24 de maio de 2018

Idiomas

Un veciño de Lugo levou ao Valedor que o Concello lle impidira concursar nun certame cun relato en castelán

Un veciño de Lugo tramitou queixas ante o Valedor do Pobo denunciando que o Concello lle impide concursar no certame literario 'Ánxel Fole', "que ata agora estaba aberto a escritores en ambas as dúas linguas oficiais de Galicia", cun relato curto escrito en castelán, segundo asegurou Galicia Bilingüe.
Nun comunicado, a asociación informa de que asesorou ao lucense José Luis Fernández del Valle, que denunciou o caso tras constatar que se limitara a participación "só a obras escritas en galego", cando o concurso "era bilingüe ata este ano".
"A dotación económica incrementárase para os escritores galego falantes, mentres que para os castelán falantes sinxelamente desaparecera", denuncia Galicia Bilingüe, que constata que en Galicia está a resultar "case imposible" acceder a axudas públicas e a premios literarios e artísticos "se se usa o español". Na súa opinión, esta é unha forma "inxusta" de "limitar" a creación nunha lingua oficial, algo que Galicia Bilingüe considera "desalentador" para moitos escritores e "empobrecedor" para "toda a sociedade".
Deste modo, ademais das queixas ante o Valedor e o Defensor del Pueblo, Fernández presentou unha carta no rexistro do Concello de Lugo dirixida ao seu alcalde, José Clemente López Orozco, na que pide que lle aclare "qué criterios" se seguiron para decidir este cambio "que lle prexudica".
Tamén solicitou "un cambio" nas bases do concurso para poder optar a un premio que, destacou a asociación, leva o nome dun escritor "que alcanzou a fama escribindo en ambas as dúas linguas de Galicia".         

Ningún comentario:

Publicar un comentario