8 de agosto de 2017

As pirámides de Gizeh

As pirámides de Gizeh

O conxunto de pirámides de maior tamaño atópase en Gizeh e foi levantado polos faraóns Cheops, Chefren e Micerino durante a IV dinastía. Estas pirámides non son senón a parte máis visible de todo un conxunto funerario que inclúe dous templos, un situado na parte oriental da pirámide, templo funerario, e outro na beira do río, templo do val, unidos ambos por un corredor e coa protección dun recinto amurallado.

A construción destes diferentes edificios respondía as fases polas que debía pasar o cadáver do faraón antes de ser depositado definitivamente na súa cámara mortuoria. O percorrido ritual do defunto comezaba no templo do val onde o corpo era momificado. De alí pasaba ao templo funerario onde se realizaban as cerimonias que lle outorgarían a eternidade. O camiño entre a zona baixa do val do río e a zona máis elevada do deserto, onde estaban as pirámides, quedaba sinalado por unha senda en sentido ascendente, o que engadía significado simbólico ao traxecto do faraón defunto.

A pirámide de Cheops é a «pirámide» de Exipto por excelencia, a máis monumental das tres. Probablemente, é a forma arquitectónica que máis literatura suscitou desde que foi dada a coñecer ao mundo occidental.

Está construída sobre unha base dun cadrado de 230 metros de lado e 147 metros de altura. A orientación de cada un dos lados correspóndese cun punto cardinal. No interior da pirámide hai tres cámaras sepulcrais desiguais, como resultado de diferentes modificacións realizadas ao longo da súa construción. Á primeira delas accédese desde unha entrada no lado norte da pirámide que dá paso a un corredor, que descende en picado ata chegar á cámara. Esta áchase no mesmo eixo vertical da pirámide. Á segunda cámara chégase desde o pasadizo anterior, que se desvía no seu percorrido para ascender, e, posteriormente, seguir paralelo á base. Aquí a cámara ten unha falsa bóveda. A terceira, e definitiva, situouse nun nivel elevado sobre as outras dúas. Accédese a ela desde o angosto pasadizo da segunda cámara e está precedida por unha antecámara protexida por tres laxas de granito. A cámara funeraria ten un teito resgardado por cinco cámaras de descarga e unha cuberta a dúas augas. Estudos de enxeñaría realizados na actualidade revelaron a gran precisión con que se reparten as forzas estáticas da masa piramidal. Causa asombro que os exipcios puidesen intuír na súa construción unha distribución de forzas tan equilibrada, repartíndoas ao longo de diferentes puntos da masa pétrea, ata chegar a ser absorbidas pola gravidade do chan.

Hai bastante unanimidade respecto de que as pirámides se construíron utilizando ramplas paralelas a cada un dos lados polas que se subían os materiais. Estas ramplas, feitas de lodo e grava, prolongábanse segundo as necesidades de crecemento da construción e, unha vez finalizada esta, retirábanse para deixar a forma arquitectónica espida.

Durante a V dinastía construíronse outras pirámides en Abusir e en Saqqarah, a imitación das de Gizeh e coa mesma distribución do conxunto funerario, pero con material de ladrillo e dun tamaño moito menor.

Tamén no Imperio Medio, durante a XII dinastía, construíronse pirámides de ladrillo, cubertas con ferros de pedra calcaria das que apenas quedan restos. Foron construcións máis simbólicas que monumentais, prolongación dunha tradición ancestral que se mantivo, quizais por temor a esquecer un antigo costume. Máis tarde, entre os anos 750 a.C. e 350 a.C., os reis etíopes construíron máis de cento oitenta pirámides en Nubia. Son construcións que se agrupan do mesmo xeito en que se distribúen as chozas dunha aldea africana. A grandeza de Gizeh perdeuse para sempre, non se volveron a construír tumbas semellantes ás do Imperio Antigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario