31 de xaneiro de 2017

O poder e a organización social no antigo Exipto

O poder e a organización social no antigo Exipto.

En Exipto a organización política xurdiu da necesidade de administrar, eficazmente, a construción de canles de rega para o cultivo. O primeiro rei foi á súa vez o primeiro construtor de diques e encoros. Tras as inundacións periódicas debíanse trazar de novo os límites das terras. Era o rei quen persoalmente marcaba as liñas e cavaba a terra, tal como advírtese na escritura dos monumentos máis antigos.
O maior rango social ostentábao o rei, quen estaba dotado dos poderes que garantían a prosperidade do territorio. Tras a unificación das Dúas Terras e a concentración de autoridade monárquica, foi necesaria a delegación de cargos que fixesen efectiva a administración. Os representantes directos do rei nos asuntos civís eran os visires, un por cada Terra. Os sacerdotes eran os delegados para o servizo diario de culto relixioso nos templos. Organizouse un aparello burocrático cun corpo de funcionarios, estritamente xerarquizado, e creouse unha ampla rede administrativa, que articulaba todas as actividades do estado. Non quedou práctica algunha que non estivese baixo unha fórmula de control administrativo.
A vida do rei (faraón) estaba rexida por un cerimonial fastuoso. Era a encarnación suprema do deus. A idea cosmogónica da creación, mediante a intervención dun espírito que ordenaba a materia, foi transferida ao faraón, quen personificaba a orde do cosmos fronte ao caos. O mantemento do ciclo vital, entendido como unha sucesión temporal repetida até o infinito, quedaba garantido polo rei. Con cada novo reinado empezaba o «ano un», un novo período que restauraba tres acontecementos fundamentais: o restablecemento da orde, o triunfo de Horus sobre o inimigo e a unificación dos dous Exiptos.
A sociedade estaba organizada de forma xerárquica e composta por diversos grupos. A nobreza, altos funcionarios da administración e sumos sacerdotes percibían rendas en especies e gozaban dos favores dunha vida cortesá. Ademais, eran os donos das terras. Constituían a oligarquía gobernante e podían garantirse unha resurrección, grazas á construción de luxosos sepulcros. Ocupaban un rango inferior os funcionarios subalternos, os técnicos, escribas, os sacerdotes, os superintendentes, os obreiros especializados e os artesáns. O nivel social máis baixo estaba composto polos campesiños. Existían, por último, diferentes formas de servidume, que limitaban a liberdade individual. Unha práctica normal, realizada baixo contrato, era a servidume dunha familia completa comprada para o servizo dunha casa nobre.
A escravitude, entendida como a posesión de persoas, practicouse cos prisioneiros de guerra, en especial durante o Imperio Novo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.