30 de abril de 2017

Poesías galegas, por Jorge Núñez Rodríguez - 3

Marchando outra poesía da miña xuventude no Eusebio. Espero que vos guste. Probablemente publicada en Alén da Chuvia, pero quen sabe.


3. BAÍA DO OLVIDO

Néboa, branca e fría
néboa, abrazada á baía
néboa, que todo o cubría

Siluetas de barcos
sen forzas para máis asaltos
cascaróns semiafundidos
de alma podre
entre a néboa, cruelmente arroxados
entre a néboa, en melancolía embebidos

Néboa nos corazóns marinos
tras a loita contra invencibles elementos
finalmente encallados
na Baía do Olvido

Esqueletos desastrados
varados á luz da Lúa
polos homes abandonados
polas eternas mareas recollidos
por ondas coroadas de branca
escuma aloumiñados,
vellos madeiros de entre as brumas
do Tempo rescatados

Días de gloria lonxanos quedaron
sete foron os mares surcados
innumerables foron as tormentas
incontables as grandes viaxes

Krakens e Leviatáns
illas e salvaxes
praceres e horrores
unha amada en cada porto
e unha canción nos beizos,
cando o final era un onírico pasaxe
e a vida camiñaba sobre os mortos

Máis, ai, o Tempo non espera
cumprida a hora,
sentencia longo tempo escrita
a súa execución inexorable agarda
Só vagos recordos permanecen
estremecidos ó alento mortal
de Kronos, paternidade maldita,
sempre voraz,
entre a néboa, durminte
entre a néboa, expectante

por Jorge Núñez Rodríguez, a trinta de abril de 2017

29 de abril de 2017

Fragmento de A Vosos Corpos Dispersos

E a luz do sol recentemente alzado dáballe de cheo nos ollos. Tivo tempo para dar unha rápida ollada á súa ao redor, viu o seu cilindro, a súa chea de toallas limpamente dobradas... e a Hermann Goering.

28 de abril de 2017

Inicio de Giacomo Casanova - Pílulas de cabelos

Un día en que a súa doncela lle cortaba á señora F. as puntas dos seus longos cabelos na miña presenza, distraíame recollendo os pequenos e bonitos guechos e íaos colocando sobre o tocador, excepto un mechonciño que me metín no peto, pensando que non se daría conta. Pero, en canto estivemos sós, díxome con dozura pero unha pouco serie que lle devolvese aquel rizo que recollera.
Pareceume que me trataba cun rigor tan cruel como inxusto, pero obedecín e con aire desdeñoso arroxei o rizo sobre o tocador.

27 de abril de 2017

Aforismos de Leonardo

277-Así, pois, con doce figuras completas mostraráseche a Cosmografía do mundo menor (o home, microcosmos), na mesma orde seguida por Tolomeo na súa Cosmografía. Dividirei despois o corpo en membros, como el divide o todo en provincias. Direi logo o oficio de cada parte, pondo diante dos teus ollos a explicación de toda a figura e forza do home e os movementos locais das súas partes. 

26 de abril de 2017

PERO DA PONTE

PERO DA PONTE

Don Bernaldo, pois tragedes
con vosc'ua tal molher,
a peior que vós sabedes,
se o alguazil souber,
açoutar-vo-la querrá,
e a puta queixar-s'-á,
e vós assanhar-vos-hedes.

Mais vós, que tod'entendedes
quant'entende bon segrel,
pera que demo queredes
puta que non ha mester?
Ca vedes que vos fará:
en logar vos meterá
u vergonha prenderedes.

Mais que conselho faredes,
se alguén al-Rei disser
ca molher vosco teedes
e a justiçar quiser?
Senón Deus non lhi valrá
e vós, a que pesará,
valer non lhi poderedes.

E vós mentes non metedes,
se ela filho fezer,
andando, como veedes,
con algún peón qualquer,
(aquel temp'havemos ja),
alguén vos sospeitará
que no filho part'havedes?

25 de abril de 2017

A arte do Exipto predinástico: cerámica, relevos e tumbas

A arte do Exipto predinástico: cerámica, relevos e tumbas
A cerámica. A estilización dos motivos. Os primeiros relevos. As tumbas.

Entre o V e o IV milenio a.C. desenvolvéronse diversas culturas neolíticas dispersas entre o delta e o val do río Nilo, coñecidas polos abundantes restos arqueolóxicos atopados en localidades do norte do país como O Fayum, Merimde e O Omari, ou do sur, como Badari, Amrah e Gerzeh. Trátase de culturas agrícolas que, con todo, coñecían os metais. Esporadicamente utilizábase o cobre e mesmo o ferro, aínda que neste caso traballado na súa forma natural, sen un proceso de fundición.

A cerámica
Nesta etapa tivo lugar un gran desenvolvemento da cerámica, nun principio lisa, vermella, negra ou parda, con decoración incisa. Posteriormente, decorouse tamén os recipientes con pintura de cor branca e representacións figurativas: animais, vexetais, figuras humanas e motivos abstractos (liñas cruzadas na súa maioría). Para as composicións distribuíronse as figuras animais (hipopótamos, crocodilos, leóns, elefantes ou bois), pintadas con trazos rectos moi sinxelos, inspirados nos traballos de cestaría e trenzado de tecidos.
Cara a mediados do IV milenio a.C. estendeuse por todo o val un tipo de cerámica que perduraría ata a época das primeiras dinastías. Trátase da olaría característica da cultura de Negade II, procedente do sur, con motivos trazados en liñas de cor vermella sobre un fondo claro tostado. Este tipo de cerámica representa motivos xeométricos (círculos, retículas e liñas sinuosas), ocupando toda a superficie das vasillas, ou combinacións con figuras humanas ou animais moi esquemáticas, de trazos lineais moi simples. Abundan tamén as representacións de embarcacións con numerosos remos navegando nas augas do río. Os barcos teñen cabinas, estandartes e abanicos en forma de palma que debían ser os distintivos dos diferentes poboados. A proliferación de escenas con embarcacións demostra tanto a importancia do Nilo -cuxo tráfico fluvial foi intenso desde os primeiros asentamentos- como o interese por plasmar escenas cotiás en vasillas de uso corrente. Xunto a estas representacións houbo, sen dúbida, pinturas parietais pero, a ausencia de restos, non permite establecer unha comparación que complete os primeiros repertorios de formas. Só sobreviviu unha pintura en Hieracómpolis (cidade do sur), na que se plasmaron os mesmos motivos que na olaría.

24 de abril de 2017

Aristóteles

A vantaxe que sacarás da filosofía será facer sen que cho manden o que outros farán por temor ás leis.
Aristóteles

23 de abril de 2017

Poesías galegas, por Jorge Núñez Rodríguez - 2

Outra obra de Lugrís no Museo Maside
¡Feliz día do libro! Segunda entrada nesta serie de poesías que escribín durante os últimos anos, que serán publicadas a partir de agora nos domingos. Orixinalmente escrita cando era un zagalín no instituto e probablemente tamén publicada na revista Alén da Chuvia. Inspirada polo mural de Urbano Lugrís situado no antiguo Vecchio do centro de Coruña, por suxerencia do meu profesor Pepe.


2. OLLOS DO EXILIO


Rumor de brancas ondas
aloumiñando a vella nave.
Vento de sal
susurrando á cuberta.
Luces aló no lonxano,
destellos de treboada.
Melancólica chuvia,
lágrimas que o retorno claman,
que a esperanza saben,
que o fogar chaman.

Unha luz brota na escuridade,
chama que aviva outra chama,
quen fora brasas
polo vello ardor reavivadas.
De entre as brumas do tempo brota,
envolta en albos reflexos,
forte e sabia coma seu creador,
semente por Hércules plantada.

Entrando na baía
arriban os recordos
á orilla do mariñeiro corazón.
Tempos felices xa olvidados.
Tempos de xogos e alegría.
Tempos de xuventude recuperados.
De volta á vida parecía.

Camiña polas rúas,
medio sorriso de nostalxia,
ollos do exilio chegados,
alma de bríos renacidos.
Detense no alto dun monte
e dende a lí a mirada vaga,
a clara mañá
que pola cidade asoma,
hasta pousarse na area branca
e na luz que no océano reflexa
naquel máxico amencer.

E alzándose, murmura quedamente:

Dixenche que regresaría.



Dedicada á cidade máis fermosa do mundo.

por Jorge Núñez Rodríguez, a veintitrés de abril de 2017


22 de abril de 2017

Lerias e Enredos

Acertixos, enredos linguisticos, adiviñas, perdidos no mundo globalizado de hoxe.

Dúrmete, meu neno,
durmete, meu sol,
dúrmete anaquiño
do meu corazón.

Non están moi ben considerados no mundo dos adultos. O enredar ou estar de leria

O xogo constitúe unha actividade educativa esencial.

Compre voltar a xogar, compre que os adultos xoguemos cos nenos aos xogos tradicionais galegos.

21 de abril de 2017

CONSELLOS DE STEPHEN KING PARA ESCRIBIR O PRIMEIRO LIBRO

Escribide para ser felices.
Non se trata de escribir para facer diñeiro, facerche famoso e ter citas, conseguir parellas ou facer amigos. Escribir é máxico, é a auga de vida como calquera outro arte. A auga é gratis, así que bebe.

20 de abril de 2017

Aforismos de Leonardo

276.- Se eu tiven todas esas cousas ou non, os cento vinte libros que compuxen dirano. Non obstaculizaron o meu propósito nin a avaricia nin a neglixencia, pero si o tempo soamente. Vale. 

19 de abril de 2017

Fragmento de "Galván en Saor" de Darío Xohán Cabana

Texto de Darío Xohán Cabana Yanes, nado en Roás, na Terra Chá, o 19 de abril de 1952.

O CAMIÑO DO SUR
Aquela mañá o patio do casteio de Mirez bulía de alegre actividade. O señor Vedromil ía dun lado para outro moi capataz, dirixindo as tarefas dos homes e mulleres e ananos, e gastábalies bromas e ría estentóreo das súas propias chistadas. Xa non usaba Vedromil orelleiras, nin os seus conxéneres tampouco, e os picudos apéndices seus apuntábanlles por entre as guedellas, orgullosos e tesos.
Ferrexaban os ananos en grandes barquíns ó aire libre. Os martelos batían en barras de ferro que ían asumindo feitura de picachóns, e en pranchas que pouco a pouco se transformaban en pas e en rodas de diversos tamaños. Media ducia de homes de regular estatura labraban pequenos puntóns e travesas, ou tal parecían, con aixolas noviñas do trinque, e media ducia de mulleres facían cestos de talas de salgueiro, delas entretecéndoas e delas labrándoas con coiteias de dous mangos.

...

18 de abril de 2017

A decadencia do imperio exipcio: a Baixa Época

A decadencia do imperio exipcio: a Baixa Época

Este momento da historia exipcia abarcou, aproximadamente, do século VII ao I a.C. Foi unha época de decadencia na que o país estivo sucesivamente dominado por pobos estranxeiros: libios, etíopes, persas, macedonios, gregos e romanos. O último momento de esplendor exipcio correspondeu á época saíta, durante a XXVI dinastía, cuxos faraóns conseguirían recuperar algúns dos valores do Imperio Antigo para facer fronte á constante ameaza dos pobos asiáticos e mediterráneos. Este momento concluíu coa dominación persa, á que seguiron gobernos indíxenas, débiles e inestables, que foron dominados por Alexandre Magno a fins do século IV a.C. Os séculos III e II a.C. corresponderon á época dos láxidas ou ptolomeos, sucesores de Alexandre Magno, que ligaron a historia de Exipto
co dominio de Roma, no ano 31 a.C., cando a frota romana de Octavio venceu a Cleopatra na batalla de Accio (Actium).

17 de abril de 2017

Cita

Se a túa intención é describir a verdade, faino con sinxeleza e a elegancia déixalla ao xastre.
Einstein

16 de abril de 2017

Poesías galegas, por Jorge Núñez Rodríguez - 1

Esta é a primeira dunha serie de poesías que publicarei neste blog. Espero que vos gusten. Orixinalmente escrita e publicada nos meus anos mozos no Eusebio da Guarda, na súa revista Alén da Chuvia.

1. CHUVIA

Chove

Bate a auga nos cristais

Chove

Zoa o vento na cheminea

Chove

Os muros de pedra
oscurécense baixo
o manto de auga.

Chove

O calor do fogar
fuxe cara o ceo
en grises volutas de fume

Chove

Os recordos póusanse,
suaves,
na miña alma,
traéndome cores do verán,
que tan lonxano
parece.

Chove

Mais a caricia do calor
do lume
conforta o meu melancólico
espírito,
e tráeme a fragancia
da marea
baixo unha posta
de sol.

Tráeme o verán.

Chove

Dedicado ó home que me iniciou na poesía, o meu profesor de Galego, José "Pepe" Mondelo.
Gracias de corazón.

15 de abril de 2017

Veladas Indecentes

Fragmento de Veladas Indecentes, de Manuel María Lourenzo Lourenzo, nado en Ferreira do Valadouro o 15 de abril de 1943.

DlRECTOR: Entón, señor Peabody, vosté adoita dormir no Convento?
PEABODY: Unha noite si e outra tamén, desde o primeiro nabo quebotei onde as monxiñas.
DlRECTOR: Sabe de agricultura?
PEABODY: Nen papa. O meu, antes de mendigar, era o negócio da augardente: trasega dali, encabeza dacolá... Xa lle darei a prova, caso de chegarmos sen tropezos á cociña.
DlRECTOR: E por que non havíamos chegar? A estas horas as freiras estarán amorriñadas.
PEABODY: Ou non. Que hoxe toca lavar a Santa Mómia, e con esa desculpa andan as pobres toda a noite de padexo.
DlRECTOR: Que escena máis interesante... Poderemos contemplá-la?
PEABODY: Moitas perguntas por cuarenta pesos, Director.
...

14 de abril de 2017

CONSELLOS DE STEPHEN KING PARA ESCRIBIR O PRIMEIRO LIBRO

Un escritor é quen le e escribe.
Apréndese unicamente lendo e escribindo moito. As leccións máis valiosas son aquelas onde o mestre es ti mesmo.

13 de abril de 2017

Aforismos de Leonardo

275.- E se posúes esta arte, non saberás quizá a perspectiva, ou non serás capaz de ordenar as explicacións xeométricas e os cálculos das forzas e accións dos músculos, ou carecerás de paciente dilixencia. 

12 de abril de 2017

CONSELLOS DE STEPHEN KING PARA ESCRIBIR O PRIMEIRO LIBRO

A investigación non debe eclipsar á historia.
Non deixes que o proceso de investigación termine sendo máis importante que a túa historia. Poderasche sentir cativado con todo o que aprendiches no traxecto, pero os lectores terán a atención posta nos personaxes e a historia.

11 de abril de 2017

O reinado de Amenofis IV

O reinado de Amenofis IV

Amenofis IV, sucesor de Amenofis III, emprendeu unha reforma relixiosa de culto monoteísta ao disco solar (Atón) que imporía un novo gusto na arte. Fundou unha nova capital lonxe de Tebas, Tell-el-Amarna, onde construíu os templos do novo culto e os palacios residenciais. Con todo, á súa morte, Tutankhamón reinstauró de novo o culto politeísta coa preeminencia de Amón e abandonou a capital, de onde proceden a maior parte de obras de arte deste momento. Coa XIX dinastía iníciase o período ramésida. Sethi I recobra os territorios asiáticos que se perderan durante o período de Tell-el-Amarna. O seu sucesor, Ramsés II, foi un faraón imperial emblemático. Máis que polas súas conquistas territoriais, coñéceselle polas abundantes construcións colosais que legou á posteridade, como pode verse na sala hipóstila do templo de Amón, en Karnak. Esta política aproveitouna tamén para ampliar a capital tebana cara ao outro lado do Nilo, na parte occidental.
Ramsés III, da XX dinastía, é o último faraón relevante do Imperio Novo. O Mediterráneo Oriental achábase sometido ás incursións dos aqueos que chegaron a Exipto polo norte, desde o mar. Aínda que os rexeitou, con todo, non puido impedir a perda da zona costeira de Fenicia e Palestina. A partir de entón empezou un período de anarquía e desunión, sucedéndose os faraóns ramésidas e iniciándose unha nova etapa intermedia, que se prolongou durante catro séculos (h. 1070-656).

10 de abril de 2017

Cita

O máis incomprensible do Universo, é que sexa comprensible.
Einstein

9 de abril de 2017

A princesa do guisante

Hans Christian Andersen
A princesa do guisante


Érase unha vez un príncipe que quería casar cunha princesa, pero que fose unha princesa de verdade. Na súa busca percorreu todo o mundo, mais sempre había algún pero. Princesas había moitas, mais nunca lograba asegurarse de que o fosen de verdade; cada vez atopaba algo que lle parecía sospeitoso. Así regresou á súa casa moi triste, pois estaba empeñado en atopar a unha princesa auténtica.Unha tarde estalou unha terrible tempestade; sucedíanse sen interrupción os raios e os tronos, e chovía a cachón; era un tempo espantoso. Nestas chamaron á porta da cidade, e o ancián Rei acudiu a abrir. Unha princesa estaba na porta; pero santo Deus, como a puxeron a choiva e o mal tempo! A auga lle chorreaba polo cabelo e os vestidos, metíaselle polas canas dos zapatos e saíalle polos tacóns; pero ela afirmaba que era unha princesa verdadeira.
"Pronto o saberemos", pensou a vella Raíña, e, sen dicir un chío, foise ao dormitorio, levantou a cama e puxo un guisante sobre a tea metálica; logo amontoou encima vinte colchóns, e encima destes, outros tantos cobertores.
Nesta cama debía durmir a princesa.
Pola mañá preguntáronlle que tal descansara.
- Oh, moi mal! -exclamou-. Non peguei un ollo en toda a noite. Sabe Deus o que habería na cama! Era algo tan duro, que teño o corpo cheo de cardeais! Horrible!.
Entón viron que era unha princesa de verdade, posto que, a pesar dos vinte colchóns e os vinte cobertores, sentira o guisante. Ninguén, senón unha verdadeira princesa, podía ser tan sensible.
O príncipe tomouna por esposa, pois se convenceu de que casaba cunha princesa feita e dereita; e o guisante pasou ao museo, onde pode verse aínda, se ninguén llo levou.
Isto si que é unha historia, verdade?.

8 de abril de 2017

Fragmento Mundo do Río

O deus estaba de pé xunto a el mentres xacía sobre a herba xunto ao río, entre os salgueiros choróns. Xacía cos ollos moi abertos e tan débil como un bebé recentemente nado. O deus estaba a picarlle nas costelas coa punta dun bastón de ferro. O deus era un home alto de idade mediana. Tiña unha longa
barba negra bifurcada, e usaba as roupas domingueras dun cabaleiro inglés do 53° ano do reino da Emperatriz Vitoria.
- Chegas tarde -dixo o deus-. Fai moito que tiñas que pagar a túa débeda, sabes?
- Que débeda? -dixo Richard Francis Burton. Pasouse os dedos sobre as súas costelas para asegurarse de que todas seguían alí.
...

7 de abril de 2017

CONSELLOS DE STEPHEN KING PARA ESCRIBIR O PRIMEIRO LIBRO

Descansade.
A lectura da túa obra debe ser unha experiencia tan estimulante como estraña. Tómache un descanso e volve ler as túas liñas despois de seis semanas.

6 de abril de 2017

Fragmento de Última Fuxida a Harar

Texto de Xosé Antón Avilés Vinagre, coñecido como Avilés de Taramancos, nado en Boa (Noia) o 6 de abril de 1935 e finado na Coruña o 23 de marzo de 1992.

AGORA, Rei, bebamos xuntos o veneno. 
Eis o teu reino: Onde ti cantabas 
cantan os convidados, os larpeiros 
consumen a facenda e sementeira, 
os piornos valeiran e as artesas, 
e pouco a pouco, ouh Rei, foron roubando 
o espírito da pátria.

Trabucaron 
a língua e os sinais, a eséncia mesma 
do noso ser puxeron na fronteira. 
Somos iso.
Atoutiñamos marcas coñecidas 
para saber quen somos.

5 de abril de 2017

Fragmento de Cando petan na porta pola noite, de Xabier P. Docampo.

Francisco Xabier Puente Docampo naceu en Rábade o 5 de abril de 1946, mestre, escritor, contacontos e actor de teatro.

Eu de pequeno durmía nun cuarto que tiña os tabiques de madeira. Eran táboas sen pintar, como case tódalas casas da aldea daqueles tempos. A cama estaba situada no ángulo que formaban dous destes tabiques. Alí, naquelas paredes, eu debuxaba. Facíao cun lápis dos que lle chamaban de tinta, porque cando os mollabas na punta da lingua pintaban dunha intensa cor azul violácea.

...

4 de abril de 2017

O esplendor de Exipto: o Imperio Novo

O esplendor de Exipto: o Imperio Novo
O reinado de Amenofis IV

Aproximadamente no ano 1552 a.C. o faraón Amosis fundou a XVIII dinastía, conseguiu dominar Avaris e expulsou aos hicsos. Iniciouse así un período de expansión territorial, que foi o de máxima potencia económica e cultural de Exipto. Amenofis I ampliou as fronteiras, cara ao oeste, penetrando na Libia e, cara ao sur, na Nubia. O seu sucesor Tuthmosis I, continuou a expansión ata alcanzar a cuarta catarata. Gobernou despois a súa filla Hatshepsut, quen levou a cabo unha política pacífica, dedicada aos intercambios comerciais e á construción dun dos templos máis belos e orixinais de Exipto en Deir-o-Bahari.

Tuthmosis III, que sucedeu a Hatshepsut, tentou borrar calquera vestixio material que a lembrase, destruíndo numerosas estatuas da raíña. Coa súa iniciativa o Imperio exipcio alcanza a súa máxima
expansión militar, estendéndose desde a cuarta catarata ata as beiras do río Éufrates, territorio arrebatado ao reino de Mitani. Os seus sucesores: Amenofis II, Tuthmosis IV e Amenofis III trataron de conservar a herdanza territorial e mesmo realizaron políticas de conivencia cos territorios sometidos, casándose con princesas mitanis.

A arte proliferou, enriquecida por influencias asiáticas, con fermosas manifestacións de pintura mural. A actividade arquitectónica recibiu un gran pulo como consta no templo de Amón, en Karnak, e no templo de Luxor.



3 de abril de 2017

Cita

Se a miña teoría da relatividade é exacta, os alemáns dirán que son alemán e os franceses que son cidadán do mundo. Pero se non, os franceses dirán que son alemán, e os alemáns que son xudeu.
Einstein

2 de abril de 2017

Fragmento do fantasma

O FANTASMA
Alejandro Dolina

Como vostede saberá, unha alma en pena é a consecuencia dun dano xurídico de ultratumba. Algunhas persoas non chegan a merecer enteiramente o ceo, o inferno e nin sequera o purgatorio. Establécese entón un réxime especial que mantén ao involucrado en situación de espectro por prazos que adoitan prolongarse ata o cumprimento duns sucesos determinados. Pois ben, eu era escritor. Un escritor bastante exitoso. Un editor inxenuo confiou en min e pagoume unha fortuna por un libro que aínda non escribira. Eu gasteime o diñeiro e morrinme antes de completar nin sequera unha páxina. Agora estou condenado a penar ata que forzas superiores vexan terminado o libro que prometín. 

1 de abril de 2017

Un novo internacionalismo

Un novo internacionalismo
Ideas de Vázquez Montalbán

A quebra máis ou menos real do conflito universal entre dous modos de produción deixa a impresión de que non teñen sentido os grandes conflitos derivados da loita pola hexemonía na orde económica e político marcado polo II Revolución Industrial. (...) un ser humano mozo hai 20 anos podía aspirar aínda a loitar corpo a corpo contra o capitalismo, agora incúlcase a ideoloxía de que non debe chegar a esa loita (...). E, con todo, 10 anos despois da caída do muro de Berlín e a ruína dos países de socialismo real, crece unha conciencia crítica da nova desorde internacional e manifestacións dunha nova sensibilidade internacionalista enfrontada críticamente aos orzamentos nebulosos da globalización. Están a se consolidar as raíces dun novo conflito e o sentido do compromiso no futuro estará marcado pola dialéctica entre o globalizador e o globalizado, trasnsustanciación histórica da antiga pugna entre o amo e o escravo.