31 de xullo de 2019

UNHA CIDADE ENTRE DOUS ESPECTÁCULOS

Manuel Vázquez Montalbán (PAIS 31-08-2002)

Comprobei que Barcelona ten bo cartel turístico mundial, talvez conseguido coa artimaña de fichar a Cruyff, Maradona e Ronaldo en momentos oportunos, porque foi en Asia en 1975, tamén alí en 1982 e en Costa Rica a fins do noventa cando, ao revelar eu a miña procedencia barcelonesa, senllos taxistas exclamaron 'ah, Cruyff!', 'ah, Maradona!', 'ah, Ronaldo!'. Sen Cruyff nin Maradona nin Ronaldo, o bo cartel turístico da cidade débese a dous descubrimentos da súa feitura e as súas maneiras conseguidos cos campionatos do mundo de fútbol de 1982 e coa retransmisión cósmica das cerimonias de inauguración e clausura dos Xogos Olímpicos de 1992. Até esas datas, Barcelona dependía de complexos e complementarios imaxinarios que traducían a súa mestizaxe: as barricadas que tanto lles gustaban a Engels e a Lenin, e o paraexpresionismo de Gaudí, o racionalismo da única burguesía industrial de España plasmado no Eixample e os barrios portuarios que eran as ínguas da cidade e rebautizados por escritores malditos franceses como Barrio Chinés, a cidade de festas e congresos do franquismo, e A Rosa de Lume dos anarquistas, a máis norteña das cidades do sur e a máis sureña das cidades do norte...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.