7 de febreiro de 2017

A relixión no antigo Exipto

A relixión no antigo Exipto

A relixión exipcia baseábase na observancia duns ritos de culto aos deuses e na fe absoluta sobre a eficacia dos mesmos. A doutrina importaba menos e nin sequera estaba compendiada nunha dogma sacro. O definitivo era a liturxia en torno ao panteón, cuxos deuses eran os propietarios absolutos da terra de Exipto. Tamén tiña un carácter práctico-máxico que satisfacía a necesidade de empregar os poderes superiores ao home en beneficio duns fins temporais concretos.
Ao longo da historia de Exipto, a elaboración do pensamento teolóxico e mitolóxico adquiriu unha gran complexidade, xa que unhas ideas sobrepúñanse a outras, sen que unha nova argumentación invalidase as precedentes.

Os sacerdotes eran quen organizaban a práctica dos ritos, os oficiantes do culto diario e os intermediarios na relación co sacro. Formaban parte da xerarquía estatal como funcionarios. Dentro das súas obrigas non se incluía a asistencia espiritual aos crentes, pero si as actuacións de carácter máxico, pois eran depositarios dos segredos da vida e a morte. Os templos dedicados ás divindades formaban parte da relixión oficial do Estado. O culto era dirixido polo faraón e tiña, en realidade, carácter privado, xa que soamente o monarca tiña acceso á cella na que estaba a estatua divina. Como non podía presidir o culto en todos os templos, un sumo sacerdote representáballe e realizaba o oficio no seu nome.

O pobo non tiña acceso ao templo, unicamente os máis privilexiados podían acceder até o patio mentres duraba a cerimonia. As celebracións e rituais oficiais tiñan un aire espectacular. As estatuas das divindades eran transportadas en barcas desde centros relixiosos locais, onde tiñan o seu santuario principal, para visitar outros templos. Estes traslados constituían grandes acontecementos nos que o pobo era espectador e partícipe do cortexo, aínda que non podía ver as estatuas, que permanecían ocultas durante todo o percorrido. As festas reafirmaban a desigualdade social e o rango dos faraóns. No entanto, o pobo participaba da relixión oficial venerando aos mesmos deuses en capelas familiares, onde podían establecer un contacto máis próximo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.