12 de febreiro de 2020

Novela semanal. Sexta entrega.

Despois de asegurarse de que ninguén o persigue, Duchamps detense ao lado dunha enorme árbore e apóiase un momento para tomar aire. Que pouco faltou, pensa. Teño que buscar outra forma de entrar. Con sixilo, vaise achegando de novo á mansión. Aí diante queda a entrada pola que non puido pasar, e parece que dese lado non hai máis portas así que tan só queda explorar outras zonas.

Vai rodeando a mansión mantendo una distancia de seguridade fóra do campo de visión do persoal vixilante. A mansión ten fiestras enormes pero ningunha delas está aberta e non vai ser sinxelo abrilas. Nese momento escoita unha porta abrirse. Corre tanto como pode sen facer ruído e colócase detrás duns arbustos a vinte metros dunha terraza enorme anexa á mansión. Está completamente pechada con cristaleiras enormes, o que permite deixar pasar a calor do sol ao mesmo tempo que bloquea o frío vento de Vaillard. Por todas a mesas dispostas con bebidas e comida está claro que parte da festa se vai desenvolver aí pero, de momento, a xente aínda está entrando á mansión e non se ve a ningún invitado. Xunto á porta da terraza está un camareiro fumando durante o seu tempo de descanso. Duchamps sabe quen non vai ter mellores oportunidades para entrar, sobre todo despois do escándalo montado despois de escapar de xeito apresurado.

Se quere entrar ten que pensar nun plan canto antes, pois con cada segundo que pasa o cigarro vai minguando de tamaño. Achegarse a falar con el pódelle parecer raro ao camareiro. Seguramente o camareiro se preguntaría que facía unha persoa agochada entre a matogueira. E se lle digo que estaba cagando? Non, non soa moi elegante para alguén que vén a unha festa coma esta. Empezan a entrarlle os nervios e para desesperación súa ve que o camareiro tira a cabicha ao chan e disponse a abrir de novo a porta. Sen pensalo dúas veces, Duchamps bota a correr en dirección á terraza con todo o que lle permiten as súas pernas. O camareiro dáse a volta ao escoitar uns pasos apresurados e observa a Duchamps correndo na súa dirección, cos brazos e alto e soltados berros de socorro.

Finalizado este pequeno sprint, o detective apóiase nos xeonllos para recuperar o alento mentres o camareiro o mira de forma atónita. Que lle sucedeu?, pregunta o camareiro. Duchamps, que xa respira mellor, responde. Veño correndo porque estou escapando dun tipo moi estraño. Eu estaba desfrutando das plantas que ten o xardín e de súpeto apareceu ese tipo cunha cara de enfado tremendo que pensaba que me ía pegar. E segue por aí?, pregunta nervioso o camareiro. Pois si, eu creo que está por alí, di Duchamps sinalando a unha zona do xardín aleatoriamente. De acordo, déixeme facer unha chamada rápida á sala dos vixiantes para que manden a alguén. O camareiro saca o seu teléfono da empresa e cando está a marcar o número Duchamps decide que é o momento de actuar. Cun gran berro ao estilo karateka propínalle un golpe na caluga que deixa ao pobre condenado desmaiado no chan e nunha posición pouco honorable

Continuará...



Ningún comentario:

Publicar un comentario