18 de xullo de 2016

A miña irmanciña

A miña irmanciña

Estou co meu irmán camiñando cara un lugar onde quedamos un grupo de amigos para empezar unha ruta de sendeirismo. Antes de chegar alí xa estamos a probar as nosas habilidades un pouco facendo Parkour polo pobo, o meu irmán en concreto competía contra o seu mellor amigo en quen conseguía chegar antes ao momento de reunión.

Chegamos ao lugar, era un montículo de pedras á beira dun camiño. Charlamos alí co resto do persoal, estes quedan alucinados cando me ven cunhas zapatillas de verán para facer a ruta, fálolles de que eu se non hai auga vou sen problemas en zapatillas. Eles insístenme que colla unhas botas ou algo contundente pero eu sigo coa miña opinión.

Emprendemos a marcha, eu acórdome que non trouxen máis nada que a miña roupa, entón vou correndo a casa a coller catro cousas útiles e xa lles pillaría na montaña, empezo a correr e son unha bala, saltando cunha destreza que os perdo de vista en segundos.

Unha vez collo as cousas vou directo ao monte, atraveso un prado, para seguir vexo que o prado está rodeado dunhas árbores grandes con moitísima maleza entre eles, só había un oco para pasar, este o habían medio tapado cunha gran bóla de herba seca e sobre ela unha táboa enorme cun oco cadrado polo que pasa unha persoa tranquilamente. Ao fixarme noto que esa estrutura e a disposición do bosque esta así para encerrar a algún animal alén.

No prado do outro lado crúzome cunha chea de cordeis tirados, de todos os coñecidos que debían estar alí só atopei a unha nena, era a miña irma, pouco máis crecida que un bebe. Naquel lugar atopamos de súpeto un pozo cheo de auga até arriba. A miña irmá quíxose achegar, de súpeto vexo que se mete dentro, ao segundo achégome ás carreiras e métome dentro a sacala.

Nado, nado e nado. Cunha axitación enorme busco desesperado tocar algo que non sexa pedra aí dentro, sigo baixando e non o encontro, agora teño que subir que non teño aire, subo, collo unha bocanada e agora métome aínda máis ao fondo, a miña mente aterrorizábase coa idea de que baixase até tan abaixo, ocorríaseme que puidese quedar enganchada nalgunha estraña greta que eu non vin. Chegado a un momento baixara demasiado, xa non tiña aire para seguir nin para arriba nin para abaixo.

Entón a escena pasa a ser un xogo, a ñiña irmá xorde do fondo subindo como unha bala, leva agora roupa de princesa Peach e arrástrame arriba coma se fose un torpedo. Unha vez fóra só podía pensar en que me pasou aí dentro. Agora volvo baixar até o fondo pero xa non son eu, son o meu avatar do Super Mario, atópome cogomelos de crecemento nas paredes do pozo, ao fondo, máis cogomelos para conseguir vidas, algunha estrela e uns raros ferros sobre as que saltaba, con elas chegaba a traspasar a parede, para atoparme que alén xa había tartarugas, tubos e algunha cadrado sorpresa, pero nada máis chegar saltei mal, caín ao baleiro e soa a música.

Estou xa de volta na cidade, esta todo revolucionado cun evento televisado, un barco atraca no río, están a buscar quen se atreve a montar nel. Sóbense vellos, algún rapaz coñecido e algún que outro personaxe da cidade. Cando empezan a mover o barco a xente empeza caer ao río, estaba o camarote ao máximo. Medio pobo ría só de velos caer por bobadas e discusións entre eles.

Volvo a casa, alí póñome a ver unha película que pasan pola tele, o meu pai tamén pasaba por alí e queda a vela, a película en principio pasa na tele pero chega o seu actor principal a andar polo noso salón como unha pantasma, de feito cruza as paredes, interactúa mesmo ás veces connosco os espectadores.

En certo momento decido baixar á cociña, na cociña atópome un libro, estaba relacionado coa película, parte contaba a súa historia, outras partes tiñan cómic en branco e negro, ao final do libro empezaba a ser cada vez máis educativo, repleto de fórmulas, trigonometría espacial e xeografía. Ao terminar a película o meu pai baixa, ao ver o libro tamén comenta comigo que ese era un dos libros que usou na súa época de estudante da que lembraba que durou uns 16 anos, non me quedou claro cando empezo a contar.

DRD

Ningún comentario:

Publicar un comentario