31 de outubro de 2017

A arquitectura urbana no Antigo Exipto

A arquitectura urbana no Antigo Exipto.

O val do Nilo estivo moi poboado. Había concentracións urbanas que se emprazaban a beiras do río e aldeas rurais que animaban os diferentes nomos. Con todo, destas poboacións non quedan restos, pois o fráxil material de adobe non resistiu o paso do tempo. Tan só quedan algúns exemplos como El-Lahun -onde vivían os obreiros que durante a XII dinastía traballaron nas construcións funerarias de Sesostris II- e Deyr el-Medina, lugar habitado polos traballadores da necrópole de Tebas. Ambos os exemplos permiten esbozar de forma somera o urbanismo exipcio deste período.

O poboado de El-Lahun estaba no Fayum, contaba cunha planificación rectangular de rúas ortogonais e atopábase rodeado por un muro.

A cidade delimitaba perfectamente dúas zonas separadas por un murete. A zona occidental estaba constituída por unha arteria máis ancha en sentido norte-sur, con rúas perpendiculares nas que se aliñaban pequenas casas dunha planta con dúas ou tres pezas. A zona oriental, moito máis ampla, contaba con casas espazosas de dous pisos, que debían pertencer a funcionarios, e unha rúa principal ampla en sentido este-oeste.

Deyr el-Medina atopábase á altura de Tebas, na outra beira do Nilo. Construíuse durante a XVIII dinastía para os obreiros do Val dos Reis. A cidade ampliouse varias veces, polo que os muros que rodeaban o núcleo orixinario, trapezoidal, quedaron circundados por barrios adxacentes con casas amplas. O centro contaba cunha rúa principal e rúas transversais. As casas eran de planta rectangular con habitacións contiguas e terraza plana no piso superior. As xanelas e portas eran de pedra.
A cidade de Akhenatón (actual Amarna) é a única capital imperial da que se pode dar conta. Estaba situada na beira occidental do Nilo, entre o río e unha cordilleira montañosa. No centro alzábanse o palacio, o templo e as casas nobres. Nos seus arredores había casas de distinta condición, sen un plan urbano moi estruturado.

A cidade organizábase en tres sectores delimitados por arterias perpendiculares ao río. As casas da poboación de status elevado contaban con dous sectores separados, un destinado á vivenda nobre e outro para os servizos, onde estaban a cociña, os celeiros, os cortellos e os almacéns.

A vivenda tiña dous pisos. No inferior un vestíbulo daba acceso a unha sala de recepcións, que estaba rodeada de habitacións e contaba con sala de baño. No piso superior atopábanse as habitacións reservadas á familia. A casa tiña tamén xardín con estanque e pozo.

Nas proximidades da zona oriental da cidade atopábase o barrio de traballadores cunha clara planificación ortogonal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.