21 de febreiro de 2017

Morte e vida de ultratumba

Morte e vida de ultratumba

A morte no Exipto antigo estaba considerada como unha pasaxe cara a unha segunda vida e isto dáballe un sentido positivo. Tras ela, o espírito entraba no mundo cósmico, un máis alá eterno e inmutable. O ser humano estaba composto por un soporte material, o corpo, ao que están ligados elementos inmateriais: o ba, que corresponde á alma ou á personalidade, e o ka, ou dobre da persoa, idéntico ao seu corpo pero sen forma material. Para representar a un deus ou a un faraón co seu ka, reproducíanse dúas figuras idénticas colleitas da man.

O espírito tomaba a forma do corpo defunto e convivía con el até volver integrarse no universo unha vez o corpo desaparecera. Cunha imaxe ou dobre do defunto e a través da celebración dun ritual, o ka pasaba á imaxe.

A morte significaba a separación destes elementos e, se o ser humano quería comezar a súa segunda vida, era imprescindible que o corpo se reunise cos elementos espirituais que lle animaron, o ba e o ka. Había, por tanto, que preservalo á hora da súa morte; de aí a importancia dos ritos funerarios e dos lugares de enterramento como moradas imperecedoiras. Os rituais de momificación e inhumación eran máis importantes, mesmo, que a propia existencia, dado que o outro mundo imaxinábase como un lugar de renovación da vida terreal, adquirindo así unha importancia primordial.

Para garantir a continuidade na outra vida debíanse construír tumbas seguras nas que habitaría o espírito dos defuntos, a quen había que asegurar o mesmo benestar que gozaran na vida terreal. Para iso depositábase un rico axuar e realizábanse ofrendas de alimentos, das que se ocupaban os vivos. Os alimentos eran indispensables, pois se faltaban a alma tiña que vagar na súa procura.

O reino dos mortos situábase no oeste do val do Nilo, no Sol poñente, onde se atopan as máis importantes tumbas funerarias. Osiris era o deus tutelar da vida dos mortos, a quen acollía a cambio de certos traballos. Os espíritos vagaban percorrendo o cosmos do mesmo xeito que Ra, o deus solar, quen coa súa barca asucaba o firmamento durante o día, atravesando pola noite as doce rexións do mundo subterráneo de Osiris.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.