4 de marzo de 2020

Novela semanal. Novena entrega.


Entran tres vixiantes na sala con pistola na man ao mesmo tempo que dous escoltas levan á viúva a outra sala da mansión. A xente sigue saíndo e xa empeza a ser máis fácil visualizar a escena. Xusto donde ficaba a señora hai dez segundos xace no chan un corpo inerte, debaixo do cal empeza a expandirse un rego de sangue. O detective sabe que ten que escapar se quere evitar que o deteñan como posible sospeitoso así que escapa cos outros camareiros. Despois de cruzar un corredor, estes van entrando no que semellan ser as cociñas da mansión, pero Duchamps segue cara adiante para encontrar unha saída.

Tras cinco minutos escapando de xeito confuso, o detective para a descansar apoiado contra a parede, exhausto pola carreira e polas emocións. Nese intre, escoita uns pasos apurados achegarse na súa dirección. Con rapidez, apártase nun recuncho sombrío que dá a unha habitación e, momentos despois, pasa unha figura delgada suxeitando algo que parece unha pistola. Os pasos fanse menos intensos a cada segundo que transcorre e, asegurándose de que non hai ninguén, volve a tomar o camiño cara a unha posible saída. Vira á dereita, á esquerda, segue de fronte e, despois de máis voltas, chega ao que ten pinta dunha pequena sala de estar. A sala loce un decorado moi bonito e butacas confortables que invitan a descansar, pero non é o momento xa que en calquera minuto poden chegar vixiantes. De súpeto, escóitase xente berrando e ruído de mobles caendo e rompendo contra o parqué. Duchamps detecta ao fondo a porta da que proveñen os gritos e apresúrase a cruzar a sala. Cando leva aberto un palmo, escóitanse disparos que retumban na sala dunha forma que volvería xordo a calquera e despois, nada, un silencio absoluto.

Continúa a abrir a porta, esta vez de xeito máis cauteloso, dunha sala que ten bastante parecido coa que está abandonando, agás polos mobles e pratos rotos no chan. No centro do habitáculo permanece inmóbil una figura delgada, cos ollos apuntando aos de Duchamps. No peito ten dúas manchas vermellas que van medrando como rosas florecendo.

Continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario