órbita silenciosa e ondulante, sobre un planeta tan azul, tan verde e tan fermoso como o que deixaran atrás.
...

27 de decembro de 2015

Poesía popular

Non teño ganas de rir,
nin de rir, nin de cantar;
teño ganas de dormir,
de dormir e descansar.

26 de decembro de 2015

Inicio de LUMBI

MUJICA LAINEZ - LUMBI

Camiñara a noite enteira sen darse descanso. Á alba, tombouse entre uns palleiros fronte ao río. Estaba na rexión que empezaba a chamarse Montes Grandes, polas súas arboredas. Durmiu horas e horas ata que a espertaron, co alto sol, os paxaros que cantaban e rifaban na barranca.
Lumbi estirou o seu longo corpo e, alzándose sobre un cóbado, contemplouse durante bo espazo, como absorta. Era, aos trece anos, unha das benguelas de maior fermosura: tan negra que a súa carne brillaba coma se tivese lustre ou coma se acendérona por dentro. Rompía a súa pulimentada nudez un colar de dentes de crocodilo, que lle dera o seu pai, rei de Angola, cando os portugueses arrincárona da súa cabana. Na cintura, mal anudado, levaba un anaco breve de pel de antílope. Tanto cegaba a súa beleza, que se dixese que por un momento tivo conciencia da súa graza elástica, e esqueceu a súa desventura. Pasouse unha man, suavemente, sobre os peitos nacentes, agudos, e desperezou. Logo púxose de pé dun salto, botou cara a adiante a cabeza pequena, de pelo curto e duro, e asomou entre as pallas bravas os seus olliños vivaces, o seu naris chato, a súa ancha boca de fame e de sensualidade.
O Río da Prata morría sobre os xuncos, aos que imprimía un soñoliento vaivén na tarde de marzo. Detrás, a barranca ascendía con ceibos e chañares.
No cume escaso erguíase unha cala, entre cuxo ramallo os zorzais atacabanse con berros destemplados.
...

25 de decembro de 2015

Inicio de A NOITE DO APALPADOR

A NOITE DO APALPADOR
de Xurxo Valcarlcel

Esta noite feiticeira,
loguiño de te durmir,
entre a neve silandeira
o Apalpador ha de vir.


FELICES FESTAS!

24 de decembro de 2015

Fragmento de Nana do Apalpador

...
Dorme que ben, a apalparche
e aloumiñarche a barriguiña
e a deixarche para o almorzo
castañas ben quentiñas...
...

De Xaime da Guarda

23 de decembro de 2015

TODO DEPENDE DUN CABELO de Fredric Brown


TODO DEPENDE DUN CABELO
Fredric Brown

A esposa do señor Decker volveu de Haití.
Fora soa. Decidiran pasar un tempo separados para arranxar logo amistosamente o divorcio. Pero iso nada cambiara.
Detestábanse aínda un pouco máis que antes.
- Divide en dúas partes - Esixiu firmemente a señora Decker -. A metade do teu diñeiro e dos teus bens.
- É ridículo - Replicou con aspereza o señor Decker.
- Ridiculo, eh? Se quixese teríao todo. En Haití, estudiei vudú.
- E que?
- Que se non fose unha muller honrada morrerías por paralización do corazón. O vudú non deixa pegadas.
- Tonterias! - Exclamou con superioridade o señor Decker.
- Ben, permíteme facer a proba. Un anaco de uña ou de cabelo e verás!
- Patrañas! - Afirmou o bo señor Decker.
- Fágoche unha proposición, probamos. Se non dá resultado, divorciámonos e non pido nada. Se sae ben, herdo e voume moi agradecida.
- De acordo - Dixo o señor Decker
- Trae cera e un alfinete.
Mirouse as uñas.
- Demasiado curtas. Dareiche un cabelo.
Foi ao cuarto de baño e volveu cun cabelo nun tubo de aspirina. A señora Decker abrandara xa a cera. Afundiu nela o cabelo e a modelou groseramente en forma de ser humano.
- Lamentaralo - Asegurou, mentres afundía a agulla no peito da figura.
O señor Decker sorprendeuse, pero de maneira agradable. Non cría no vudú, pero era prudente. Ademais, sempre lle irritou que a súa muller non limpase nunca o peite.

FIN

22 de decembro de 2015

Fragmento de Lugar, de Raul Dans

Raúl Dans naceu na Coruña en 1964, é dramaturgo, guionista e actor de dobraxe.

O vello: Si, señor. Aquí falabamos do futuro, do que habiamos ser e facer. Tiñamos a vida por diante, deveciamos por esgotar o noso tempo... E agora que a fin está próxima, veña a lembrar, coma se nese constante remexer no pasado fose dar coa maneira de mudar o porvir... (Pausa.) ¡Non faga caso! Son os disparates dun vello tolo que lamen-ta ter estragado a súa vida nunha loita sen sentido.


...

21 de decembro de 2015

Fragmento de Canta de cerca a morte, de Darío Xohan Cabana

Se cando a morte pálida me apañe
deixo no mundo un pouco de memoria,
eu quero que o teu nome me acompañe,
se che pode servir dalgunha gloria;

...

20 de decembro de 2015

Cuidava-m' eu, quando non entendia

Cuidava-m' eu, quando non entendia

Pai Soarez de Taveirós

Cuidava-m' eu, quando non entendia
que mal sen era de vós ben querer,
senhor fremosa, que m' én partiria
atanto que o podess' entender;
mais entend' ora que faç' i mal sen
de vós amar, pero non me part' én,
ante vos quero melhor todavia.

En mi cuidava que non poderia
de vós viir, mha senhor, se non ben,
ca non cuidei que me de vós verria
tan muito mal como m' agora ven;
e fazia dereito, ca non al,
en non cuidar que me veesse mal,
senhor fremosa, d' u o non avia.

E por mui gran maravilha terria,
senhor, que ora soubesse de qual
guisa mi ven -e dereito faria-,
ca nunca vistes maravilha tal,
ca me ven mal d' u Deus non o quis dar,
senhor, e coita mui grand' e pesar
de vós, de que mi viir non devia.


Poren, senhor, cousimento seria
e mesura grand' -assi Deus m' ampar!de
mi fazerdes vós ben algun dia,
pois tanto mal me fazedes levar;
e se mi ben fezessedes, senhor,
sabed', a vós xe estaria melhor;
e demais Deus vo-lo gradeceria.

19 de decembro de 2015

O ESCUDO DA CIDADE, de Kafka

O ESCUDO DA CIDADE

Nun principio non faltou a organizacion nas disposicións para construír a Torre de Babel; unha orde excesiva, quizá. Pensouse demasiado en guías, interpretes, aloxamentos para obreiros e vías de comunicación, coma se dispuxeran de séculos. Neses tempos, a opinión xeral era que non se podía construír con demasiada lentitude; un pouco máis e terian abandonado todo, e  até desistido de botar os cimentos.

A xente razoaba desta maneira: o esencial da empresa é o pensamento de construír unha torre que chegue ao ceo. O demais é do todo secundario. Ese pensamento, unha vez comprendida a súa grandeza, é inesquecible: mentres haxa homes na terra, existirá tamén o forte desexo de terminar a torre. Por conseguinte non debe preocuparnos o futuro. Ao contrario: o saber dos homes adianta, a arquitectura progresou e seguirá progresando; de aquí a cen anos o traballo para o que precisamos un ano farase talvez en poucos meses, e máis resistente, mellor.

Entón, a que esgotarnos agora? Iso tería sentido se tivesemos a esperanza de que a torre quedará terminada no espazo dunha xeración. Esa esperanza era imposible. O máis creible era que a nova xeración, cos seus coñecementos superiores condenase o traballo da xeración anterior e demolese todo o adiantado, para recomenzar. Tales pensamentos paralizaron as enerxías, e pensouse menos en construír a torre que en construír unha cidade para os obreiros.

Cada nacionalidade quería o mellor barrio, e isto deu lugar a disputas que culminaban en pelexas sanguentas. Esas pelexas non tiñan fin; algúns dirixentes opinaban que demoraría moitísimo a construccion da torre e outros que máis valía agardar que se reestablecera a paz. Pero non só en pelexar pasaban o tempo; nas treguas dedicábanse a embelecer a cidade, o que provocaba novas envexas e novas pelexas. Así pasou o espazo da primeira xeración, pero ningunha das seguintes foi distinta; só aumentou a destreza técnica e con ela a ansia guerreira. Aínda que a segunda ou terceira xeración recoñeceu a insensatez dunha torre que chegase até o ceo, xa estaban demasiado comprometidos para abandonar os traballos e a cidade.

En todas as lendas e cantos desa cidade está presente o vaticinio anunciante que cinco golpes sucesivos dun puno xigantesco aniquilarán a cidade. Por esa razón está o puño no escudo de armas.

18 de decembro de 2015

Fragmento de Morning Star, de Xosé Miranda Ruiz

Fragmento de Morning Star, de Xosé Miranda Ruiz, nado en Lugo o 18 de decembro de 1955.

Capítulo XIX
Compostela

Un día que amenceu con moito sol. Polas beiras do Sarela facían pinchacarneiros no aire os cirrios. A calor era excesiva, coma se se preparase unha tormenta. Xa desde o almorzo me sentín canso, pero con todo e con iso, deixando por primeira vez desde que sairamos da Disputa as alforxas no meu cuartiño, e con elas todas as armas, encamiñeime con ánimo alegre á cidade. André camiñaba ó meu carón, xogando o sol a brillarlle no rostro e nas mans que, por mor do ventimperio, foran tomando unha cor torrada, coma a dalgúns viños do Salnés. Ría e brincaba, divertíndose co día e co ambiente festeiro.
...

17 de decembro de 2015

Aforismos de Leonardo

214.- Mostrarás despois como o centelleo das estrelas ten a súa causa no ollo, e por que ese centelleo é máis pronunciado nunhas que noutras, e de que modo os raios da luz estelar afectan ao ollo. Agrega despois esta observación: que se o centelleo proviñese das estrelas, como aparentemente ocorre, a súa dilatación igualaríase ao corpo de cada estrela; se esta fose maior que a Terra, resultaría que tal movemento instantáneo sería, aínda entón, bastante veloz para redobrar a magnitude da estrela; proba despois como a superficie do aire nos confíns do lume e a superficie do lume no seu extremo, é a mesma en que os raios solares, penetrándoa, teñen semellanza cos corpos celestes: de gran dimensión, cando saen ou se pon, e pequenos cando se achan no medio do ceo.

16 de decembro de 2015

Fragmento de Soños Eléctricos

De Ramón Caride Ogando, nacido en 1957 en Cea.

A choiva escura cesou, sempre acontece así no deserto, é intensa e dura poucas horas; mais, á luz da lúa, o chan aínda reloce mollado; nas caprichosas formas do labirinto de sal as pingueiras agonizan e a superficie amosa unha brancura que semella irreal, perfecta e moribunda. Os micelios dos fungos que tapizan o chan como finas e mestas cabeleiras son devorados por enxamios de formigas miriápodas. Nin rastro de Lumia por ningures. O aire cheira a xofre, a ozono e a podremia.

...

15 de decembro de 2015

Obra de Modesto Fraga.

Obra de Modesto Fraga.

PROMONTORIO NERIO

Que cedo fica a noite e qué serodia a aurora!
qué fúlxido presente perturba o teu legado:
espida, no baixío, na pel do acantilado
agardas inherente o beixo fiel de ardora.

E nada te detén, acaso, ardora, ardora
a penas un recordo, un silencioso fado,
que nace como a cinsa da terra e do pasado;
preludio de silencio, ausencias e demora.

...

14 de decembro de 2015

Fragmento dun Conto Popular

Eran tres irmáns moi pobres. Morreron os pais e por toda herdanza deixáronlles, ó maior unha escada, ó segundo un galo, e ó terceiro unha fouciña de segar.
Vaise o do galo e dixo:
—Pois eu voume polo mundo a ver se fago algo co galo.
Marchou polo mundo adiante e chegou a un sitio no que ás doce da noite xunguían o carro e as vacas e ían buscar o día. Tiñan ese costume. Crían sen dubidalo que se non ían buscar o día non viña e era sempre noite.
E1 durmía nunha casa e viu todo aquel movemento.
—¿E para onde van?
—Imos buscar o día que, ben ti ves, se non non vén. Facemos quendas, por días e por semanas, os veciños van unha noite un e outra outro, e hoxe tócame a min.
—¡Ho, eu teño un aparello que trae o día á casa sen necesidade de xunguir as vacas nin nada!
—¡Que ha traer!
—Si.
—Pois imos probalo.
...

13 de decembro de 2015

Quantos og' andam eno mar aquí

Quantos og' andam eno mar aquí

Pai Gomez Charinho

Quantos og' andam eno mar aquí
coidan que coita no mundo non á
senón do mar, nen an outro mal ia.
Mais doutra guisa contece oie a mi:
coita d' amor me faz escaecer
a muy gran coita do mar, e tÊer
pola mayor coita de quantas son
coita d' amor a quen a Deus quer dar.
E é gran coita de mort' a do mar
mas non é tal, e por esta razón
coita d' amor me faz escaecer
a muy gran coita do mar, e tÊer
pola mayor coita, per boa fe,
de quantas foron, nen son, nen serán.
E estes outros que amor non an
dizen que non, mas eu direi qual é:
coita d' amor me faz escaecer
a muy gran coita d' amor, e tÊer
por mayor coita a que faz perder
coita do mar, que muitos faz morrer.

12 de decembro de 2015

ABSURDOS

ABSURDOS
Fredric Brown

Mr. Weatherwax untaba coidadosamente de manteiga a súa torrada. A súa voz era firme:
- Querida, quero que isto quede ben claro: a partir de agora non haberá máis lecturas embrutecedoras desas no noso apartamento.
- Pero Jasson, eu non o sabía.
- Comprendido. Pero é da túa responsabilidade saber o que le o teu fillo.
- Vixiareino máis, Jasson. Non lle vin traer esta revista. Non sabía que estaba aí.
- Tampouco eu saberíao se onte á noite non movese por casualidade un coxín do sofá. A revista estaba disimulada debaixo e por suposto boteille unha ollada.
As puntas do bigote de Mr. Weatherwax estremecéronse de indignación.
- Nocións ridículas, ideas imposibles. Ciencia ficción Ah! Que bonita é a súa ciencia!
Apurou un grolo de café para acougarse.
- Ridículas vaidades! Que cousas máis absurdas! Viaxes a outras galaxias grazas á cuarta dimensión! Máquinas para viaxar no tempo, teleportación, telekinesia...! Bobadas, máis nada que bobadas!
- Querido Jasson - dixo a súa muller esta vez cun pouco de dureza - Eu garántoche que a partir de agora vixiarei as lecturas de Gerard. Tes toda a razón.
- Grazas, querida - contestou Mr. Weatherwax acougado - A mocidade non debería verse envelenada por esas ideas contaminantes.
Mirou o seu reloxo, levantouse con présa, bicou á súa muller e saíu.
Na porta do apartamento deixouse deslizar lentamente polo pozo antigravitación e flotou cara ao baixo dos 200 pisos, até a rúa onde tivo a sorte de deter inmediatamente un taxi atómico. Deu ao chofer-robot os datos do astroporto lunar. Logo descansou e pechou os ollos para captar o boletín telepático. Esperaba ouvir as noticias da cuarta guerra marciana, pero non era máis que un informe do Centro de inmortalidade.

FIN

11 de decembro de 2015

Inicio de O RETORNO

de Juan José Plans

A Terra aínda non aparecera no espazo. O astronauta consultaba nervioso os controis. Ningún fallo. Dez anos viaxando á velocidade da luz non eran suficientes como para disipar a esperanza de retornar ao mundo, que era como regresar a un pasado que parecía perdido para sempre. Esquecera a noción do tempo. Unicamente os reloxos terrestres mantíñanlle nunha realidade que era vaga nos seus pensamentos. Pero a Terra deixouse ver. Era un ínfimo punto entre millóns de puntos. Era un diminuto gran de area entre os millóns dunha praia. Dez anos son moitos anos. Esperaranme? Todo foi calculado con rigorosa precisión. E non existe nin erro de segundos. Pero é posible que se esqueceran de min. Son moitos anos dez anos. Se a radio funcionase non me sentiría tan só. O contacto cos demais finalizou case co principio da viaxe; cando escoitaba ao meu fillo, o penúltimo: «Son tan grandes as estrelas como din os libros ou son tan pequenas como se ven desde a terraza de casa?» Non lle puiden contestar. E o outro, o meu último fillo, que xa terá nove anos, como será? Neno ou nena? E como se chamará? Oh, isto debería ir máis de présa! Que cousas digo, máis de présa? Se vou á velocidade da luz, a esa velocidade que antes se cría que non se chegaría alcanzar! (Aquel ínfimo punto tomou o tamaño da cabeza dun alfinete). E Helen?
...

9 de decembro de 2015

Fragmento de Papaventos

Papaventos é unha obra de Francisco Xavier Vázquez Álvarez, coñecido como Xavier Queipo, nado en Santiago de Compostela o 9 de decembro de 1957.

Ian alá dous meses desde que soubera o prognóstico da súa doenza oftálmica, que o condenaba á cegueira nun período máximo de seis meses e a ter que rematar canto antes a súa traducción do Ensaio sobre a cegueira. Días atrás, unha semana ou dez días como máximo, Francis visitara ó oculista. Decidira continuar co mesmo oftalmólogo insensible que tempo atrás lle anunciara de xeito tan brutal o seu destino de cego sen remedio coñecido. A escolla fora o resultado dunha meditada reflexión. Se ben era certo que para o seu carácter, educado nunha sociedade distinta, nin mellor nin peor, pero distinta, a exposición que o médico fixera da súa enfermidade, da orixe, da evolución e do fatal prognóstico resultara unha chisca impresionante, se cadra esa franqueza demoledora e sen concesións era típica das sociedades anglosaxonas de relixión protestante, que entendían o exercicio da caridade dun xeito tan distinto. Ademais, por se tratar dunha enfermidade dexenerativa, de instauración aguda pero progresiva, non habería ninguén que puidese ter unha mellor idea da evolución do paciente que aquel que contase na súa bagaxe coas primeiras revisións e coas primeiras análises e o mesmo que aventurara o diagnóstico. 
...

8 de decembro de 2015

Fragmento de Expediente Artieda

Expediente Artieda foi escrito por Luis Rei Núñez, nado na Coruña en 1958.

-¿É certo que había castigos corporais no Reformatorio? —o que pregunta é Varelita, o espírito máis sensible do grupo, como todos saben. Este Varelita saíu atleta e corre federado co Hercules coruñés, e xa o viron gañar varias probas de fondo nas pistas de cinza de Riazor. Os demais, ou ben son futbolistas, a maioría, ou practican o boxeo, coma Chuco.
-Claro que si -corrobora o púxil—. Zorregábannos a eito os coidadores.... e tamén nos batiamos entre nós. A peor malleira que lembro, déronma no barracón. Foi o primeiro día que me afeitei, e todo comezou porque un merdeiro me derramou a auga da almofía por riba. Eu non esperaba que tivese un irmán maior alí, e se chego a saber a malleira que me ían dar xúrovos que quedaba coa molladura. Aquel foi o día en que decidín aprender a boxear.

...

7 de decembro de 2015

Fragmento de Unha presa de Terra

Unha presa de terra é unha obra de Marilar Aleixandre, nada en Madrid en 1947, escritora en lingua galega.

Non é certo que, cando un está a dous pasos da morte, lle pasen por diante dos ollos toda a súa vida, os intres de felicidade, os erros incontables. Tampouco é verdade que se arrepinta das pequenas traizóns, das agres discusións coas persoas amadas. O único que lamentaba Ana, mentres el asañado remexía no seu bolso á procura dunha arma sen encontrala, era a súa inimaxinable petulancia. Como puido crer que ía ser capaz de botar man dun asasino ela soa, cunha gravadora e un par de botellas de viño. Se cadra porque ata o último momento confiara en que el ía fornecer unha explicación que o deixaría libre de toda sospeita, inocente como un neno. E os dous rirían do pesadelo agochados entre as sabas. Agora o pesadelo tomara posesión da vixilia, era aquel descoñecido de ollos encarnados que maldicía mentres tiraba eousas a puñados do seu bolso e as espallaba polo chan.

...

6 de decembro de 2015

Gaita das Cantigas

Unha das ilustracións que empregamos habitualmente é a que acompaña este texto.
Pois ben, hai uns días La Voz de Galicia recollía que se ten reproducido recentemente.

Ver mais

5 de decembro de 2015

Centenario de A metamorfose (e XXXIV)

A señora Samsa e Grete inclináronse outra vez sobre as súas cartas, como para seguir escribindo, e o señor Samsa, notando que a asistenta se dispuña a contalo todo minuciosamente, detívoa, estendendo con enerxía a man cara a ela.

A asistenta, ao ver que non lle deixaban contar o que traía preparado, foise bruscamente.

-Bos días! -dixo visiblemente ofendida.

Deu medio volta con gran irritación e abandonou a casa dando unha portada terrible.

-Esta mesma tarde o despedo -dixo o señor Samsa.

Pero non recibiu resposta, nin da súa muller nin da súa filla, pois a asistenta parecía volver turbar aquela tranquilidade que acababan apenas de recobrar.

A nai e a filla levantáronse e dirixíronse cara á xanela, ante a cal permaneceron abrazadas. O señor Samsa fixo virar a súa cadeira de brazos naquela dirección, e estivo ás observar un momento tranquilamente. Logo dixo:

-Imos, imos. Esquecede dunha vez as cousas pasadas. Tede tamén un pouco de consideración conmigo.

As dúas mulleres obedecéronlle ao instante, correron cara a el, abrazáronlle e terminaron de escribir.

Logo, saíron o tres xuntos, cousa que non fixeran desde había meses, e tomaron o tranvía para ir respirar o aire puro das aforas. O tranvía, no cal eran os únicos viaxeiros, estaba alagado pola cálida luz do sol. Comodamente recostados nos seus asentos, foron cambiando impresións sobre o provir, e concluíron que, ben mirado, non era nada negro, pois os seus respectivos empregos -sobre os cales aínda non falaran claramente- eran moi bos e, sobre todo, prometían mellorar nun futuro próximo.

O mellor que de momento podían facer era cambiarse de casa. Convíñalles unha casa máis pequena e máis barata e, sobre todo, mellor situada e máis cómoda que a actual, que fora elixida por Gregorio.

Mentres charlaban, o señor e a señora Samsa déronse conta case á vez de que a súa filla, a pesar de que con tantas preocupacións perdera a cor nos últimos tempos, crecera e tíñase convertido nunha linda moza chea de vida. Sen palabras, entendéndose coa mirada, dixéronse un a outro que xa ía sendo hora de atoparlle un bo marido.

E cando, ao chegar ao final do traxecto, a filla levantouse a primeira e ergueu as súas formas xuvenís, pareceu corroborar o novos proxecto e as sas intencións dos pais.


4 de decembro de 2015

Inicio de RAZON VITAL

RAZON VITAL
Howard Fast

Loxicamente, a mensaxe redactada en escuros termos modernos, foi difundido nos Estados Unidos polo tres grandes canles de radio e televisión, en Inglaterra pola BBC, e en todos os demais países polas canles con maior alcance. Os millóns de millóns de persoas que correron a consultar a Biblia atoparon unha copia exacta bastante razoable en Éxodo 32, versículos 9 e 10: «E dixo o señor a Moisés: Vexo que este pobo é de dura cerviz. Déixame só, que se encarnice a miña saña contra eles e que os desfaga»

O anuncio emitido por radio e televisión dicía, simplemente: «É necesario manifestar unha razón que impida a destrución dos habitantes da Terra» A firma era igualmente simple e directa: «Son o voso Deus e Señor».

O anuncio ouvíase unha vez por día, ao once da mañá en Nova York, ao dez en Chicago, ao sete en Honolulú, ás dúas da madrugada en Tokio, á medianoite en Bangkok, e así sucesivamente no resto do globo. A voz era profunda, resonante, e falaba no idioma do lugar onde se facía o anuncio. A voz era dunha intensidade tal que se ouvía por encima de calquera outro programa que se estivese pasando nese momento.

A primeira reacción foi inevitable e esperada. Os rusos denunciaron aos Estados Unidos, afirmando que como os Estados Unidos, segundo eles, cometeran todos os pecados posibles no nome de Deus, agora metíanse a interceptar as transmisións de radio e televisión. Os Estados Unidos botáronlle a culpa aos chineses, e estes a o Vaticano. Os árabes culparon aos xudeus, e os franceses a Billy Graham, os ingleses aos Rusos, mentres que o Vaticano conservou a calma iniciando unha serie de investigacións.

As dúas primeiras semanas desde o comezo do anuncio foron dedicadas exclusivamente ás acusacións. Todo grupo, organismo, seita ou nación que tivese acceso ao poder foi acusado, mentres os técnicos de radio afanábanse por atopar a orixe do sinal. Aos poucos as acusacións foron desaparecendo en todos os diarios e en todos os debates da radio e a televisión, mentres seguía sen acharse a orixe da mensaxe. As discusións públicas que se suscitaron esas dúas primeiras semanas son de dominio público, non así as privadas, o que fai que os seguintes extractos sexan de interese histórico:

O KREMLIN

Reznov: - Non son técnico de radio. O camarada Grinowski é técnico de radio. Se eu fose o camarada Grinowski, volvería á universidade dez anos máis. É preferible iso, a dez anos en Siberia.

Grinowski: - O camarada Reznov fala seguramente como experto en radios.

Bolov: - A insolencia, camarada Grinowski, non substitúe á competencia. O camarada Reznov é un marxista, e iso permítelle chegar ao fondo do asunto.

Grinowski: - Vostede tamén é marxista, camarada Bolov, e ao mesmo tempo comisario de comunicacións. Por que non chegou vostede ao fondo do asunto?

...

3 de decembro de 2015

Aforismos de Leonardo

212.- E unha illa formarase tamén pola acumulación de terra ou de rocas descompostas, causada por un curso subterráneo de auga nos sitios en que se detén. 

2 de decembro de 2015

Fragmento de Venenos, de Xesús Pisón

CARLOS
Polo alcoolismo de Lino. Frederico trata de curalo.

ADOLFO
Un pobre argumento.

CARLOS
Certo, levan xuntos dez anos. Ten que haber outro motivo.

ADOLFO
Son amantes.

CARLOS
Estupendo.

ADOLFO
Xa temos o conflicto.

CARLOS
Si, o amor é mutuo, mais non a admiración. Lino idolatra a Frederico, pola súa superioridade como escritor; e este despreza a Lino.

ADOLFO
¿Pode adoralo como home e desprezalo como poeta?

CARLOS
Poñamos que o compadece.

ADOLFO
Entón Lino non é un poeta. Os poetas xamais inspiran compaixón.

CARLOS
Ben, definamos o que é un poeta.

ADOLFO
¿Ti queres escribir teatro ou ensaio?

CARLOS
Quero saber se Lino é un poeta ou non.

ADOLFO
Un escritor non sabe, inventa.

CARLOS
Lino non é un poeta. Escribía versos entre camión e camión de peixe; e na casa, os domin-gos. Despois do fútbol. Iso non é un poeta.
...

1 de decembro de 2015

Fragmento das Cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín

Todos calaban, e pouco a pouco íanse virando cara á chamada oposición, que son dous Comisionados pequerrechos que nunca renunciaron a defender ardorosamente as colores do Penarrubia C. F., rival eterno do Penaverde F. C., equipo de fútbol do que don Alberte Airas era socio de honra e vocal segundo.

Os dous membros da oposición ollaron un para o outro unha miga confusos ata que o máis baixiño recoñeceu:

—Hemos confesar que non sabemos de ningunha localidade na que se leve a cabo unha competición tal...

O Rexedor encheu o peito de aire antes de dicir:

—Aí quería eu chegar... Sómo-los primeiros do mundo... Son eu o primeiro do mundo que convoca unha corrida de nubes. ¿E isto unha idea de parvos?

Agora soaron aplausos, houbo ledicia e mesmo algún leve ataque verbal ós da oposicion, o que fixo que o menos baixo dos dous erguese a man pedindo falar.

...

30 de novembro de 2015

Fragmento de A Memoria do Boi

Memoria do Boi foi escrita por Xosé Vázquez Pintor, nado en Melide o 30 de novembro de 1946.

No Campo de San Roque, Ludmila e tres mulleres máis sacan a colcha bonita da casa do Gavioto para pendurala da única fiestra. Hai xente que vela os últimos días do carrilleiro, que está doente de vez. Gavioto non era fillo do mar da Moureira, porque nacera na Tenería, do ventre dunha moza maragata que andou en amores cun serranchín de lonxe, cabo da Guarda portuguesa, en atravesando o Douro ou o Mandeo. O neno quedou orfo e fíxose caco da poteira para sobrevivir. Medrou neste oficio de ladra e roubaba o peixe das caixas de pescadas. Acordaba sempre cedo e ía entón polos lousados antes que a luz. Ninguén sabía cal era a súa face, os ollos de lercho, pero si o perfil, que gravaban as sombras nas táboas da ponte dos bous.

...

29 de novembro de 2015

MARTÍN MOXA [B 917 / V 504]

MARTÍN MOXA [B 917 / V 504]

De Martín Moia posfaçan as gentes
e dizen-lhe por mal que é casado;
non lho dizen senón os mal dizentes,
ca o vej'eu assaz hom'ordinhado
e moi gran capa de coro trager;
e os que lhe mal buscan por foder,
non lhe vaan ja mudar o seu pecado.

E posfaça del a gente sandía
e non no fazen senón con meíça,
ca o vej'eu no coro cada día
vestir i capa e sobrepeliça;
e a eito fala el e moi melhor
diz: se por foder el é pecador,
non han eles i a fazer justiça.

28 de novembro de 2015

Fragmento de As Palabras do Exilio

As Palabras do Exilio, obra de Xesús Alonso Montero, nado en Vigo o 28 de novembro de 1928.

POST SCRIPTUM LUÍS SEOANE NQN TEN QUEN LLE ESCRIBA

Miñas donas e meus señores: Nesta conferencia propóñome falar da soidade na que viviu e traballou, nos primeiros anos do exilio, un dos grandes cidadáns galegos do século XX: Luís Seoane López. Luís Seoane, como artista plástico, como escritor, como editor e como fundador de revistas, foi unha desas figuras que honran unha cultura, e, como home, na súa conducta moral e política, honran un país e permítennos seguir crendo nas potencialidades e nas virtudes do ser humano.
Xa se teñen publicado varias biografías do gran Luís Seoane -unha delas escrita por min, en 1994, e premiada ó ano seguinte, pero creo que ninguén ten captado, na súa grandeza, o perfil dos seus compromisos cívicos e a súa lealdade ás bandeiras políticas que, na victoria ou na derrota, ennobrecen sempre o corazón dos homes. Como artista e como escritor, aínda moi consciente de que a literatura e a arte deben ser formulacións estéticas, puxo o seu traballo en todo momento ó servicio desas bandeiras e deses compromisos.
...

27 de novembro de 2015

Cavilando

Contrariamente ao que fan todos os países de economía máis ou menos sa, que limitan todo o que poden a súa fabricación de moeda para evitar a inflación, os norteamericanos lánzanse desenfrandamente a fabricar os seus billetes de dólares e a comprar con eles en todo o mundo: O chocante é o Aparvamento Xeral que fai a todos os terrestres aceptar os dólares a cambio dos seus
produtos. Resulta así unha incalculable cantidade de toneladas de billetes de dólares circulando por todos os mercados da Terra.

26 de novembro de 2015

Aforismos de Leonardo

211.- Onde abunda a auga doce na superficie do mar, é seguro presaxio da creación dunha illa, que se descubrirá tanto máis tarde ou tanto máis temperán, canto menor ou maior sexa a cantidade de auga que xorde. 

25 de novembro de 2015

Obra de Marta Dacosta.

Obra de Marta Dacosta.

Hoxe estou en silencio xogando co pasado,
mentres vexo chegar andando a miña avó,
que aínda é tan pequena como eu a recordo
e segue alí no vello paseo Afonso XII.
Eran cen escaleiras as que nos separaban,
o mundo da cidade vencido de ruídos
e a praciña de pedra en que aínda hai un pozo
ou a casa pequena da indomable Manuela.

...

24 de novembro de 2015

Os xenerais de África

Fragmento de Os xenerais de África, de Vítor Vaqueiro Foxo, nado en Vigo en 1948, escritor galego.

Ignoro como cheguei ao mundo. Ignoro as circunstancias que induciron o meu nacemento e os efectos que del se derivaron. Ignoro o número de cópulas precisas até o momento da miña concepción e, de idéntica maneira, a frecuencia das devanditas cópulas e o pracer fornecido por cada unha delas. Ignoro se existiu o pracer e se a miña fecundación foi produto do plano. Ignoro se esta fecundación foi produto do plano, ou do costume. Ignoro se a fecundación á que me refiro foi produto do plano, do costume, ou do aborrecemento.
...

23 de novembro de 2015

Fragmento de Venenos, de Xesús Pisón

ADOLFO
Está ben. Ante a imposibilidade de borrarse da historia, ¿como reaccioria Lino?

CARLOS
Bórrase do mundo.

ADOLFO
Fin da novela.

CARLOS
Primeiro destrúe o que máis ama: Frederico.

ADOLFO
¿Seguro que o ama?

CARLOS
Para de xogar. Si, ámao.

ADOLFO
¿E como pensa destruílo? Matalo non solucionaría nada, xa que a súa obra ficaría no mundo. E o abandono podería superalo, co tempo.

CARLOS
Quizá o destrúa facéndolle ver quen é.

ADOLFO
Frederico é intelixente. Débeo saber de sobra.
...

22 de novembro de 2015

JOÁN VÁSQUIZ DE TALAVEIRA [B 1548]

JOÁN VÁSQUIZ DE TALAVEIRA [B 1548]

María Leve, u se maenfestava,
direi-vos ora o que confessava:
"Sõo velh', ai, capelán!

Non sei hoj'eu máis pecado, burgesa
de min; mais vede-lo que mi máis pesa:
Sõo velh', ai, capelán!

Sempr'eu pequei i, des que fui foduda;
pero direi-vos o per que perduda:
Sõo velha', ai, capelán!"

21 de novembro de 2015

Centenario de A metamorfose (XXXIII)

Con desconfianza inxustificada, o señor Samsa e as dúas mulleres saíron ao andar e, asomados sobre a varanda, miraron como aquel tres señores, lentamente pero sen pausas, descendían a longa escaleira, desaparecendo ao chegar á volta que daba esta en cada piso, e reaparecendo uns segundos despois.

A medida que ían baixando, diminuía o interese que cara a eles sentía a familia Samsa, e ao cruzarse con eles o repartidor da carnicería, que sostiña o seu cesto sobre a cabeza, o señor Samsa e as mulleres abandonaron a varanda e, aliviados, entraron de novo na casa.

Decidiron dedicar aquel día ao descanso e a pasear: non só tiñan ben merecida unha tregua no seu traballo, senón que lles era indispensable. sentaron, pois, á mesa e escribiron senllas cartas desculpándose: o señor Samsa, ao seu superior; a señora Samsa, ao dono da tenda, e Grete, ao seu xefe.

Mentres escribían, entrou a asistenta a dicir que se ía, pois xa terminara o seu traballo da mañá. O tres seguiron escribindo sen prestarlle atención e limitáronse a facer un signo afirmativo coa cabeza. Pero ao ver que non se marchaba alzaron os ollos con irritación.

-Que pasa? -preguntou o señor Samsa.

A asistenta permanecía riseira no limiar, coma se tivese que comunicar unha feliz noticia, pero indicando coa súa actitude que só o faría despois de ser convenientemente interrogada. A tesa pluma do seu chapeu, que molestaba ao señor Samsa desde que aquela muller entrara ao seu servizo, se bamboleaba en todas direccións.

-Bo, que desexa? -preguntou a señora Samsa, que era a persoa a quen máis respectaba a asistenta.

-Pois -contestou esta, e a risa non a deixaba seguir-, pois que non teñen que preocuparse de como quitar do medio iso de aí á beira. Xa será todo arranxado.

20 de novembro de 2015

Cavilando

Igual que no resto de América Latina (e do mundo), os intelectuais están divorciados das loitas populares. Devanditos movementos son o mellor material de estudo, non de compromiso. As pequenas minorías comprometidas, á súa vez, divídense entre quen proporcionan recursos intelectuais aos líderes espontáneos e quen ven a si mesmos como líderes potenciais.

No caso do EZLN mexicano, o feito de que Marcos, o seu portavoz público, sexa un intelectual comprometido que escoita, toma nota e está aberto a recibir críticas e suxestións, non evitou que se alzasen algunhas voces tachando de "manipulador" o seu liderado. Un caso de "transferencia política", pois se atribúe a Marcos un comportamento demasiado frecuente nas facultades universitarias.

19 de novembro de 2015

Aforismos de Leonardo

210.- A terra que arrastran os ríos descárgase na súa desembocadura, é dicir, que esa terra, arrancada da parte superior do seu curso, deposítase nos últimos pasos da súa carreira. 

18 de novembro de 2015

CASTELO DOS ANDRADE de Manuel María

¡Ouh torreón robusto, centinela,
que fuches tobeira dos Andrades:
a túa pedra ergueita nada vela,
somentes lonxanías e saudades!

Ouh, torreón macizo e octogonal,
sombra que nos engada e nos acena:
¡non resucita o tempo medioeval
nen correrá pra atrás o Madalena!

Non aparecerá Alonso de Lanzós
ó frente dos seus rexos Irmandiños,
derrubando os teus fortes murallós,
deixando sen atrancos os camiños.

Ai estás, velliño e restaurado,
gardando pra ninguén á Terra Cha.
¡Estás ai, ancorado no pasado,
agardando, sen fe, polo maná...!

17 de novembro de 2015

O xabaril branco

Fragmento de O xabaril branco, de Xosé Benito Calvo Rego, nado en La Guaira (Venezuela) o 17 de novembro de 1954, xornalista e escritor galego, coñecido como Tucho Calvo.

Á VISTA DO NOVO MUNDO
O fume trazaba tralo vapor unha estela moura e serena no ceo, un camiño pisado polo sangue e a dor de milleiros de persoas que se alonxaba parello ó das estrelas desprendidas dela sobre o mar. O Fito, deitado sobre a cuberta de terceira, máis ateigada aínda de xente cá fonda en que pasara a última noite na Coruña, podía ver como aquelas dúas liñas de sombra e luz converxían moi lonxe pola popa na inmensidade do mar. Por alí quedara a súa terra e aínda non sabía se o pesadelo da viaxe que emprendera o levaría a outra. Ian aló preto de tres semanas de navegación e sufrimentos.

...

16 de novembro de 2015

IRSE

Deixei a ANPA do colexio hai case dúas semanas, de forma brusca e inesperada, máis coas tripas que coa cabeza. Teño cada vez máis instinto e menos paciencia, fágome maior, nótoo. Chegado a certo punto nada ía ben, e tocaba retirada.

Lembro frases soadas respecto diso, contundentes e contraditorias: "A única loita que se perde é a que se abandona" ou aquela soada de García Márquez: "O máis importante que aprendín a facer despois do corenta anos foi a dicir non cando é non", pero ningunha aplácame a desazón de terme ido discutindo no canto de sosegado, así somos os mansos.

Hoxe, acórdome daquela marabillosa frase de "A aia máxica", que me encantou poder facer miña, na que a señorita McPhee (xenial Emma Thompson) dicía aos nenos:

-Hai algo que debedes entender da miña forma de traballar. Cando me necesitedes e non me querades, debo quedarme. Cando me querades, pero xa non me necesitedes debo irme... é un pouco triste, pero é así.

O tempo daranos novas oportunidades, seguro.

DGM

15 de novembro de 2015

Alcázar de Segovia

Achegámonos hoxe ao Alcázar de Segovia, situado no cerro da confluencia dos ríos Eresma e Clamores. É un dos castelos máis reconocibles de España. Actualmente utilízase como museo e posúe unha exhibición de arquivos militares.

Os restos máis antigos achados no lugar son uns sillares de granito similares aos do acueducto romano, o que fai supor que en tempos da dominación romana habería aqui algunha fortificación. En 1258 afundiuse o palacio cando o rei Alfonso o Sabio atopábase no seu interior. Este núcleo máis antigo corresponde coa sala de armas e foi numerosas veces restaurado e ampliado.

En 1931 foi declarado monumento histórico artístico e en 1953 creouse o padroado do alcázar que é o responsable do museo que se pode visitar no seu interior.

A torre de Juan II culmina nunha gran terraza panorámica. Desde ela apréciase unha gran vista da cidade. Especialmente do barrio das Canonjías, a catedral e a xudaría.

14 de novembro de 2015

Centenario de A metamorfose (XXXII)

Entraron, pois, e alí estiveron, no cuarto alagado de claridade, en torno ao cadáver de Gregorio, con expresión desdeñosa e as mans afundidas nos petos dos seus raídos chaqués.

Entón abriuse a porta do dormitorio e apareceu o señor Samsa, vestido ca seu librea, levando do brazo á súa muller e do outro á súa filla. O tres tiñan aspecto de chorar un pouco, e Grete ocultaba de cando en vez o rostro contra o brazo do pai.

-Saian inmediatamente da miña casa -dixo o señor Samsa, sinalando a porta, pero sen soltar ás mulleres.

-Que pretende vostede dicir con isto? -preguntoulle o que levaba a voz cantante, algo desconcertado e sorrindo con timidez.

Os outros dous tiñan as mans cruzadas ás costas, e fregábanllas coma se esperasen gozosos unha disputa cuxo resultado seríalles favorable.

-Pretendo dicir exactamente o que dixen -contestou o señor Samsa, avanzando coas dúas mulleres nunha soa liña cara ao hóspede.

Este permaneceu un momento calado e tranquilo, coa mirada fixa no chan, coma se estivese a ordenar os seus pensamentos.

-Neste caso, ímonos -dixo, por fin, mirando ao señor Samsa coma se unha forza repentina impulsáselle a pedirlle autorización mesmo para isto.

O señor Samsa limitouse a abrir moito os ollos e mover varias veces, breve e afirmativamente, a cabeza.

Acto seguido, o hóspede encamiñouse con grandes pasos ao recibidor. Os seus dous compañeiros deixaran de fregarse as mans, e saíron pisándolle os talóns, coma se temesen que o señor Samsa chegase antes ao recibidor e interpuxésese entre eles e o seu guía.

Unha vez no recibidor, o tres colleron os seus chapeus do perchero, sacaron os seus bastóns do paragüeiro, inclináronse en silencio e abandonaron a casa.

13 de novembro de 2015

Cavilando

-Non se se hai que controlar ou limitar os movementos do capital financeiro, pero hai que facelos previsibles se non queremos que acaben coa economía de países enteiros. Pero mentres as crises financeiras non afecten os países centrais do sistema, ninguén estará interesado en regular os movementos de capitais. 700 millóns de africanos producen nun ano a metade dos 1,4-1,5 billóns de dólares que se moven cada día polo mundo.

12 de novembro de 2015

Aforismos de Leonardo

209.- Os cursos subterráneos da auga, así como os que se deslizan entre o aire e a terra, desgastan e profundan constantemente os seus leitos.