20 de outubro de 2017

Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira

Aínda que naceu moito despois dos sucesos que nos ocupan, sempre esta ben coñecer algo da nosa historia e da importancia desta liñaxe . O día 19 de outubro foi o aniversario da súa morte.
Entre os herdeiros de Gómez Pérez das Mariñas, de quen xa falamos, está Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira, que naceu seguramente en Viveiro en 1539.
Era fillo de Fernán Díaz de Ribadeneira (viuvo da neta de Gómez Pérez, Constanza das Mariñas), e da súa segunda muller e sobriña política Berenguela das Mariñas.
Gómez Pérez das Mariñas e Ribadeneira foi político, diplomático e militar, destacando pola súa condición de gobernador de diferentes territorios, e finalmente das Filipinas, onde hoxe pervive a cidade Dasmariñas, na súa honra.
Foi o primeiro gobernador español en establecer contactos con Xapón, e potenciou as relacións comerciais con China.
En 1582 e 1584 dúas expedicións españolas fracasaran no seu intento de capturar a fortaleza de Ternate situada nas Illas Molucas. O gobernador planeou en segredo unha nova expedición e mandou diante ao seu fillo Luis e logo embarcou na galera A Capitá, de 28 bancos. Ao parecer os remeiros da súa galera eran chineses, a soldo e, segundo un cronista, sen encadear e armados..
En outubro de 1593 o gobernador partiu de Cavite para Pintados onde ía reunirse coa frota do seu fillo. Xuntas ambas as frotas, acudiría ás Molucas. Pero unha noite os remeiros chineses fixéronse co control da galera asasinando ao gobernador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.