2 de novembro de 2015

MEDO, INFANCIA, MATERNIDADE

O terror nunca foi un punto de encontro, no cinematográfico, entre a miña parella e eu, pero o luns puxémonos a ver "MAMA" producida por Guillermo del Toro en 2013 e protagonizada por Nikolaj Coster-Waldau (Jamie Lannister de Xogo de Tronos) e Jessica Chastain (unha das miñas actrices favoritas por talento e beleza). E si, dá miediño, moito.
Tras un drama familiar, dúas irmás pequenas críanse nunha apartada cabana do bosque, sen máis sustento e referencia afectiva que o que lles achega unha presenza maligna que asimilan como a súa mamá espectral. As nenas perdidas son atopadas polo seu tío cinco anos máis tarde, totalmente asilvestradas, e comendo e movéndose de poutelas, como pequenos arácnidos. Vanse a vivir con el e a súa noiva rockeira e baixo unha intensa supervisión psicolóxica que lles axude a superar os seus traumas e carencias... e até aí podo contar.
Unha vez acabada a peli máis aló da medianoite, pareceume oportuno darlle a miña parella un susto entrando na habitación como as pobres nenas, de poutelas (bo realmente só me deu as costas para agacharme un pouco, ao Igor, pero foi suficiente), e o sustaco e o berro que deu a nai das miñas fillas foi terrible. Ao día seguinte, en vinganza, convenceu ás peques para que me sorprendesen no estudo deslizándose a nivel de chan con movementos reptilianos e miradas de terror e desamparo que lograron o san obxectivo de asustarme.
E é que non sei que ten o terror que tanto nos atrae. De pequeno aterrábanme estas pelis pero non mas quería perder, e nas nenas, sobre todo nunha delas, vexo esa mesma atracción morbosa polo xénero, aínda que logo, como me pasaba a min, pásese un mes con pesadelos, soñando con bichos, espectros, ou a especialidade paranormal da nosa xemelga loura: un científico tolo que vive en Mercadona.

DGM

Ningún comentario:

Publicar un comentario