5 de outubro de 2015

DEBERES, TAXIDERMIA

DEBERES, TAXIDERMIA
(venres, 2:30 da madrugada)

Limpar os papeis e notas da mesa de traballo é algo obxectivamente saudable. Introducir orde é sempre conveniente. Pero apuntar nun único folio TODAS as tarefas pendentes e deixalo pousado entre o teclado, os meus brazos e os meus pulmóns é a peor idea que tiven en anos, a máis opresiva e flaxeladora, como ter de salvapantallas a foto dunha multa de tráfico ou unha citación de Facenda. 

Pero téñoo que facer. 

Tres ducias de cuestións garabateadas na miña ilexible letra obsérvanme agora fixamente. Elas esperan ser atendidas e despachadas: ...estudo lumínico, melloras 2, actas 25 e 26, visar Oleiros, levantamento igrexa, acabar Desi, matrícula tese, legalización José, reunión APA, falar co veciño, Concello Mugardos, fotos Avda de Finisterre... Eu só espero cruzarlles unha liña ou meterlles un tachón tupido con boli bic azul, como cando de neno tachaba da lista de nopis, minucioso e feliz, cada cromo que conseguía até acabar a colección. 

O peor é cando soa o teléfono e non é a miña nai nin a miña sogra...

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.