27 de maio de 2020

Novela semanal. Vixesimoprimeira entrega.

Aínda que deixou aos investigadores atrás, non pode evitar sentir que está a ser vixiado. El apura para chegar ao punto de reunión tanto como lle permiten os semáforos e o coche.

Xa está á altura do café pero non ve nada raro. Aparca nunha rúa próxima, apaga o motor e camiña cara ao punto de reunión. Duchamps mira a través da porta de cristal do local pero non hai ninguén sentado nas mesas nin tomando algo na barra así que decide entrar. Vai á barra e pide un café e un croissant porque non comeu nada dende que espertou. El séntase no seu sitio favorito e dous minutos despois tráenlle o almorzo. A pesar de estar en perigo, non pode evitar poñer cara de felicidade ao dar a primeira dentada.

Unha man agarra o ombreiro do detective, que por pouco afoga do susto. Non se preocupe, di unha voz aguda. Son amigo do Comisario Delaville, veña comigo, este local non é seguro para falar. O detective dáse a volta e recoñece ao momento esa figura inesquecible. Diante del está Amans, aínda que desta vez leva roupa un pouco máis discreta. Contra a súa vontade, Duchamps vese obrigado a abandonar o seu almorzo ao tempo que unha bágoa esvara pola súa meixela.

Continuará...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.