31 de outubro de 2016

Aristóteles

Só hai felicidade onde hai virtude e esforzo serio, pois a vida non é un xogo.

30 de outubro de 2016

PEDRO AMIGO DE SEVILHA

PEDRO AMIGO DE SEVILHA

Maior García vi tan pobr'hogano,
que nunca tan pobr'outra molher vi,
que, se non fosse o arcediano,
non havía que deitar sobre si;
ar cobrou pois sobr'ela o daián;
e, per aquelo que lh'antr'ambos dan,
and'ela toda coberta de pano.

29 de outubro de 2016

OS ANIVERSARIOS DE GRANNY

Texto de Fredric Brown, nado o 29 de outubro de 1906 en Cincinnati, que foi un escritor de ciencia ficción e misterio, coñecido polos seus contos caracterizados por grandes doses de humor e finais sorprendentes.

OS ANIVERSARIOS DE GRANNY
Fredric Brown

Os Halperin eran unha familia moi unida. Wade Smith, un dos dous únicos presentes que non levaban o apelido Halperin, envexábaos, porque non tiña familia. Pero a envexa mergullábase na morna calor do vaso que tiña na man.
Era a festa de aniversario de Granny, o seu octoxésimo aniversario, todos os presentes, fóra de Smith e outro home, se apellidaban Halperin. Granny tiña tres fillos e unha filla; todos estaban alí, e aos tres fillos, casados, acompañábanlles as súas esposas. Contando a Granny eran oito Halperin. Tamén había catro membros da segunda xeración, ou sexa netos, e como un deles levou á súa esposa, sumaban trece en total. Trece Halperin, contou Smith; incluíndolle a el e ao outro estraño, un home chamado Cros, eran quince adultos. Ao principio da festa, asistiron tamén outros tres Halperin máis, bisnetos, pero mandáranos a durmir temperán.
A Smith agradábanlle todos, aínda que agora que os mozos estaban a durmir, o licor fluía libremente e a festa resultaba un pouco ruidosa para o seu gusto.
Todos bebían: mesmo Granny, sentada nunha cadeira semellante a un trono, tiña na man un vaso de xerez, o terceiro da noite. Era unha doce anciá marabillosamente vivaz, pensou Smith. Definitivamente unha matriarca que, con toda a súa dozura, manexaba á familia con puño de ferro dentro dunha luva de veludo.
Smith foi á festa convidado por Bill, un dos fillos de Granny; era o avogado de Bill, e gran amigo seu. O outro individuo alleo á familia, Gene ou Jan Cros, parecía ser amigo dos netos da anciá. No outro lado do salón, Cros falaba con Hank Halperin e Smith estaba a darse conta de que calquera que fose o tema da súa conversa, dexeneraba nunha discusión na que sobresaían as airadas voces de ambos. Confiaba en que non houbese problemas: a festa era demasiado agradable para terminar cunha pelexa.
Pero, repentinamente, o puño de Hank saíu disparado cara á mandíbula de Cros, facéndolle caer de espaladas. A cabeza golpeouse contra o bordo de pedra da cheminea, cun ruído xordo, e o home quedou inmóbil. Inmediatamente, Hank inclinouse sobre Cros, palpándolle o peito. Palideceu e, cando se puxo en pé, exclamou:
- Morto. Oh, Meu Deus, non quixen facelo... pero el dixo...!
Granny xa non sorría. A súa voz soou áspera e insinuante:
- El tratou de pegar primeiro, Hank, eu vino. Todos o vimos, non é así?
Coa última frase volveuse cara a Wade Smith, o único ademais daquel individuo alleo á familia.
Smith moveuse molesto.
- Eu... eu non vin como empezou, señora Halperin.
- Vostede viuno, do mesmo xeito que nós - tronou a anciá. Vostede mirábaos nese momento, señor Smith.
Antes de que Wade Smith puidese responder, Hank Halperin exclamou:
- Ceos, Granny! Síntoo moito, pero iso non é unha resposta. Estou nun verdadeiro apuro. Lembre que pasei sete anos no ring, como profesional. E os puños dun boxeador ou ex boxeador considéranse, legalmente, como armas letais. Aínda que el golpearame primeiro, sería cualificado como homicidio en segundo grao. Vostede sábeo, señor Smith; é avogado. E coñecendo os meus antecedentes, a policía non vai andarse con contemplacións.
- Umm... temo que ten razón - asentiu Smith, con incomodidade -. Pero, non sería mellor que alguén chamase á policía, a un médico ou a ambos?
- Dentro dun momento, Smith - interveu Bill Halperin - Primeiro temos que deixar aclarado isto entre nós. Foi en defensa propia, non é así?
- Cre... creo que si. Non sei...
- Un momento - interrompeu a voz de Granny -. Aínda que fose en defensa propia, Hank está nun aperto. E, ademais, creedes que podemos confiar en Smith unha vez que estea fose de aquí? E o xuízo?
Bill Halperin empezou...
- Pero, Granny, teremos que?
- Bobadas, William. Eu vin o que ocorreu. Todos o vimos: eles dous rifaron, Cros e Smith, e matáronse mutuamente. Cros matou a Smith, e entón, aparvado polos golpes recibidos, caeu e golpeouse na cabeza. Non imos deixar que Hank vaia ao cárcere, non é así, mozos? Non un Halperin, non un de nós. Henry, arranxa ese corpo de tal modo que pareza que interveu nunha pelexa. E o resto de vós...
Os homes Halperin, fóra de Henry, formaron un círculo ao redor de Smith; as mulleres, fóra de Granny, quedaron detrás deles. O círculo pechouse.
O último que Smith viu claramente foi a Granny sentada no seu trono, cos ollos brillando de excitación. E o último que escoitou antes do repentino silencio foi o eco da risa cloqueante de Granny Halperin. Entón, o primeiro golpe aparvoulle.

FIN

28 de outubro de 2016

Onde Están Os Deuses

Onde Están Os Deuses?
Ernesto Laureano

-Onde están os deuses? -preguntou o Pequeno, mentres se ocultaba coa súa familia na caverna, daquela noite de tormenta primordial.
E os seus pais ensináronlle como facer lume para iluminar a súa historia pintada nos muros, e a danzar aos deuses que un día chegaran a eles e que se foran co tempo dos seus devanceiros...
...E foi a mañá do primeiro día.

Logo, o Pequeno preguntou á súa tribo:
-Onde están os deuses?
E xunto cos seus pais atravesou un longo inverno en busca dun lugar para sementar o seu futuro...
...E foi a mañá e a tarde do segundo día.

E o Mozo preguntou ao seu pobo, mentres ría a beiras do río:
-Onde están os deuses?
E os seus pais ensináronlle a someter a outros pobos, a outros homes. Construíu pirámides nos desertos, e nas selvas virxes construíu cidades. Aprendeu outros cultos e lendas xunto a sabios e mestres que se perderon co tempo e o vento do esquecemento...
...E foi a mañá e a tarde do terceiro día.

E o Home preguntou aos seus:
-Onde están os deuses?
-Están na vida -respondéronlle, mentres apagaban a vida dos seus irmáns.
E o Home descubriu a orixe da súa forma. Aprendeu a crear vida nos seus laboratorios, con respecto e sabedoría...
...E así foi todo o día cuarto.

E o Home preguntou con desconfianza:
-Onde están os deuses?
-Están no amor -respondéronlle os sacerdotes mentres enchían os petos con moedas e almas da inocencia.
E o Home aprendeu a amar a todo ser vivente que pisase o mundo ou vivise fose del. Con amor, os seus ollos envorcáronse ás artes, e elas as ás do espírito humano acicalaron con tenrura...
...E foi a mañá e a tarde do día quinto.

E o Home preguntou aos nenos que onte rían, e agora eran homes que odiaban:
-Onde están os deuses?
-Están na enerxía -respondéronlle, mentres usaban o átomo para destruírse a si mesmos.
E o Home aprendeu a crer na paz, usou o átomo para ben; sanó a todos os pobos e non houbo máis guerras no seu corazón...
...E foi a mañá e a tarde do día sexto.

E o Home preguntou ao po da súa cultura, ás ovellas sociais da súa época:
-Onde están os deuses?
-No ceo -respondéronlle, drogados polo seu sometemento á relixión.
E o Home aprendeu astronomía, fixo cálculos, tomou soles nos seus apuntamentos e chegaría a lugares que sempre quixo coñecer. E finalmente apoderouse do ceo e viviu nas estrelas...
...E foi a mañá e a tarde do sétimo día.

E o Ancián preguntou á multitude solitaria:
-Onde están os deuses?
-Están no espazo e o tempo -respondéronlle tristes e cabizbaixos.
E o Ancián aprendeu a controlar o espazo e o tempo. E o seu corpo foi como o brillo do Sol, onde o seu pensamento de luz xa non tiña fronteiras, e podía estar en todas partes...
...E foi a mañá e a tarde do oitavo día.

E o Ancián preguntou:
-Onde están os deuses?
...E ninguén respondeu, porque el xa estaba por sobre o espazo e o tempo. E o Ancián comprendeu que a verdadeira resposta debía darlla a si mesmo.

E a medida que o Ancián buscaba aos deuses, ía creando no camiño novos ceos e novas terras; novos espazos e tempos. E nun pequeno mundo azul, que el creara, houbo unha tormenta primordial, antiga e perfecta. E nese pequeno mundo azul, o Ancián escoitou a un Pequeno preguntar algo que o fixo sorrir e descansar:
-Onde están os deuses?...

27 de outubro de 2016

Aforismos de Leonardo

258.- O extremo da á do paxaro avanza no aire como o fai a extremidade do remo na auga, ou o brazo (ou mellor a man) do nadador debaixo da auga. 

26 de outubro de 2016

Fragmento de O Segredo do Humor de Celestino Fernández de la Vega

CHARLOT
Charlot quédase moitas veces na mera comicidade truculenta, pero algunha vez ten acadado un humorismo inconfundible. Para demostralo abonda con se lembrar de A quimera do ouro.

25 de outubro de 2016

Os relevos do período solutrense

Os relevos do período solutrense  
O Solutrense (25.000-15.000 a.C.) é un período dominado polo altorrelevo realizado coa técnica do refundido. Os relevos non se independizan nunca do soporte rochoso, polo que non alcanzan o vulto redondo.
A cultura solutrense coincide co perfeccionamento dos utensilios de pedra. Foi entón cando se fabricaron ferramentas coas que se conseguiu acentuar os volumes dos relevos e remarcar os detalles.

A culminación da pintura rupestre: o período magdaleniense 
O Magdaleniense (15.000-10.000 a.C.) é a última fase da arte paleolítica e supón a culminación deste proceso. Neste período realízanse as representacións de maior realismo. Ademais, os obxectos de arte mobiliar en óso e marfil multiplícanse e decóranse con debuxos incisos de gran variedade temática.

A cova de Altamira ou o esplendor da arte magdaleniense 
A cova de Altamira (Cantabria, España) agrupa a consecución de todos estes logros, feito que a converte no cenit da arte paleolítico.

O Magdaleniense tardío 
Na etapa final do Magdaleniense, a progresiva simplificación de formas dará lugar a representacións simbólicas que se caracterizan por ser completamente abstractas.

24 de outubro de 2016

Fragmento de ¿Que me queres, amor?, de Manuel Rivas

Fragmento de ¿Que me queres, amor?, de Manuel Rivas, escritor nado na Coruña o 24 de outubro de 1957

O pai perdera o seu traballo. Ian para outra cidade. A última vez que o pai deixara de fumar fora o mércores. Colleu a caixa de Lucky e tirouna ao cubo do lixo. Logo cuspiulle enriba. Agora era domingo e, mentres sostiña o volante cunha man, o cigarro da boca buscaba tremente e ansioso a brasa eléctrica do mecheiro do coche.
Na radio escoitábanse os comentarios deportivos. O pai estaba preocupado pola sorte dun equipo e púxose a mover inquedo o dial. A nai tamén estaba preocupada por unha corazonada: todos os outros coches viñan en dirección contraria, lanzando lampexos de advertencia na cinza gris da estrada. No seu lado, asegurada cos pés, levaba unha maceta cunha azalea. No asento traseiro, abrazado a Yoko, o neno miraba con anguria a evasión do día na pantalla do automóbil, os rescoldos do sol no vídeo indolente do horizonte. 
...

23 de outubro de 2016

Fragmento de Xente de Mala Morte

Texto de Alfonso Álvarez Cáccamo, nado en Vigo o 23 de outubro de 1952, así que hoxe está de aniversario.

—Non che sei —dixérame Paula Dudú—. Iso... iso non é doado de averiguar.
Sen embargo insistín:
—Se ti non o sabes, ¿quen o pode saber? Porque non me negarás que se hai alguén que mantivo unha relación duradeira con Víctor, foches ti, e del saberás máis dun segredo...
—Exacto: algún segredo... E polo tanto, non trasmisible... intransmisible.
Intrasmisible, intransmisible, intransmisible, intransmisible... aquel estraño adxectivo soou oco dentro dos meus ouvidos... non trasmisible... Calei, e dirixinme ata a cociña mentres Paula Dudú que ollaba distraidamente as súas unllas recén pintadas, seguía recostada no sillón, coas pernas espidas en alto, apoiadas no respaldo. Intransmisible... Alí na cociña eu non facía nada. Non fora buscar nada, nen sequera xelos para o uisqui. Chegara automáticamente, como querendo fuxir da presencia daquela muller que tanto me atraía pero que ás veces temía.

...

22 de outubro de 2016

Comentario a A Saga De Cugel

JACK VANCE
Jack Vance naceu en 1916 en San Francisco, e traballou como enxeñeiro de minas e xornalista antes de dedicarse plenamente á literatura a partir de 1945. Considerado como o mestre da ciencia ficción fantástica, a súa obra está a ser reeditada constantemente en todo o mundo. Entre as súas novelas máis famosas cóntanse O Ciclo de Tschai, O planeta da aventura, publicado nesta mesma colección, e a Saga da Terra Moribunda, da que esta novela forma o terceiro volume.

A Saga De Cugel
Aínda que escrita máis de dez anos despois da súa antecesora, Os Ollos De Sobremundo, A Saga De Cugel retoma ao seu heroe, Cugel o Astuto, no mesmo momento e lugar onde o deixou ao final do libro anterior: varado por segunda vez nunha afastada praia setentrional, odiando máis que nunca a Iucounu, o Mago Reidor, e desexoso de emprender de novo, e máis que nunca, a súa vinganza. Para iso terá que iniciar de novo o periplo que o leve de volta a Almery. Pero iso non arredra a un home do enxeño e a astucia de Cugel. Cruzando terras descoñecidas; actuando segundo preséntese como ladrón de escamas máxicas, sanador de vermes xigantes, capitán dunha tripulación de coléricas mulleres; avanzando etapa a etapa, tenta, unha vez máis, o regreso ás súas orixes. E, polo camiño, atopará a outro catro meigos, vítimas tamén do Mago Reidor, e ansiosos como el de vingarse de Iucounu...

21 de outubro de 2016

O Primeiro Libro de Urizen

"Desgarrada con estrépito terrible
A Eternidade abriuse en ancha canle,
E as súas partes montañosas en todos os seus costados
Fuxían, fuxían, sempre fuxían,
Deixando ruinosos fragmentos de ruína
Suspendidos, cantiis ameazantes, no medio
Do océano dun baleiro insondable."

WILLIAM BLAKE
"O Primeiro Libro de Urizen"

20 de outubro de 2016

Aforismos de Leonardo

257.- Parece que me achase destinado a escribir particularmente do voitre, porque un dos primeiros recordos da miña infancia represéntame un voitre que, achegándose ao meu berce, vén cara a min, ábreme a boca coa súa cola e con ela golpéame moitas veces entre os beizos. 

19 de outubro de 2016

Fragmento de O Segredo do Humor de Celestino Fernández de la Vega

DOSTOIEVSKI
O coronel Yegor Ilich Rostanew, o personaxe da Alquería de Stepnachikovo, de Dostoievski, novela exemplarmente humorística é, a primeira vista, o mesmo que don Quijote, un personaxe ridículo, grotesco, cómico. A súa inxenuidade é tanta que non pode decatarse dunha situación evidente, clara para todo o mundo: está rodeado de cínicos que explotan a súa bondade. E1 coida todo o contrario: os demais teñen toda a razón e toda a virtude; as faltas e os defectos son seus; tense qué corrixir e aceptalos reproches que lle fan. A situación é completamente cómica pois calquera pode ver que obxectivamente sucede todo o contrario: o coronel incorre nunha provocación cómica por incapacidade de se decatar da situación, é víctima dun falso conflicto provocado pola súa cegueira ridícula, risible. A comicidade da situación medra a medida que progresa o relato, por reiteración e modulación da mesma. Chega ó punto máis alto cando parece que, por fin, o Coronel comprende e se dispón a poñer termo ós seus sufrimentos cantándolle as corenta ó cínico de Foma Fomich, pero o resultado da entrevista con este é todo o contrario do que se agardaba: o coronel, realmente agraviado, déixase convencer de que é o agraviador e en vez de pedir explicacións é el o que as dá e pide perdón e promete enmenda.

18 de outubro de 2016

O Homo sapiens e a arte rupestre

O Homo sapiens e a arte rupestre  
No Paleolítico superior cara ao 30.000 a.C. o Homo sapiens sapiens, antecedente directo do home actual, irrompeu na Prehistoria, alcanzando pronto unha serie de grandes logros técnicos, así como artísticos (arte rupestre e mobiliar) e espirituais (ritos funerarios). A arte prehistórica -difícil, sen dúbida, de comprender e valorar adecuadamente- pon ademais de manifesto o dominio dunha complexa habilidade artística e tamén dun extraordinario e desenvolvido sentido estético. De aí o que se puxese en cuestión o primeiro achado de arte rupestre e de que se tratase ao seu descubridor de falsario.
O Paleolítico superior subdividese en tres grandes períodos: auriñacoperigordiense, solutrense e magdaleniense.

A arte rupestre do período auriñacoperigordiense 
Ao longo do ciclo auriñacoperigordiense (30000-25000 a.C.) prodúcese un progresivo dominio do
debuxo en formas que sintetizan o contorno dos animais con específicas características expresivas.
É o momento de máxima expansión da arte paleolítico, estendéndose en Europa desde as zonas siberianas máis orientais até o Mediterráneo.
O home auriñaciense debeu de observar que era sinxelo deslizar as mans na dúctil arxila e que podía repetir o xesto cunha intención concreta até obter unha silueta reconocible: son os primeiros contornos de figuras de animais.
Tamén neste momento fai a súa aparición o uso da cor, utilizada para marcar mans, así como puntos grosos que se estampan sobre as rocas coa axuda de tampóns.

17 de outubro de 2016

16 de outubro de 2016

PEDRO AMIGO DE SEVILHA

PEDRO AMIGO DE SEVILHA

Quand'eu un día fui en Compostela
en romaría, vi ua pastor
que, pois fui nado, nunca vi tan bela,
nen vi outra que falasse milhor
e demandei-lhi logo seu amor
e fiz por ela esta pastorela.

Dixi-lh'eu logo: «Fremosa poncela,
queredes vós min por entendedor,
que vos darei boas toucas d'Estela
e boas cintas de Rocamador
e doutras dõas, a vosso sabor
e fremoso pano pera gonela?».

E ela disse: «Eu non vos quería
por entendedor, ca nunca vos vi,
senón agora, nen vos filharía
dõas, que sei que non son pera min,
pero cuid'eu, se as filhass'assí,
que tal ha no mundo a que pesaría.

E, se veess'outra, que lhi diría,
se me dissesse "ca per vós perdí
meu amigu'e dõas que me tragía?".
Eu non sei ren que lhi dissess'alí;
se non foss'esto de que me tem'i,
non vos dig'ora que o non faría».

Dix'eu: «Pastor, sodes ben razoada,
e pero creede, se vos non pesar,
que non ést'hoj'outra no mundo nada,
se vós non sodes, que eu sabia amar,
e por aquesto vos venho rogar
que eu seja voss'home esta vegada».

E diss'ela, come ben ensinada:
«Por entendedor vos quero filhar
e, pois for a romaría acabada,
aqui, d'u sõo natural, do Sar,
cuido-m'eu, se me queredes levar,
ir-m'-ei vosqu'e fico vossa pagada».

15 de outubro de 2016

Comentario a O MESIAS DE DUNE

O MESIAS DE DUNE

Arrakis, tamén chamado Dune: un mundo deserto en pos do soño de converterse nun paraíso, berce de mil guerras que se estenderon por todo o universo, e dun anhelo mesiánico que tenta alcanzar o soño máis antigo da humanidade. Paul Atreides: un personaxe mitico, perturbado pola próxima presenza dunha sombra dominante: a súa irmá Alia. E fronte a eles, os grandes intereses económicos, políticos e relixiosos que sacoden os espazos interestelares: a CHOAM, a Confraría espacial, o Landsraad, a Bene Gesserit... Todo iso, e moito máis, conforma esta segunda entrega de Dune, un fresco impresionante e unha obra cume da imaxinación.
Frank Herbert foi xornalista, fotógrafo e director de xornal. En 1963, tras o éxito mundial da primeira entrega de Dune, dedicouse de cheo á literatura e ao estudo da ecoloxía e as enerxías alternativas. Dune foi adaptada ao cinema polo soado David Lynch, na película homónima protagonizada por Max von Sydow e Sting.

14 de outubro de 2016

Inicio de Unha historia sinxela

Unha historia sinxela
Leonardo Sciascia

A chamada telefónica produciuse ás 9.37 da noite do 18 de marzo, sábado, véspera da rutilante e retumbante festa que a cidade dedicaba a san José Carpinteiro: e ao carpinteiro precisamente se ofrecían as fogueiras de mobles vellos que esa noite acendíanse nos barrios populares, case como promesa aos carpinteiros aínda en exercicio, poucos xa, de que non lles faltaría traballo.

A comisaría, aínda que iluminada —a iluminación vespertina e nocturna das comisarías, tácitamente prescrita para dar a impresión aos cidadáns de que nesas oficinas sempre se velaba pola súa seguridade—, estaba case deserta, máis que outras noites a esa hora.

O telefonista anotou a hora e o nome da persoa que telefonaba: Giorgio Roccella. Tiña unha voz educada, plácida, persuasiva.

...

13 de outubro de 2016

Aforismos de Leonardo

256.- Tanto traballo efectúa o aire contra un obxecto inmóbil, como o que se require para mover o obxecto contra o aire inmóbil. 

12 de outubro de 2016

Historias da Arte

Ver anterior aqui

As mans pintadas: positivos e negativos 
Ademais das figuras de homes e mulleres, aparecen representacións de mans pintadas. É frecuente que estas teñan o dedo anular ou o medio máis curto do debido, polo que se falou de mutilaciones rituais, cousa que está por demostrar.  Estas representacións están feitas mediante dous métodos diferentes: unhas realizadas mediante a difusión da pintura a través dunha cana -utilizada a modo de rústico aerógrafo- e a propia man. O resultado obtido é a impresión en negativo da man que queda
silueteada con pintura con límites imprecisos. Outras, pola contra, obtéñense mediante a pegada da man impregnada de pintura e presionada sobre a roca, proporcionando unha imaxe en positivo da mesma.
Son máis abundantes as mans en negativo que en positivo; así mesmo, é máis abundante a representación da man esquerda que a da dereita.

Os triángulos púbicos 
Durante todo o período auriñacoperigordiense hai representacións de vulvas, como abstracción máxima do órgano feminino reprodutor. Inscritas na figura feminina, o triángulo púbico aparece moi acentuado nas «venus» auriñacoperigordienses e, posteriormente, nos baixorelevos magdalenienses.
Do mesmo xeito que as mans, as vulvas aparecen gravadas sobre rocas ou pintadas, aisladamente ou en compañía doutros símbolos ou signos abstractos.

Figuras híbridas 
As figuras híbridas son, na súa maioría, pinturas parietais que se achan nas profundidades das cavernas. Cronoloxicamente, aparecen nas épocas máis antigas do Paleolítico superior, durante a etapa auriñacoperigordiense, prolongándose até o Magdaleniense. As figuras híbridas están formadas pola fusión de trazos humanos e trazos animais.
Representan ao chamán da tribo, un intermediario entre as forzas ocultas da natureza e os homes. Considerábase, probablemente, que este personaxe estaba dotado duns poderes fóra do común, que lle permitían establecer a necesaria comunicación coas enerxías -invisibles para o home- que rexen o universo.  A través do chamán debíase manter a harmonía que garantía a pervivencia do grupo. As cerimonias tamén tiñan relación coa caza.

Figuras transparentes 
Un dos trazos que se reiteran nas representacións paleolíticas é o uso da transparencia. Así, é posible observar o interior dos corpos dos animais, coma se non houbese densidade corpórea. Non hai unha explicación clara para a interpretación desta práctica, pero debe relacionarse, posiblemente, coa maxia do cazador.
Na cova do Pindal (Asturias) hai un mamut silueteado cun corazón pintado no interior.
 
Figuras superpostas 
As covas onde se atopan as pinturas non eran os espazos destinados á vida cotiá do home. As representacións áchanse a miúdo en lugares inaccesibles que cumprían a función de santuarios. Son, polo xeral, as zonas máis escuras e recónditas das covas.
Obedecía á crenza de que certos espazos posuían maior forza máxica que outros e, por tanto, volvíase a recorrer unha e outra vez aos mesmos emprazamentos.

11 de outubro de 2016

Cantiga popular

Na aldeíña da Lama
xa non hai pra quen mirar
so velliños ao sol
e canciños a baduar

10 de outubro de 2016

Libro dun rapaz

Simón, un rapaz de 2º da ESO con moitas inquietudes toca o violín e forma parte da ‘Orquesta de Nenos da Sinfónica de Galicia‘, le moito, saca boas notas, compón cancións, xoga ao xadrez, ao bádminton… e por suposto, escrebe.

A obra, que está ambientada na Coruña, conta a historia de Jorge, un home con non demasiadas virtudes morais, que morre atropelado. A súa ascensión ao ‘ceo’ no Bus para el otro barrio non será tan agradable coma el pensa, pois as faltas cometidas en vida parece que se pagan caras tras a morte… Non vos queremos facer spoiler, pero trátase dunha novela irónica, cun toque fantástico, na que se tocan temas tan profundos como o machismo ou o clasismo.

Mais info

9 de outubro de 2016

PAI GÓMEZ CHARINHO

PAI GÓMEZ CHARINHO

De quantas cousas eno mundo son,
non vejo eu ben qual poden semelhar
al-rei de Castela e de León
senón ua qual vos direi: o mar.
O mar semelha muit'aqueste Rei;
e d'aquí en deante vós direi
en quaes cousas, segundo razón.

O mar dá muit', e creede que non
se pod'o mundo sen el governar,
e pode muit', e ha tal coraçón
que o non pode ren apoderar.
Des i ar é temudo, que non sei
quen o non tema; e contar-vos-ei
aínda máis, e judgade-m'entón.

Eno mar cabe quant'i quer caber;
e mantén muitos; e outros i ha
que x'ar quebranta e que faz morrer
enxerdados; e outros ha que dá
grandes herdades e muit'outro ben.
E tod'esto que vos conto avén
al-rei, se o souberdes conhocer.

E da mansedume vós quero dizer
do mar: non ha cont', e nunca será
bravo nen sanhudo, se lho fazer
outro non fezer; e sofrer-vos-á
toda-las cousas; mais, s'é en desdén,
ou per ventura algun louco ten,
con gran tormenta o fará morrer.

Estas manhas, segundo é meu sén,
que o mar ha, ha el-rei. E por én
se semelhan, quen o ben entender.

8 de outubro de 2016

Fragmento de Paseata arredor da morte

Paseata arredor da morte é unha obra de Domingo García-Sabell, nado o 8 de outubro de 1909 en Santiago de Compostela e finado o 5 de agosto de 2003 na Coruña. Foi médico, escritor, político e académico.

Mais a nosa época caracterízase tamén pola contradicción, polo cultivo amoroso dos contrarios. E fronte á morte encuberta e prolongada, tenta constantemente, e cada día con meirande teima, de alixeira-lo pasamento, facelo súpeto, doado, dilixente e coas mínimas molestias posibles. Tenta, en fin, facilita-la morte.

A EUTANASIA

A eutanasia, xa se sabe, é a morte fermosa, a morte doce, tranquila, paulatina e sen sufrimentos maiores. É o felici vel honesta morte mori dos antigos. A morte que todo o mundo desexa e que, como unha subterránea fontenla, atravesa os máis diversos avatares da Historia. É o esvaecemento gradual da existencia. Aquel que soamente na idade avanzada se produce dun xeito imperceptible e que resulta entón, como dicía Schopenhauer, un agasallo da Natureza. A ese agasallo aspira hoxe en día case que todo o mundo. Non parece, así sentadas as cousas, que teñamos de opoñernos a unha aspiración espontánea, normal e nada dramática.
...

7 de outubro de 2016

Fragmento de Alfred Hitchcock y los 3 investigadores. Misterio de las huellas flameantes.

Non se oia nin una mosca, excepto o ruido do motor do frigorífico que funcionaba na cociña. Xupiter mirou a escaleira, e dubidou sobre si debía ou non subir. O alfareiro podería ter regresado e estar na cama. mesmo podería ter sufrido un esvaemento.
Entón escoitou un pequeño ruído. Algo se moverá na casa. Á súa esquerda estaba una porta pechada, pero sabía que detrás estaba o despacho de alfareiro.
De alí viñera o ruido.

...

6 de outubro de 2016

Aforismos de Leonardo

255.- Como fai o home que se apoia cos seus pés e as súas costas contra as paredes dunha cheminea mentres a deshollina, tal fai o paxaro co bordo do extremo das súas ás contra o aire en que estas se apoian.

5 de outubro de 2016

Inicio de A INVOCACIÓN

A INVOCACIÓN
POR: FRAN MORELL

Un instante despois de terminar a Invocación, o chan encheuse de formigas, e as xanelas comezaron a ferver coa febril actividade de xigantescas moscardas azuis. En pouco tempo lograrían entrar. Sabía que o Libro aconsellaba dar grazas a deus por permitir o contacto cos demos, pero por algún motivo, aquilo pareceume unha blasfemia aínda maior que o acto que acababa de realizar. Unha xigantesca polilla golpeou con forza contra o plafón da lámpada sobre a miña cabeza. Crin que ía rompelo. Mirei ao chan. O círculo de xiz seguía intacto, e ningunha formiga traspasárao.

De súpeto, sentín unha arcada incontrolable. Non pensara que a presenza daqueles insectos abominables puidese afectarme tanto, pero velos todos xuntos, saíndo de ningunha parte e reptando polo chan e as paredes da habitación, produciume unha impresión nefasta. Sabía que non debía derrubarme, que iso era o que os demos estaban a esperar. Debía manterme dentro do círculo, e naquel instante comprendín que contra as miñas previsións iniciais, o debuxara demasiado pequeno. Apenas tiña espazo para os meus propios pés, e temía borrar descuidadamente algún trazo esencial. Rapidamente, repasei o Libro, en busca do esconxuro de despedida, só polo si ou polo non. As miñas mans percorreron nerviosamente as páxinas gastadas e crujientes, e estiven a piques de deixalo caer, o cal fose un desastre.

...

4 de outubro de 2016

Libros no CUR: A. Hitchcock y los 3 investigadores. Misterio de las huellas flameantes.

Libro: 7

Alfred Hitchcock y los 3 investigadores. Misterio de las huellas flameantes.

Escrito por M. V. Carey

Editado por Editorial Molino

O obxectivo da colección é facilitar nos rapaces métodos deductivos a través de situación de certo suspense.

O libro pertenceu a Asociación para á axuda á xuventude Brigantium que o dou á Sociedade Cultural e Deportiva Palaestra e quedará agora no Centro Universitario de Riazor.

3 de outubro de 2016

Democracia

A democracia (do grego demos, "pobo", e kratos, "goberno", é dicir, "goberno do pobo") é un réxime político no que a soberanía reside no pobo e é exercida por este, deste xeito as decisións de goberno residen na cidadanía.

A democracia directa adoita ser máis dificultosa de manter canto maior é a comunidade que se debe rexer por este sistema, do que deriva a importancia que na actualidade acadou o sistema representativo, consecuencia da decisión entre primar a estabilidade do poder público fronte a primar unha maior e mellor representación de todas as tendencias da sociedade.

Un exemplo é o sistema D´Hont no que o sistema de asignación de escanos beneficia ás dúas forzas máis votadas en detrimento dunha maior representación das minorías. Distinto foi na II República onde a representación das minorías provocou mais inestabilidade dos gobernos.

Hoxe a democracia é tida como a forma máis perfecta de goberno. Pero a cousa non é simple.

A Aristóteles debemos a primeira clasificación das formas de goberno, en función do número de gobernantes. Entre os sistemas mais aceptables estaban a monarquía caracterízase polo goberno dun, a aristocracia polo goberno de poucos, e a república polo goberno da maioría. En todos eles había unha preocupación polo ben común.

A dexeneracións dos modelos citados serían da monarquía, a tiranía; da aristocracia, a oligarquía; e da república, a demagoxia (curiosamente ás veces indicada como democracia).

"Dos gobernos unipersonais adoitamos chamar monarquía ao que vela polo ben común; ao goberno de poucos, pero de máis dun, aristocracia (ben porque gobernan os mellores (áristoi) ou ben porque o fan atendendo ao mellor (áriston) para a cidade e para os que forman a súa comunidade); e cando a maioría goberna mirando polo ben común, recibe o nome común a todos os réximes políticos: república (politeía)
[...]
A tiranía, en efecto, é unha monarquía orientada ao interese do monarca, a oligarquía, ao dos ricos e a democracia, ao interese dos pobres. Pero ningunha delas presta atención ao que convén á comunidade" 
(Aristóteles, Política).

Aristóteles deixa claro que o importante na forma de goberno é o ben común, e decaen cando só hai preocupación polos intereses dunha parte da sociedade.

E isto ven a conto de cousas como as votacións do Brexit, do proceso de paz en Colombia e tantos outros que temos visto e que igoal vemos en novembro.

IS

2 de outubro de 2016

Castelo de Arévalo

En setembro de 2015 visitamos Arévalo e o seu castelo que acolle unha instalación expositiva permanente dedicada á agricultura e á súa historia, aos cereais e á cultura campesiña, e réndelles homenaxe como elemento fundamental para o desenvolvemento do noso país.

A conservación do edificio permite dar a coñecer o valor patrimonial e histórico do castelo, a súa singular traxectoria e o seu papel como silo tradicional de almacenamento de gran procedente das compras de intervención no mercado cerealista.

A finais dos anos 70, a torre da Homenaxe do castelo converteuse en museo de cereais ao acoller a colección de variedades de gran do SNT. Este valioso mostrario, iniciado en 1956 polo SNT no Laboratorio da súa sede central de Madrid, tipificaba os trigos en función da súa calidade fariño-panadeira.

Formada entón por unhas 150 variedades de trigo clasificadas por tipos e clases comerciais, 140 doutros cereais e 70 de malas herbas, as mostras gardáronse en frascos de cristal con forma de gran e unha ranura posterior na que un tubo de ensaio recolle o feixe de espigas correspondente á variedade. As mostras de gran e as espigas servían para identificar visualmente as variedades e para que o xefe de silo puidese diferencialas e almacenalas independentemente segundo a súa variedade ou calidade.

Nos anos 80, co ingreso de España na entón Comunidade Económica Europea e actual UE, a colección foise ampliando con novas variedades, realizándose unha nova clasificación de trigos
brandos e duros para adecuarse á tipificación europea e separando as variedades de trigo en cultivo e as variedades a extinguir.

A colección contén abundantes variedades tanto actuais como fóra de cultivo, e inclúe outras especies importantes como a escaña ou o alforfón, das que proceden a maior parte dos trigos panificables.

A evolución tecnolóxica permitiu a mellora xenética das sementes e a obtención de novas variedades de trigo, especialmente trigos brandos, que garanten unha maior produtividade e resistencia a condicións difíciles de cultivo e son empregadas en substitución doutras variedades tradicionais. Nestes avances tivo moito que ver o traballo das institucións agrarias para as que a conservación da diversidade é fundamental.

Actualmente, esta é unha colección singular, de carácter único en Europa, que consta dunhas 400 mostras de grans e espigas de cereais. Reúne 250 variedades de trigos brandos e duros (o brando emprégase para fariñas e pan, e o duro para sémolas e pastas), e 150 doutros cereais (avena, cebada, centeo, arroz e millo), conservándose espigas e gran de cada unha delas; no caso do arroz consérvanse espigas, arroz casca e arroz elaborado. As malas herbas e sementes adventicias están representadas por 90 mostras, tanto en planta como en gran, clasificadas botánicamente e arquivadas segundo a súa acción na industria fariñeira. Tamén conta cunha representación de insectos de celeiros, así como láminas explicativas dos seus ciclos biolóxicos.

Hoxe Arévalo é o único castelo habilitado como centro expositivo que conserva íntegras e abertas para a visita as instalacións construídas para o seu uso como almacén de gran (celas, elevador, maquinaria, etc.) contribuíndo á divulgación da importancia histórica da agricultura e os cereais, a través desta exposición.

1 de outubro de 2016

PAI GÓMEZ CHARINHO

PAI GÓMEZ CHARINHO [B 1625 / V 1159]

Don Afonso López de Baián quer
fazer sa casa, se el pod'haver
madeira nova; e, se mi creer,
fará bon siso: tanto que houver
madeira, logo punh'en a cobrir;
o fundamento ben alt', e guarir
pod'o lavor per si, se o fezer.

E, quand'el a madeira adusser,
guarde-a ben e faça-a jazer
en logar que non chovia, ca torcer-
s'-ía mui tost'e non ar ha mester;
e, se o lavor non quer escarnir,
abra-lh'o fundament'alt', e ferir,
e mui baté-lo quanto poder.

E, pois o fundamento aberto for
alt'e ben batudo, pode lavrar
en salvo sobr'el; e, pois s'acabar,
estará da madeira sen pavor;
e do que diz que a revolverá,
ant'esto faça, se non, matar-s'-á,
ca est'é o começo do lavor.

E Don Afonso pois ha tal sabor
de fazer bõa casa, começar
a dev'el assí; e des i folgar
e jazer quand'e quand', u mester for;
descobrí-la e cobrí-la poderá
e revolvé-la, ca todo sofrerá
a madeira, e seerá-lhi en melhor.

E Don Afonso tod'esto fará
que lh'eu conselho; se non, perder-s'-á
esta casa per mao lavrador.