31 de maio de 2016

Fragmento de Filosofía da saudade, de Ramón Piñeiro

Na área xeográfica do Noroeste peninsular que vai desde o río Douro deica o Cantábrico —rexión xeográfica claramente diferenciada—, houbo desde os máis recuados tempos prehistóricos unha presencia e unha unidade cultural da que aínda perduran abundantes testemuños. As ondas étnico-culturais que ascendían do Sur e as que, procedentes de Europa, sobardaban polos Pirineos, ían chegando a este país distante, afastado, finistérrico, isolado por esgrevias cadeas montañosas, e íanse remansando, sedimentando, fundindo unhas con outras. Nese acontecer, produciuse sempre un dobre proceso: por unha banda, a recepción, a asimilación das correntes que chegan; por outra banda, a persistencia de estructuras e formas indíxenas queinflúen e modifican esas correntes que van chegando. Esta forza de persistencia de certas formas, de certas pautas que poderiamos chamar indíxenas, é a que lle dá esa fasquía arcaizante que sempre caracterizou a cultura desta área xeográfica.

Os romanos recoñeceron a personalidade étnico-cultural do Noroeste peninsular e déronlle estructuración político-administrativa ó convertelo nunha das provincias do Imperio. E déronlle tamén o nome —Gallaetia—, que chegou ós nosos días. A romanización subiu do Sur, ascendeu da Bética a Mérida, a Brácara, a Lucus e a Astúrica. A Galecia —o territorio dos galegos— tiña para os romanos dous centros importantes: Braga, na Galecia do Sur, e Lugo, na Galecia do Norte. Pero o centro cultural da romanización era Braga, como ocorreu máis tarde coa cristianización, que seguiu o mesmo camiño, pois tamén tiña en Braga o seu foco principal de irradiación.

...

30 de maio de 2016

O PODER AO LADO ESCURO

O PODER AO LADO ESCURO

Que os presidentes de Ausbanc e Mans Limpas fosen detidos hoxe por extorsionar a empresas e persoas en plan "dáme xxmil euros e retíroche a querela" paréceme aínda máis grave que o do Ministro Soria-offshore, ao que o cargo fai moito que quedaba grande.

Que supostos xusticieiros, defensores de causas nobres, robinhoods contemporáneos, acaben caendo á beira máis escura é descorazonador e dá fe do estado de colapso e caruncho das elites do noso país, de como o diñeiro e o poder corrómpeno todo. De Mario Conde xa nin falo, na súa obscena avaricia non foi capaz nin de protexer aos seus (ou estes sufrían do mesmo pecado capital sumado á preguiza: querer vivir a corpo de rei do diñeiro roubado por papá).

Non quedan referencias en quen mirarse... ou si, pero están baixo terra. Ao fío dicía o bo de José Luís Sampedro nunha entrevista que "na miña vida só pretendín ser honesto, dedicado e intenso."

E foino. Un gran faro, tres adxectivos para tomar nota: honesto, dedicado e intenso.

Feliz finde guapísimos e guapísimas, que a Forza vos acompañe.

DGM

29 de maio de 2016

Fragmento de Contos por palabras, de Agustín Fernández Paz.

Texto de Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947.

Eu estaba totalmente convencido de que era o mellor de todos os que nos dedicabamos a este oficio, e iso que agora hai bastante competencia. Afeito a que as cousas me saísen sempre ben, consideraba que a palabra fracaso quedara borrada para sempre do meu vocabulario. Pero todo cambiou desde o día en que recibín aquela estraña visita. Claro que, se o vou contar, será mellor que empece polo primeiro.

...

28 de maio de 2016

Inicio de O MECÁNICO

O MECÁNICO
Harry Harrison

O vello tiña cara de poucos amigos, o cal significaba que alguén ía pasar un mal intre. Dado que estabamos sós, non se necesitaba unha gran dose de intelixencia para imaxinar que ese alguén sería eu. Adianteime a falar, por aquilo de que a mellor defensa é un bo ataque.

- Márchome. Non se moleste en dicirme o desagradable traballo que inventou para min, posto que me marcho, e non quererá vostede revelarlle os segredos da compañía a unha persoa que deixou de pertencer a ela...

O rostro do vello distendeuse nun amplo sorriso e pareceume ouvirlle cloquear mentres pulsaba un botón do seu escritorio. Un dos caixóns da mesa abriuse e o vello sacou del un groso documento legal.

- Este é o seu contrato - dixo -. Establece como e até cando traballará vostede aquí. Un contrato encadernado en aceiro e vanadio que non podería vostede romper cunha trituradora molecular.

Inclineime rapidamente, collín o contrato e lanceino ao aire cun só movemento. Antes de que chegase ao chan desenfundara o meu Solar e, disparando contra el, reducino a cinzas.

...

27 de maio de 2016

Aristóteles

O avaro é o que non gasta no que debe, nin o que debe, nin cando debe.

Aristóteles

26 de maio de 2016

Aforismos de Leonardo

238.- Aclaremos, para terminar, a dúbida de se o diluvio acaecido na época de Noé foi universal ou non. Diremos as razóns que demostran que non o foi. Segundo o relato bíblico, o diluvio consistiu nunha choiva universal e continua que durou corenta días e corenta noites e elevou o nivel das augas seis cóbados por encima do monte máis alto da Terra; e se efectivamente a choiva foi universal, ela envolveu coas súas augas a nosa Terra dándolle unha figura esférica. Pero unha superficie esférica ten todos os seus puntos equidistantes dun centro, de onde resulta que a auga nas condicións expresadas non podía moverse, porque a auga só se move descendendo. Como, pois, puido a auga do diluvio escurrirse, se todo movemento estáballe vedado, segundo acabamos de demostralo? A falta de razóns naturais, hai que apelar ao milagre para resolver a dúbida, ou dicir que a auga foi evaporada polo Sol. 

25 de maio de 2016

Arte

O Paleolítico. Os albores da arte.

A través da arte o home manifesta a necesidade de comunicarse co mundo que lle rodea. O desexo de dar forma á emoción e ao pensamento queda establecido desde que o ser humano aparece na Terra.

Representar é substituír unha realidade por outra de diferente natureza. Suponse, pois, que as primeiras imaxes deberon aparecer ao mesmo tempo que o home desenvolveu a capacidade para pensar e abstraer.

A harmonía de formas atópase nas máis sinxelas formacións vexetais, nas pedras ou en calquera
azar caprichoso da natureza.
 
Dos efectos ou emocións que estas formas orixinaron nos antepasados dos humanos sábese realmente pouco, pois non se dispón de fontes que permitan deducir se nos primeiros homínidos xa existía unha admiración polo visual. Con todo, grazas aos achados atopados dedúcese o interese do home primitivo por certos obxectos naturais como pedras ou dentes de animais.

24 de maio de 2016

Fragmento de Filosofía da saudade, de Ramón Piñeiro

O equilibrio de ambas —da nosa dimensión individual e da nosa dimensión social— é imprescindible para o logro da nosa plenitude existencial. Os fallos que se produzan en calquera delas limitarán as nosas posibilidades de auto-realización. No tocante ós galegos, é evidente que a conciencia da propia individualidade sempre a tivemos ben desenvolta. A nosa vivencia da saudade ben o pon de manifesto. En cambio, a nosa asimilación do patrimonio colectivo, da realidade cultural da comunidade á que pertencemos, levou consigo, século tras século, xeración tras xeración, a contrapartida da situación marxinal desa cultura. Xa dixemos que cada ser humano nace no seo dunha realidade cultural que é a que configura a súa personalidade. Na medida en que a asimila, vai incorporándose á realidade comunal, formando parte dela. Ora, se esa realidade comunal que é a cultura está nunha situación histórica marxinal ou frustrada, é evidente que a personalidade que nace e se configura no seu seo levará inevitablemente o calco, a marca desa situación.

Resulta claro, xa que logo, que a evolución histórica da cultura galega foi limitativa para a plenitude existencial dos membros da comunidade. Devolverlle a capacidade normal do seu desenvolvemento sería a única maneira de recuperar todas as posibilidades desa plenitude.

...

23 de maio de 2016

CAMORRA

CAMORRA

Atopo síntomas de que non está todo perdido. Onte, en Ares, mentres consultaba durante horas un expediente, puiden comprobar que o funcionario que estaba comigo non parou de traballar, de contestar chamadas, de atender a xente variada e concelleiras (que non sempre coincide) cheo de paciencia e bofacer, para que logo digan...

Hoxe o comercial que veu ao estudo a vendernos os seus produtos resultou en grao sumo fiable, agradable, crible, e demais adxectivos acabados en "ble". Pasóusenos voando a hora que estivo a encher de catálogos a mesa de cristal.

Chamarémoslle. Fai un intre, no bar ao que baixei movido polo impulso futboleiro, a camareira púxome co café unha napolitanita partida en catro anacos -sen que eu pedísella- que me soubo a gloria bendita. A xente normal mola. Non me importa engordar así, aínda que explote un día e os meus doces fragmentos ao vento alcancen as Cíes ou Ribadeo.

É entón cando me achego á TV e vexo xente importante que non, que non mola, mentireiros de oito patas e cinco ollos, empresarios mediáticos movefíos (JLCebrián) que dan entre grima e noxo, que non saben nada sobre o traballo ben feito e os principios, que ignoran como resolver o problema máis básico dun paisaniño co permiso do peche do seu galiñeiro, que non saben vender nin colocar tella mixta (gran pecado), que non regalan sorrisos, educación nin napolitanas partidas en catro a corazóns colchoneiros, porque só saben de poder, de diñeiro, de fealdad e camorra.

DGM

22 de maio de 2016

MARTÍN MOXA

MARTÍN MOXA [B 896 / V 481]


Per quant'eu vejo,
perço-m'e desejo,
hei coita e pesar;
se and'ou sejo,
o cor m'está'n tejo,
que me faz cuidar;
ca, pois franqueza,
proeza,
venceu escasseza,
non sei que pensar.
Vej'avoleza,
maleza,
per sa soteleza
o mundo tornar.

Ja de verdade
nen de lealdade
non ouço falar,
ca falsidade,
mentira e maldade
non lhis dá logar:
estas son nadas
e criadas
e aventuradas
e queren reinar.
As nossas fadas
iradas
foron achegadas
por este fadar.

Louvamiares
e prazenteares
han prez e poder;
e nos logares,
u nobres falares
soían dizer,
vej'alongados,
deitados
do mund', eixerdados,
e van-se perder;
vej'achegados,
loados,
de muitos amados
os de mal dizer.


A crerizía,
per que se soía
todo ben reger,
paz, cortesía,
solaz, que havía
fremoso poder,
quand'alegría
vivía
no mund'e fazía
muit'a'lguén prazer,
foi-se sa vía,
e dizía:
«Cada día
hei de falecer!».

Dar, que valía
compría,
seu tempo fogía
por s'ir asconder.

21 de maio de 2016

O Señor Tagomi

O señor Ramsey dixo:

- Señor Tagomi, o señor Yatabe.

Ramsey retirouse a un recuncho da oficina e o cabaleiro delgado e de idade madura adiantouse uns pasos.

O señor Tagomi estendeu a man e dixo: - Alégrame velo a vostede aquí en persoa, señor.

A man leve e fráxil deslizouse na man de Tagomi, que a estreitou sen apertala e soltouna enseguida. Espero non romper nada, pensou. Examinou os trazos do ancián cabaleiro, e sentiuse compracido.

...

20 de maio de 2016

19 de maio de 2016

Aforismos de Leonardo

237.- En conclusión, a existencia destes fósiles tan terra dentro só se explica admitindo que eles naceron nos sitios onde agora atópanse. 

18 de maio de 2016

Arte

As xigantescas construcións da civilización exipcia, as pirámides, reflicten tamén, sen dúbida, a estrutura xerárquica desta sociedade.  A maior parte da produción artística destinábase, por tanto, ao servizo do templo e tamén do palacio.

Nun mundo onde a terra e a riqueza estaban concentradas en poucas mans e a estabilidade social estaba permanentemente ameazada tentábase evitar as innovacións artísticas, do mesmo xeito que se temía calquera outro tipo de cambios ou reformas.

Isto explica o singular academicismo da arte exipcio, academicismo que lle aseguraba un altísimo nivel, pero tamén un gran carácter estereotipado.

Un único intento de rebelarse á tradición foi levado a cabo por Akhenatón (Amenofis IV) no século XIV a. C. Autor dunha reforma relixiosa, Akhenatón, impulsou na arte, durante un breve período de tempo, unha gran variedade de formas naturalistas. Nesta etapa artística o realismo manifestouse libremente.

A antiga Mesopotamia, como Exipto, debeu a súa prosperidade aos ríos que percorrían o seu territorio, neste caso o Éufrates e o Tigris. O país dividíase en dúas rexións: Asiria, no norte, e Babilonia, no sur. Debido a que Mesopotamia non se atopaba protexida por fronteiras naturais, contou coa vantaxe de ser unha zona de paso de moitos pobos e coa desvantaxe de sufrir numerosas invasións.

Tivo, por tanto, unha gran influencia no resto do mundo antigo. Tamén, por mediación dos fenicios, mantivo durante o I milenio a.C. frecuentes contactos con outros pobos mediterráneos, especialmente cos gregos.

17 de maio de 2016

Fragmento de "O sol na crista do galo" de Manuel Lueiro Rei.

Felisa saíu da aldea o día vintetrés de xunio de mil novecentos trinta e seis. Era un día cheo de sol que se lle abría coma unha porta nova. ¿Como será a xente de Madrí?, ía maxinando Felisa, mentras o tren, deixando xa atrais as terras de Galicia, afumeaba a terra chá de Castela. Ten de ser como nosco, coma calisquera, falando doutra maneira, mais como nosco. Con pernas, con ollos, con cu, con gañas de comere e faguer de corpo. Homes, mulleres, nenos, vellos e vellas. Como nosco. Haberá os espilados, os parvos, os coxos, eivados, mulleres tetudas, mulleres raspadas. Como nosco. Xente ruín, xente boa, xente á boa fe, xente con retranco, xente encarrexada, xente moi-nante. Como nosco. ¿Non din que todos somos fillos de Deus ou do demo, ou do carallo? ¿Pois logo? Como nosco.


...

16 de maio de 2016

PORFIAR

PORFIAR

Ídesme a perdoar que sexa un pouco maniqueo pero cada vez vexo máis claro que nas actitudes públicas (e tamén nas privadas) só hai dous tipos de persoas: as que arriscan e as que non.
Un bo exemplo podería ser o bo Papa Francisco que, cal hormiguiña tenaz, vai abrindo aos poucos as escuras catacumbas da Igrexa católica. A súa iniciativa de dar cancha ás mulleres e estudar a posibilidade de nomealas diáconas é tan ousada como necesaria neste século XXI da igualdade a berros, un comezo de algo inevitable e xusto. Podía quedar quieto parado como viñeron facendo os últimos 200 Papas, pero optou por moverse e arriscar, mandar a bóla á liña, subir á rede, xogarse un gambito. Bravo por el.
Sempre haberá dentro da Igrexa quen vexa mal estes movementos de apertura e renovación. Aínda recordo con sufoco como nunha das miñas primeiras reunións da APA había quen lle criticaba por facer alarde de "pobreza" ao usar un vetusto escaravello nos seus desprazamentos. "A grandeza da Igrexa require unha representación á altura" dicían, claro non un indignado perroflauta arxentino disfrazado de branco que se achega aos desposuídos de todo, que pide perdón polos pecados pedófilos dalgúns dos seus, que descobre as vergoñas da nosa Europa do euro e os aramados ou se nega a xulgar -quen é el- aos que aman en alma e corpo aos do seu mesmo sexo. Un exemplo de tolerancia e humanidade, Francisco, pero sobre todo de valentía e porfía. Que aprendan outros.

DGM

15 de maio de 2016

MARTÍN MOXA

MARTÍN MOXA [B 889 / V 473]

Amigos, cuid'eu que Nostro Senhor
non quer no mundo ja mentes parar,
ca o vejo cada día tornar
de ben en mal e de mal en peior;
ca vejo boos cada día decer
e vejo maos sobr'eles poder;
por én non hei da mia morte pavor.

O mundo tod'a avessas vej'ir,
e quantas cousas eno mundo son
a avessas andan, si Deus mi perdón;
por én non dev'ant'a mort'a fogir
quen sabe o ben que soía seer
e ve de i o mund'outra guisa correr,
e non se pode de morte partir.

Os que morreron mentr'era melhor
han muit'a Deus por én que gradecer,
ca saben ja que non han de morrer
nen er atenden que vejan peior
como hoj'atenden os que vivos son;
e por én tenh'eu que faz sen-razón
quen deste mundo ha mui gran sabor.

E por én tenh'eu que é mui melhor
de morrer home, mentre lhi ben for.

14 de maio de 2016

Inicio de A Cruzada Do Necio

A Cruzada Do Necio
Clifford D. Simak

Por moito tempo fun o parvo do pobo, pero xa non o serei máis, por moito que continúen chamándome simplón, e aínda cousas peores. Agora son un xenio, pero non deixarei que se decaten.
Nunca.
Se o descubrisen, poríanse en garda contra min.
Ninguén sospeita de min, nin sospeitará. O meu desmañado camiñar é o mesmo, a miña baleira mirada e a miña balbuceo son tan vagos como sempre foron. Ás veces, resúltame difícil lembrar que debo manter ser desgarbado, o baleiro ou o balbuceo como antes; ás veces, resúltame difícil non esaxeralos. O importante é non levantar sospeitas.
Todo comezou aquela mañá que fun pescar.
Mentres xantabamos dixen a mamá que me ía a pescar, e non me puxo pegas. Sabe que me gusta pescar. Cando pesco non me meto en lios.
- Moi ben, Jim. Algúns peixes son bos de verdade.
- Sei dun lugar onde conseguilos -díxenlle-. Na charca do arroio, xusto pasada a casa de Alf Adams.
- Pero non busques pelexa con Alf -advertiume mamá-. Xa sabes que non lle caes ben e...
...

13 de maio de 2016

12 de maio de 2016

Aforismos de Leonardo

236.- Se pretendeses afirmar que as ondas os transportaron, contestaríache que o seu peso lles impide moverse, doutro xeito que arrastrándose sobre o fondo; e se te negas a concederme isto, terás que confesar polo menos que eles debesen quedar nas cimas dos máis altos montes ou nos lagos que estes encerran; como ser o Lago Maior ou os de Lario, Como, Fiésole, Perugia, etc. 

11 de maio de 2016

Arte

O xeometrismo abstracto da arte neolítico relacionouse coas concepcións animistas propias da sociedade agrícola.

O agricultor e o pastor son conscientes de que a súa sorte depende das inundacións periódicas, as epidemias, as colleitas, feitos que non se poden controlar directamente. A vida está guiada por forzas intelixentes, espíritos e demos, benfeitores e malignos. Practícase o animismo e o culto aos mortos. Ao mesmo tempo aparecen os ídolos, os obxectos funerarios e as tumbas monumentais. Empézase a diferenciar a arte sacra da arte profana: a primeira, hierática e figurativa; a segunda, mundana e decorativa.

Aínda que o Paleolítico non ten xa ningunha relación directa co home actual, o Neolítico forma parte aínda da nosa historia. No Neolítico desenvólvese a vida urbana e organízase a colectividade. As principais comunidades neolíticas xorden ás beiras dos grandes ríos como o Éufrates, o Tigris, o Nilo, o Indo e tamén o Hoang-Ho. Desenvólvense, así, as grandes civilizacións: a mesopotámica, a exipcia, a india e a chinesa.

Na arte xeneralízase o formalismo xeométrico-ornamental. Cronoloxicamente abarca do 5000 ao
500 a.C. Incluso a artesanía rural moderna presenta, aínda, certos trazos formais próximos ao estilo xeométrico do Neolítico.

10 de maio de 2016

Fragmento de Filosofía da saudade, de Ramón Piñeiro

Cantos teñen escrito sobre Rosalía, falaron da saudade; cantos teñen escrito sobre a saudade, falaron de Rosalía. Incluso, recentemente, chegáronse a asociar os dous temas asimilativamente. Comecemos por deprender o que a saudade foi para Rosalía mesma.
Rosalía fala moitas veces da saudade. Utiliza os termos soidade e saudade, o primeiro preferentemente. Sabemos que distinguía varias formas de soidade. Polo menos dúas, pois referíndose ós poemas de Follas novas di: "Escritos no deserto de Castilla, pensados e sentidos nas soidades da Natureza e do meu corazón..." Nos seus poemas expresa clara e insistentemente dúas maneiras de soidade: a soidade de amor e a soidade da terra. Lembremos algún exemplo de cada unha das maneiras de soidade.

Soidade do amor:

Cala rula, os teus arrulos
ganas de morrer me dan;
cala grito, que si cantas
"sinto negras soidás".
O meu homiño perdeuse,
ninguén sabe en onde vai...
...

9 de maio de 2016

DECRÉPITO A MEDIAS

DECRÉPITO A MEDIAS
Una desas webs de contidos hiper-rigorosos que invade o muro de facebook cada dous por tres asáltame cos (supostos) "10 malos hábitos que che fan envellecer máis rápido". Son os seguintes:
1. Vida sedentaria
2. Alcoholismo
3. Fumar
4. A falta de soño
5. As graxas
6. Tomar demasiado sol
7. As drogas
8. A tensión
9. A negatividade
10. Non almorzar
Para completar o meu total decrepitude estou a pensar en meterme un tripi ou un valium e irme a unha terraza sen antuca a tomar tres güisquis e fumar medio paquete mentres penso vaia merda de web, vaia merda de país, vaia merda de vida.
Outra opción é seguir ao meu e morrer pronto pero feliz (gordo, profesional e freak), é dicir: seguir inxerindo graxas en casa acotío para paliar a falta de soño provocada pola tensión deste ano a full que me quita até a fame matinal.
Como o vedes?
Mal supoño.

DGM

8 de maio de 2016

MARTÍN MOXA

MARTÍN MOXA [A 305]

Quen viu o mundo qual o eu ja vi
e viu as gentes que eran entón,
e viu aquestas que agora son,
Deus, quand'i cuida, que pode cuidar?
Ca me sin'eu, per min, quando cuid'i!
Por que me non vou algur esterrar,
se podería melhor mund'achar?

Mundo t.emos fals'e sen sabor,
mundo sen Deus e en que ben non ha,
e mundo tal que non corregerá,
ante o vejo sempr'empeorar.
Quand'est'eu cat'e vej'end'o melhor,
por que me non vou algur esterrar,
se podería melhor mund'achar?

U foi mesur', ou graãdez u jaz?
Verdad'u é? Quen ha amigo leal?
Que fui d'amor ou trobar por que fal?
A gent'é trist'e sol non quer cantar!
Quand'est'eu cat'e quanto mal s'i faz,
por que me non vou algur esterrar,
se podería melhor mund'achar?

Viv'eu en tal mund', e faz m'i viver
ua dona, que quero mui gran ben,
e muit'ha ja que m'en seu poder ten
ben de-lo temp'u soan amar.
Oimais, de min pode quen quer saber
por que me non vou algur esterrar,
se poderia melhor mund'achar.

Mais, en tal mundo, por que vai morar
home de prez, que s'én pod'alongar?

6 de maio de 2016

Aristóteles

E é que a natureza non fai nada en balde, e entre os animais, o home é o único que posúe a palabra.

Aristóteles

Inicio de RATAS ESPACIAIS DO CCC

RATAS ESPACIAIS DO CCC
Harry Harrison
 
Iso é, compadre, achega un taburete, si, ese mesmo. Bota a Phrnnx no chan para que a durma, ata que se lle pase. Xa sabes que os Krddls non aguantan a bebida, e moito menos se beben flnnx, e encima fuman esa endemoniada herba krmml. Bo, deixa que che sirva un grolo de flnnx. Ai, sinto mollarche a manga. Cando se seque podes rascalo cun coitelo. Á túa saúde e por que os teus propulsores non fállenche cando as hordas kpnnz persíganche.
Non, síntoo, pero nunca ouvira o teu nome até agora. Demasiados homes bos veñen e van, e os mellores son os que morren antes, por desgraza.
Eu? Non, nunca ouviches falar de min, tampouco. Chámame sinxelamente Vello Sarge, é un nome tan bo como outro calquera. Hai homes bos, como dígoche, e o mellor de todos eles era... bo, chamarémoslle o Cabaleiro Jax.
Tamén tiña outro nome, pero hai unha moza esperando nun planeta que podería nomear, unha moza que espera e contempla os ronseis fervintes das astronaves, cando chegan, porque está a esperar a un home. Así que en honra a ela chamarémoslle o Cabaleiro Jax; a el tamén lle gustaría este nome, estou seguro. Aínda que a moza debe de estar xa canosa, ou talvez calva e medio artrítica de tanto esperar, alí sentada; pero isto é outra historia e non me corresponde a min contala. Por Orión que non me corresponde contala. Bo, sírveche ti mesmo. Un bo grolo, anda. Xa sei que é normal que
os bos flnnx exhalen fume verde, pero será mellor que peches os ollos cando bebas, se non queres quedarche cego nunha semana, ja, ja, polo sacro nome do profeta Mrddll
...

5 de maio de 2016

Aforismos de Leonardo

235.- Se dixeses que, sendo os mariscos amigos de vivir na proximidade do bordo do mar, cando este creceu, aqueles abandonaron a súa mansión primitiva para seguir a crecente até a súa máxima altura, responderiamos que os mariscos non son máis veloces que a limaza, así a todo son máis lentos, e incapaces de nadar, percorrendo por día tres ou catro brazas; e que, por conseguinte, necesitasen para ir do mar Adriático até Monferrato en Lombardía, a 250 millas de distancia, moito máis do corenta días que menciona o que levou a conta. 

4 de maio de 2016

Arte

O Neolítico: xeometrismo e animismo

Durante o Neolítico tiveron lugar radicais transformacións na actividade humana. O home vivía en cabanas e en palafitos nos lagos.

A comunidade, pola súa banda, organizábase en poboados. Continuábase traballando a pedra e o óso, pero producíase tamén cerámica. Os instrumentos realizados en pedra eran máis elaborados. Esta evolución tecnolóxica deu nome ao período, pois a palabra «neolítico» significa, precisamente, «pedra nova». Así, co paso gradual dunha economía paleolítica de subsistencia, baseada na recolección e a caza, a unha economía neolítica de produción, baseada na agricultura e a gandaría, o home deixou de ser nómada e converteuse en sedentario, organizándose en comunidades estruturadas.

Durante a transición do Paleolítico ao Neolítico tivo tamén lugar o primeiro cambio estilístico da Historia da arte. Pasouse, en efecto, do naturalismo paleolítico á abstracción neolítica. Xa non se reproducía a realidade, senón que se creaban signos e símbolos.

Unha creación típica desta cultura foron os menhires, que se cría servían para albergar o espírito das divindades, dos heroes e dos defuntos. Non foi por azar que estas pedras se fincaron no chan, con gran esforzo, na mesma posición vertical que distingue ao home dos animais. Os retratos deste período presentan os principais trazos coma se fosen abreviaturas e a figura humana queda reducida a unha abstracción xeométrica. O home caracterízase case exclusivamente pola presenza das armas e a muller por presentar dúas formas circulares no lugar dos seos. É o inicio da diferenciación tipolóxica.

3 de maio de 2016

Inicio de CANTIGA DA PRIMEIRA VELLEZ de Manuel Rivas

O meu pobo ten os ollos suspensos en formol.
Déronlle de beber aos vivos,
déronlle de beber tanto aos vivos
que estouparon por dentro como un fusil inservible.


...

2 de maio de 2016

Fragmento de Ruído. Relatos de Guerra, de Miguelanxo Murado.

Miguel-Anxo Murado López naceu en Lugo o 2 de maio de 1965, escritor, periodista e guionista español.

ENTRE O MILLO

Naquel tren nocturno e fantasma que non se anunciaba na estación de Trieste, que non levaba placas de destino, que ía case baleiro, unha muller, sentada nunha caixa de munición, contoume esta historia: unha nena levaba todos os días o postre ós soldados. A nai cociñaba un biscoito e, para levárllelo, a nena tiña que atravesar unha zona batida polas granadas. Ela tiña feitas as contas e sabía cantos segundos pasaban entre tiro e tiro.
—A estes xogos —dixo sombría a señora— xoga a miña sobriña nestes tempos malditos.

...

1 de maio de 2016

Texto dos Anxos e dos Mortos, de Anxo Rey Ballesteros

Non. Imposible. Non.
Alonxouse do campío e alancaba agora pola muda estrada intransitada, chea de soidade, e envolta, coma todo, no silencio. Camiñaba: inseguro, cambaleante, esmendrellado, coma se estiver bébedo; atordoado, case sen consciencia.
Sonámbulo.
Non. Imposible. Non...