31 de marzo de 2016

Fragmento de "O sol na crista do galo" de Manuel Lueiro Rei.

Don Feliciano era o Segredario do Axuntamento desde o ano mil novecentos vintecinco.
Don Feliciano, coma Segredario do Axuntamen-to, e tamén como cidadán, non tivo máis remedio que habere pasado por moitos cambeos políticos. Mais como era home que saibía nadar e garda-la roupa, don Feliciano foi monárquico nos tempos de Alfonso XIII, republicán nos tempos de Alcalá Zamora, e pasouse ó intre ó lado dos falanxistas can-do estalou a guerra civil.
Don Feliciano camiñaba a tentas, con moita seguridade, os camiños máis tortos, de onde percu-raba sacar sempre tallada sen collerse os dedos.
A xente dicía de don Feliciano:
—¡E un lince!
—¡Agudo coma un allo!
—¡Cunhas mañas de raposo pra gañarse a vida a mans cheas!
—¡Non hai quen lle meta o dente!
—¡Carallo...! ¡Carallo...! ¡Carallo...! ¡Don Feliciano...! ¡Cáseque nada...!

...

30 de marzo de 2016

Fragmento de Crimen en Compostela, de Carlos G. Reigosa.

—Un personaxe moi popular aquí en Santiago foi o Cardeal Quiroga Palacios. Del cóntanse moitas anécdotas. Pero quizabes a máis coñecida é a de cando foi ver a Franco a E1 Pardo coa comisión de forzas vivas, hoxe todas mortas, que organizaba en Santiago o Ano Santo de 1954. Por certo que o 25 de xullo daquel ano veu aquí o que era entón patriarca de Venecia, o Cardeal Roncalli, que despois sería o Papa Xoán XXIII. Pois ben, antes de comenzar aquel ano, a comisión foi ver a Franco e explicoulle a necesidade de amplia-lo aeroporto de Labacolla e amaña-la estrada que unía a este coa cidade, porque era moi posible que viñese o Papa. Franco ficou caviloso e pensativo e todo o mundo gardou silencio. Logo, o Caudillo preguntou: "¿E se non vén Su Santidad?. "Os membros da comisión quedáronse aloleados, sen saber que responder. Pero o Cardeal Quiroga, cachazudo e sorrinte, volveuse cara a Franco e díxolle: "¿E se vén?" Contan que Franco chamou a Fuertes de Villavicencio e ordenoulle: "Que se fagan as obras. E o caso é que, fose así ou non a historia, as obras fixéronse.
...

29 de marzo de 2016

Inicio de Os dedos dos loureiros, de Xesús Rábade

Levámoste da casa para o nicho
ombro con ombro os catro.
Todo o camiño
fun collido á cabeza do ataúde
para falar contigo.
Doías moito.
Non pesabas nada.

...

28 de marzo de 2016

Fragmento de Xa vai o Griffón no vento, de Alfredo Conde

—¿A quen denuncias, filla? ¿E por que?

Ela encrístase coma un galo, levanta a voz, afráutaa.

—Ó Farruco Cerviño, ¿sabe?, que hai dous meses berroü comigo e rifoume e dixo que arrenegaba de Deus e mais dos anxos e moitas vegadas dixo malia Deus e malia os anxos.

Hai que convoca-lo denunciado; sempre hai testemuñas e Farruco Cerviño tenas en desgracia súa. Repítese a historia, pero Farruco non sabe o nome do seu avó paterno xa que foi fillo de cura e de manceba; logo dubida no Pai Noso e non sabe o Ave María, nin o Credo, nin a Salve do seu paisano Pedro de Mezonzo.

—¿Sabe por que foi chamado?

Pregúntalle o Inquisidor sen ira.

—Isto foille a María Gómez e dúas comadres dela, porque lle rifei e dixen pesie a Deus, madía leven.

O Visitador sorrí, pero na súa face non se acusa nin o máis miúdo aceno denunciador de que a resposta lle faga gracia ou lle sorprenda.

—¿E cando e como e onde foi?

Farruco Cerviño confíase, reláxase e conta a súa historia.

—Pois estáballe eu no herdo rozando no toxo, cando nestas que vexo entrar uns bois ceibos e tras eles a Maruxa do demo que mala centella coma, que entraban no meu eido coma se fose deles. E díxenlle ¡vaite de aí!, ¡larpeira!, que me cago en Deus que consente que te teña dediante miña. Arrenego del se tal cousa consente algún tempo máis do que che leve, a ti e mais ós teus bois, saír do meu terreo.

...

27 de marzo de 2016

Fragmento de Náufragos en Terra, de Xosé Manuel Martínez Oca.

Enriba do retrete meteu os dedos na gorxa e alá golsou canto levaba dentro. Logo pechou as contras do cuarto, meteuse na cama e tratou de durmir. Entre soños sentiu o renxido da porta de fóra a se abrir. Entre soños escoitou o ruído da pechadura a se choer, as pasadas da Chelo no corredor e logo dun lado para outro pola casa, o ruído da billa da cociña, a voz da muller a cantar, a cantar ata que abriu a porta do cuarto e se lle cortou o canto nun chío trascado, «¡Don Roxelio!... ¿E logo, seica se atopa mal?»

...

26 de marzo de 2016

Fragmento de Polaroid, de Suso de Toro

NADA POLA MAÑÁ

Quedara durmido. Guindou as mantas dun golpe e saíu disparado da cama. Menos dez. Vestiuse lixeiro, só tiña tempo de lavar a cara. Non é que tivese moita clientela polo de agora, pero se empezaba así, ía perdela toda. Mollou a cara e limpouse na toalla sucia, pasou lixeiro un cepillo polo pelo. Merda de vida. Papou un iogur de pé e guindou o vasiño de plástico no lixo, que caía por fóra. Pasoulle unha ollada á cociña, tiña que facer limpeza un día destes. Xa habería tres meses que o deixara Rosa. Puxo a bufanda e o chaquetón azul e abriu a porta.
Ficou parado e coa boca aberta. Non había paredes nin escaleira nin nada. Só a nada. ¿Sería a Nada? Saíu pechando a porta.

...

25 de marzo de 2016

Fragmento das Cousas de Ramón Lamote, de Paco Martín

—¿O señor Lamote? Son Alberte Airas, o Rexedor, e quixera falarlle de algo.
—Vostede dirá.
—¿Pódolle preguntar se leu o anuncio que hoxe publica o xornal referido a unha corrida de nubes?
—Pode preguntalo, si señor, e, se o fai, direille que si o lin.
—E ¿que lle parece?
—Pois unha idea moi feliz e moi intelixente se hei dicir verdade.
—E ¿do referido ós premios?
—Tamén moi ben, non se podía buscar mellor cousa para unha competición deste xeito.
Don Alberte tusiu antes de dicir:
—Pois aí mesmamente é onde está o miolo.
Lamote tiña cara de riso, mais o outro, como é lóxico, non lla podía ver.
—¿Que pasa? ¿Non dá localizado os marmolubios? Se vostede quere encárgome eu de conseguilos.
—Home, se fixese o favor... ¿Sabe se sairán moi caros?
—Non, eu calculo que os pequenos andarán polas dúas bicicletas e os grandes a unha.
—¿A unha que?
—Bicicleta.
—Xa... Escoite, ¿canto me levaría vostede por se facer cargo da cousa dos premios?
—Pois, contando os marmolubios precisos e o meu traballo, vinteseis bicicletas.
—¿Bicicletas? Non entendo para que quere tantas...
—Pois direillo: Son para os rapaces que suspenderon... Fíxese ben, ós nenos que aproban todo regálanlles unha bicicleta na casa, ¿ non si?
—Certo, mesmo eu, ó meu Albertiño...
—Pois ben, hai nenos que deixan as Matemáticas ou a Lingua ou as Sociais e é porque non poden sabelas e non é xusto que os comparen con outros..., ademais, moitas veces, aínda que aprobasen, tampouco non chegarían á bicicleta. Estas vinteseis son para eles, ¿entende?
O Rexedor nada entendía, mais quixo ser prudente.

...

24 de marzo de 2016

Pregunta

En que ano terminou Leonardo o seu mural "A derradeira cena" que inspirou un coñecido best-seller?

23 de marzo de 2016

Fragmento de "O enigma de Embívicus" de Xosé Antonio Perozo

—¿A que saben os bicos de amor?
Dúas grosas bágoas corrían pola meixela do Cali cara á almofada emborroando os recordos, cando lle pareceu escoitar un renxido no ferrollo. Un renxido precavido, parsimonioso. Pasou o antebrazo limpando os ollos e o nariz.
—¿Escoitastes? —preguntou.
—Si —dixo Quique incorporándose—. Sigue movéndote na liteira, Paco —ordenoulle ó compañeiro.
Os ruídos do somier afogaban os do ferrollo da porta. Silandeiramente abandonaron os leitos. AJguén estaba intentando abrir desde o exterior. Con precaución agocháronse a ambos lados. Tamén as bisagras renxeron ó cede-la folla. Un vulto humano esvarou cara ó interior sen abrila de todo. Logo acendeu unha lanterna. O pelo avermellado do Sebastián delatábao anque maquillara a cara de negro e traía toda unha funda da mesma cor que o uniformaba coas sombras da noite.
—Non fagades ruído —murmurou—. Seguide as miñas instruccións. Saíde dun en un, deixando un espacio de cincuenta segundos. Ó chegar ó final da escaleira agardade o meu sinal para cruzalo patio. Non o fagades antes ou corrémo-lo risco de sermos vistos polos gardas. O carcereiro dorme pracidamente pero pode espertar en calquera momento.

...

22 de marzo de 2016

Obra de Carlos Negro

Obra de Carlos Negro

Coas palavras que nunca dixemos
conseguiríamos ser nós
e non desaparecer
asi
silenciosamente
mentres o mundo
e o ceu nos vencen
Derrotan-nos
Conquistan-nos.

21 de marzo de 2016

O parásito dos poetas. Por Cioran.

Non pode haber desenlace para a vida dun poeta. Todo o que non emprendeu, todos os instantes alimentados co inaccesible, danlle o seu poder. Experimenta o inconveniente de existir.
Entón a súa facultade de expresión reafírmase, o seu alento dilátase.
     
Unha biografía só é lexítima se fai evidente a elasticidade dun destino, a suma de variantes que comporta. Pero o poeta segue unha liña de fatalidade cuxo rigor nada flexibiliza. A vida tócalles en sorte aos filisteos; e para suplir o que non tiveron inventáronse as biografías dos poetas...

20 de marzo de 2016

Fragmento de Os Eidos, de Uxío Novoneyra

NEVA e non leva.
Anque o ceo amoia
o silencio aboia.
Neva como eu poño
naquil poema neva.

Falopiña a falopiña
vai branqueando a cortiña.
Cada miniña o seu soño...
cada copo a súa flairiña...


...

19 de marzo de 2016

Inicio de LINGUAXE, de Eusebio Lorenzo Baleirón

Palabras como días claros,
sen fronteiras
para nomear cervos e rosas e
algún comezo que se escape ao Tempo,
pronunciar o teu nome
en todos os desertos,

...

18 de marzo de 2016

Inicio de INÚTIL INSISTENCIA, de Eusebio Lorenzo Baleirón

Preguntar polas cousas, darlles nomes exactos,
pusuír un vento ábrego, un vento feliz
que consuma a extinción da batalla
é inútil.
Só quedará unha palabra a alzarse
nas murallas
como saída do eco dunha frauta fermosa.

...

17 de marzo de 2016

Fragmento de Xa vai o Griffón no vento, de Alfredo Conde

O Profesor traga cuspe e detense na contemplación dos gravados polos que vai pasando a man coma nunha despedida; mentres vai folleando o libro parsimoniosamente sábese observado polo rapaz que o vende. Van pasando as follas e unha nova visión sacódeo: trátase das páxinas referentes a Galicia, nas que hai un mapa que as acompaña.

O vello raposo rexuvenece entón vinte anos acaso trinta, ou máis, quén sabe. Está xa certo de como vai acabar aquilo. A mesma incerteza que sentiu ós catorce anos, cando roubou o seu primeiro libro, bátelle no peito. Daquela fora Un vagabundo toca con sordina de Knut Hamsum, publicado por Plaza & Janés nuns tempos nos que o noruegués era moi ben visto no seu país.

Valía, daquela, o libro tres pesos. Pero agora ten unha das edicións de Münster nas mans e decide que algo hai que facer.

¡Se a rapaza non preguntara nada canto mellor sería! Pero a rapaza preguntou. Roubalo non ten sentido, pódese organizar unha liorta, aínda que o libro sexa consecuencia dun espolio. Algo hai que facer.

...

16 de marzo de 2016

Fragmento de Soños Eléctricos

De Ramón Caride Ogando, nacido en 1957 en Cea.

A xornada no pobo de sal comeza pouco antes de raiar o día, cando xa a friaxe da noite cedeu un tanto e aínda o sol non fai arder o deserto. Entón é a hora da caza e a de saír á superficie. Tamén ao solpor. Nas horas centrais do día a intensa calor impide calquera actividade. Mais nestes dous lapsos de transición, o abrente e o crepúsculo, o deserto anímase, a vida abrolla baixo formas insospeitadas que aos habitantes das Cidades lles son descoñecidas. Plantas cun ciclo vital tan rápido que transcorre completo nun só día, ao mencer florecen, producen a semente e secan cando o sol alcanza o cénit. As sementes resisten a desecación e comezan a xermolar co frío da noite para florecer coa primeira raiola e murcharse novamente. A escaseza de auga, o tesouro do deserto só accesíbel ás longuísimas raíces das plantas xerófilas, fai que os animais de certo tamaño se reduzan a grupos protexidos por duras cunchas, predominando os réptiles e os artrópodos.

...

15 de marzo de 2016

Fragmento de Expediente Artieda

Expediente Artieda foi escrito por Luis Rei Núñez, nado na Coruña en 1958.

A Costa da Unión cadra de paso ó noso barrio e cheira a viños. A Costa é unha referencia constante para nós e sobre ela discorre o tendido dos trolebuses que conectan o centro cos Mallos. A Costa é tamén importante porque os seus baixos albergan moitos dos comercios onde os nosos veciños fan as súas compras. A Costa ten, en fin, a mercería na que eu trabalio.
Está no número 19, entre unha barbería e unha farmacia. Contra abaixo, linda coa de Matías, un barbeiro que usa perruquín e repasa cada mes a pintura das xambas da súa porta, a franxas azuis, vermellas e brancas. Contra arriba, testa coa do iicenciado Amadeo Torres Dúas Coruñas, un boticario que vai vello e que por todo lles berra ós seus mancebos.

...

14 de marzo de 2016

11 UPON A TIME...

Undécimo cumpre das nenas onte domingo en Marineda City coas amigas do cole. Barra libre de comida e potingue (Morde a Pasta) + Peli infantil (Zootrópolis).
Once nenos encantados co plan. Dous adultos apreciando o éxito de idéaa pero confesando para si fallos "in elixendo" et "in vixiando".
A nosa esperanza de dimisión como pais organizadores de cumpres sobre a mesa, cada vez máis próxima.
Un ano máis. Un ano menos.

DGM

13 de marzo de 2016

LOPO LÍAS

LOPO LÍAS [B 1342 / V 949]

En este son de negrada,
farei un cantar
dua sela canterlada,
liada mui mal;
esté a sela pagada,
e direi do brial:

«Todos colhón, colhón, colhón
con aquel brial de Sevilha,
que aduss'o infançón
aquí, por maravilha».

En este son de negrada,
un cantar farei
dua sela canterlada,
que vi ant'el-Rei;
esté a sela pagada,
e do brial direi:

«Todos colhón, colhón, colhón
con aquel brial de Sevilha,
que aduss'o infançón
aquí, por maravilha».

Logo fui maravilhado
pelo ascarí,
e assí fui espantado
polo socerí;
vi end'o brial talhado
e dixi-lh'eu assí:

«Todos colhón, colhón, colhón
con aquel brial de Sevilha,
que aduss'o infançón
aquí, por maravilha».

12 de marzo de 2016

Inicio de A ONDADA MARCIANA

A ONDADA MARCIANA
Dimitri Bilenkin
 
Silencio, calma e despois un lixeiro rumoreo. Así comeza a ondada marciana.
Un pode pasarse horas enteiras sentado ao pé das penas vermellas, contemplar a inmensidade dos areais e escoitar, escoitar. O rumoreo óuvese por todas as partes e en ningures. Parece coma se, desde o ceo violáceo, as nubes deixasen caer un orballo semitransparente de gránulos de xeo. Alguén dixo que era un rumoreo cristalino. Levaba razón.
Cando se acala o rumoreo, a area estremécese e pesada e lenta, vaise alzando a onda. Arrástrase até cubrir os secos peñascos e aséntase paulatinamente. Entón as rocas calan a area por abaixo. Dá a sensación de que unha quixada falta de dentes, tritura a onda. Polas rocas planas se escurren
perezosamente uns vultos de area. A onda volve a encresparse.
Ao redor todo é quetude. Ao lonxe divísase a area en calma e, inmutables como a eternidade, as penas vermellas. Soamente aquí nesta baía e á beira mesmo da beira é onde se mecen as ondas marcianas.
...

11 de marzo de 2016

Aristóteles

[A cidade]... xurdiu por causa das necesidades da vida, pero existe agora para vivir ben.

Aristóteles

10 de marzo de 2016

Aforismos de Leonardo

230.- Os mariscos son animais cuxo esqueleto é exterior. (Citado por Humboldt.)

9 de marzo de 2016

O Paleolítico: naturalismo e maxia

Entre fins do último período interglaciar (hai aproximadamente uns 120.000 anos) e os inicios da glaciación Würm (hai uns 85.000 anos) o clima en Europa pasou a ser menos rigoroso. Na área occidental de Eurasia tivo lugar un gran incremento da poboación humana, representada polo Homo sapiens neanderthalensis. Empezou a desenvolverse a vida doméstica e aplicáronse novas tecnoloxías para a fabricación de útiles líticos. Manifestáronse, así mesmo, as primeiras crenzas relixiosas. A caza foi o principal medio de subsistencia do home, feito que foi corroborado pola infinidade de restos óseos de fauna que se acharon no curso das escavacións paleolíticas.

Os ritos funerarios apareceron durante o Paleolítico medio. O home de Neanderthal foi o primeiro que enterrou aos seus mortos en auténticas sepulturas, aínda que estas eran aínda extremadamente sinxelas e carecían de axuar funerario. As sepulturas realizábanse, con preferencia, en fosas e os individuos enterrábanse en posición fetal, posiblemente para garantir o retorno ao seo da nai Terra.

A arte naceu hai uns 30.000 anos, na fase final do Paleolítico. O seu autor foi o home de Cro-Magnon, un individuo parecido ao home actual, que enterraba aos seus mortos xunto a ofrendas rituais. É obvio que cría na vida despois da morte. O desenvolvemento da produción artística forma parte, por tanto, do conxunto das manifestacións espirituais e metafísicas, por exemplo o xa mencionado culto aos mortos, que distingue, sen dúbida, ao home dos animais.

Unha das primeiras manifestacións artísticas do home, tanto no continente europeo como no americano, foron as representacións de mans nas paredes das covas. Trátase de simples contornos ou sinais («mans pintadas»), pero que, probablemente, puxeron de manifesto por primeira vez o concepto da forma e achegaron a idea de que unha cousa ficticia pode ser igual a unha real.

As primeiras auténticas representacións artísticas foron figuras de animais gravadas, repetidamente, sobre fragmentos óseos.  A primeira arte monumental apareceu na cova de Lascaux, en Montignac (Dordoña, Francia). Este conxunto pictórico comprende cervos, bisontes, cabalos, felinos, etcétera. Tamén son moi importantes as pinturas da cova de Altamira, en Cantabria (España).

No Paleolítico a sociedade compúñase de cazadores que vivían aisladamente e cunha débil cohesión social. Practicaban, ademais, unha economía de subsistencia, é dicir, non producían o alimento que consumían. A existencia viraba, por tanto, ao redor da obtención de alimentos. Este feito fai supor que a arte debía ter tamén unha función esencialmente práctica.

As representacións pintadas de animais nas covas aparecen en lugares dificilmente accesibles e escondidas no interior das devanditas cavidades. Débese, pois, excluír a posibilidade de que estas manifestacións artísticas tivesen unha finalidade puramente decorativa. Estas pinturas constitúen auténticas escenas de caza de carácter naturalístico e tiñan a finalidade máxica -polo feito de que se representou ao animal- de facilitar a captura da presa. É dicir, na realidade, o animal vivo habería ao mesmo tempo sufrido por efecto da «maxia simpática» a mesma ferida que o animal pintado.

Así mesmo, a frecuente reprodución das figuras femininas sensuais e de aspecto maternal, con enormes seos e ventres -as denominadas figuras esteatopíxicas, como a coñecida Venus de Willendorf- expresan un desexo profundo e obsesivo tanto de fertilidade como de protección cara á nai.

8 de marzo de 2016

Fragmento de "Unha árbore, un adeus" de Marina Mayoral

Vai haber treboada, non é normal esta calor neste tempo. E a cervexa está totalmente augada, tamén nisto hai que escoller: ou tomala coma o caldo ou augada. ¡Co sinxelo que sería metelas na neveira!

...

7 de marzo de 2016

DÚAS CUNCAS

DÚAS CUNCAS

Esa sensación post-empacho na que non admites a máis mínima mención a calquera comida, o menor cheiro a fritura ou a visión dun prato ou alimento so pena de romper a vomitar.

Pois así estou coa política nacional e a investidura. Non podo co peixe azul, coas carnes vermellas, o caroteno laranxa ou a lombarda con mazá. Estou a caldiño de traballo e faragullas, migallas de información, ata que me recupere da hartura de noxo e nadería.

Deséxovos, iso si, feliz comezo de marzo, piscis meus.

DGM

6 de marzo de 2016

LOPO LÍAS

LOPO LÍAS [B 1343 / V 950]

Desto son os zevrões
de ventura minguada:
ergen-se nos arções
da sela canterlada,
e dand'os nadigões;
e diss'a ben talhada:

«Maa sela tragedes,
por que a non cosedes?
Maa sela levades,
por que a non atades?».

Desto son os zevrões
de ventura falida:
ergen-se nos arções
da sela come podrida,
e dand'os nadigões;
e disse-lh'a velida:

«Maa sela tragedes,
por que a non cosedes?
Maa sela levades,
por que a non atades?».

Direi-vos que del ouço:
en día de sa voda,
ao lançar do touço,
da sela rengelhosa,
feriu de cu a bouço
e disse-lh'a fermosa:

«Maa sela tragedes,
por que a non cosedes?
Maa sela levades,
por que a non atades?».

5 de marzo de 2016

Inicio de O ÚLTIMO VOO DO DOUTOR AIN

O ÚLTIMO VOO DO DOUTOR AIN
James Tiptree Jr.

O doutor Ain foi recoñecido no voo de Omaha a Chicago. Outro biólogo, de Pasadena, saíu do lavabo e viu a Ain sentado nunha butaca do corredor. Cinco anos antes, ese home envexara os enormes subsidios que Ain recibía. Nese momento dedicoulle unha fría inclinación de cabeza e sorprendeuse ante a intensidade da resposta de Ain. Case se volveu para falar con el, pero sentía demasiado fatigado; como case todo o mundo, debatíase contra a gripe.
A azafata que entregaba os abrigos despois da aterraxe tamén lembrou a Ain: un home alto e delgado, de pelo cor ferroso, sen particularidade algunha. Púxose en fila sen deixar de mirala; como xa tiña posto o seu impermeable, ela pensou que era algunha forma extravagante de ligue e despediuno cun xesto.
Viu que Ain trastabillaba entre o smog do aeroporto, aparentemente só. A pesar dos grandes anuncios da Defensa Civil, Ou'Hare tardou en descender ao subterráneo. Ninguén advertiu á muller.
A muller ferida, agonizante.
...

4 de marzo de 2016

Aristóteles

En todas partes hai unha soa forma de goberno que sexa natural, é dicir que sexa a mellor.

Aristóteles

3 de marzo de 2016

Aforismos de Leonardo

229.- Oh tempo, rápido devastador das cousas creadas! Cantos reis, cantos pobos fixeches desaparecer, cantas mutacións, cantos diversos casos ocorreron, desde que a marabillosa forma deste peixe, morto aquí nas cavernosas e retortas entrañas... e agora, consumido polo tempo, xace inmóbil neste oculto lugar, cos ósos descarnados e espidos, convertido en armadura e sostén do monte
superposto!

2 de marzo de 2016

Inicio da arte

A prehistoria é a etapa máis longa da historia da humanidade. Preto de millón e medio de anos custoulle ao home levar a cabo o proceso evolutivo anatómico que lle outorgou o seu aspecto actual. Hai un millón de anos empezaron a fabricarse na zona oriental do continente africano, e pouco despois en Eurasia, os primeiros útiles de pedra. Os autores destas industrias foron o Homo habilis, o Homo erectus e os presapiens, que se desenvolveron en África Oriental, Asia e Europa.

As primeiras  manifestacións artísticas foron realizadas, no entanto, moitísimos milenios máis tarde, xa que a orixe da arte remóntase a uns 30.000 anos a.C. Con todo, non sería posible nin a fabricación de útiles nin a creación artística, se o proceso evolutivo do home non comportase a liberación das mans.

Este foi, en efecto, un dos feitos máis sobresalientes do proceso de hominización, xa que
coa adopción da posición erecta as mans adquiriron outro tipo de prioridades á parte das prensiles. O home podía pois fabricar obxectos e, tamén, pintar, gravar e realizar bastas, pero significativas, esculturas. Pode, pois, dicirse que a evolución do home se materializou, tanto na transformación dos seus útiles como nas manifestacións artísticas. Por iso, progresivamente, e a medida que a intelixencia se foi desenvolvendo, as mans foron logrando tamén maior precisión na execución dos actos.

1 de marzo de 2016

Fragmento de Náufragos en Terra, de Xosé Manuel Martínez Oca.

Se che digo a verdade non sei ben como entrei aquí. Quizais porque xa me atopaba canso de botar a tarde enteira, cáseque a vida enteira, só na casa, sentado no sofá, espanzurrado, aturando todo o que me boten polo televisor, sen ninguén con quen falar, máis que comigo mesmo. E dirás ti -ben o vexo nese medio sorriso que se che pinta na boca, nesa luciña que non es capaz de acochar no fondo dos ollos-. Dirás: ti o que pasa é que tes ganas de marcha e tratas de disimulalo. Non, non che é por aí. Bo, xa sei que me podía meter nun café e falar cos que xogan a partida, poñerme eu tamén a xogar a calquera cousa.

Pero non é o mesmo, ti sábelo. Tamén están os amigos -Bo, dígolle amigos para nos entender; pero así e todo algún aínda me queda-. ¿E que? Eles están coa súa familia, nas súas cousas, nas súas casas, e eu non me meto, que fan moi ben, tamén eu faría o mesmo, que a familia e a casa dun é o primeiro. Ou debería selo; que despois, do dito ó feito aínda che hai un bo treito. Pero, o que sexa, calquera dos que podería botar man para non atoparme tan só, xa digo, está a pasar a tarde coa familia. Ou irá no fútbol...

...