6 de maio de 2020

Novela semanal. Decimooitava entrega.

Pasaron dúas horas dende a chamada ao comisario. Duchamps mira cada pouco pola fiestra en busca dalgunha silueta sospeitosa. A rúa parece tranquila pois xa son as once da noite e a xente xa volveu á súa casa horas antes. El aínda está pensando en como actuar. A quen acudir? Será seguro ir á comisaría para ver se houbo algún supervivente? Sexa como for, agora é moi perigoso saír así que o detective decide pasar a noite no seu despacho. Diríxese a un armario e saca del unha manta que levaba gardada non se sabe canto tempo. Despois de sacudila un par de veces, colócaa no chan e déitase. A combinación do esforzo físico desde día coa conmoción dos ataques consigue que queda durmido en canto pecha os ollos.

Óuvense dous golpes na porta. Duchamps aínda está deitado no chan coa baba caéndolle na manta. Tras o terceiro golpe a súa mente vólvese máis clara, recordando os acontecementos do día anterior. Non bebeu nada de alcohol pero dóelle a cabeza como se fose o caso. Ponse en pé de xeito silencioso e vaise achegando á porta evitando situarse fronte a ela. Coloca a orella tan preto como pode para escoitar calquera ruído. Dan outros dous golpes na porta. Señor Duchamps? Somos do Corpo de Investigación Central. Estamos aquí para facerlle unhas preguntas sobre a morte do Comisario desta cidade. Encóllese o corazón de Duchamps. Tiña o presentimento pero escoitalo faino definitivo. Que queren de min? Pregunta o detective. Simplemente queremos facerlle unhas preguntas porque temos coñecemento da súa presencia na comisaría momentos antes do ataque, responden do outro lado da porta. Cun xesto rápido, Duchamps alcanza a mira da porta para observar aos individuos e coa mesma rapidez colócase fóra de alcance. Polo que puido ver son dous señores en uniforme oficial do CIC e non tiñan ningunha arma á vista. Se fixese falta, Duchamps ten o seu revólver agochado nun caixón da súa mesa así que abre a porta e deixa pasar aos investigadores.

Continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario