11 de novembro de 2017

Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes

O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes é un mosteiro cisterciense situado no concello de Sobrado, na comarca da Terra de Melide.

É posible que fora fundado xa no ano 952, e aparece citado xa en documentos de finais do século X, co nome de San Salvador. A historia dos 150 primeiros anos de vida do Mosteiro non está moi estudiada pero sabemos que a principios do século XII o Mosteiro atopábase abandonado. En 1142 Bernardo de Fontaines, san Bernardo, envía desde Claraval (Francia), de onde era abade, unha comunidade de monxes por petición de Fernando Pérez de Traba e a súa sobriña dona Urraca Vermúdez. Así, o 14 de febreiro de 1142, comeza en Santa María de Sobrado a vida monástica cisterciense.

Durante o resto do século XII e o século XIII o Mosteiro desenvolve unha gran actividade espiritual e económica. Consérvanse a capela funeraria da Magdalena, a sala capitular e algunhas partes soltas. Mais tarde veu unha segunda etapa de decadencia que se detén o ano 1498, ao incorporarse o Mosteiro á Congregación de Castela. O Mosteiro recupera gran parte da súa grandeza; a maioría dos edificios que actualmente se conservan, comezan a construírse a partir desta nova época. A monumental igrexa termínase a finais do século XVII e no ano 1708 consagrouse solemnemente.

Santa María de Sobrado sofre unha terceira etapa de decadencia, culminada en 1834: o 21 de setembro daque ano suprimiuse por real orde o Mosteiro. Ao ano seguinte, 1835, a maior parte dos Mosteiros de España son tamén suprimidos, por unha orde xeral e definitiva de desamortización. O Mosteiro de Santa María de Sobrado, os seus edificios e posesións foron vendidos. Iniciouse unha deterioración progresiva dos edificios que acaban converténdose nunha enorme chea de ruínas e
pedras.

No ano 1954, por encargo do cardeal Quiroga, Arcebispo de Santiago de Compostela, o Mosteiro Cisterciense de Viaceli, situado na localidade de Cóbreces (Cantabria) comeza a enorme tarefa de reconstrución do Mosteiro; e no mes de xullo de 1966 envía unha comunidade de monxes. O 25 de xullo de 1966, solemnidade do apóstolo Santiago, comeza novamente a vida monástica cisterciense no Mosteiro de Santa María de Sobrado.

Mais fotos

Web do Mosteiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.