15 de setembro de 2020

O Rei Bruxo 145

E temos xa un novo número do Rei Bruxo, o boletín dos nosos amigos da Asociación Galega de Xadrecistas.
Recuperando pouco a pouco a actividade agardamos telo con nos se non cada semana dúas veces ao mes ata final do ano.

9 de setembro de 2020

Novela semanal. 25ª entrega.

 Duchamps leva a man á testa. Xa me está empezando a doer cabeza, suspira mentres toma un grolo da tila. Cando acabes de ser un mexericas continuamos co tema que nos trouxo aquí, repróchalle Amans.

Tras dez minutos de descanso, o detective nota que se sente mellor así que Amans procede co resto da explicación. Como che comentaba, estás metido no medio dunha conspiración. Dispoño dun informante infiltrado na organización e deixoume claro que queren facerse co poder no país; o que non está claro é como o van facer. O máximo líder dentro da organización é Poutine, presidente do Corpo secreto de Intelixencia, e  semella que hai máis cargos dese organismo estatal involucrados. Mañá teñen unha nova reunión na capital. Podemos achegarnos e falar co meu compañeiro. El poderá informarnos dos próximos movementos da grupo. Descansa o que queda de día, farache falta a enerxía.

 

Continuará...

2 de setembro de 2020

Novela semanal. 24ª entrega.

 Agora que estamos cómodos pódoche explicar a situación. Empezarei dicindo que estamos a afrontar unha organización, non un individuo, di Amans. Como que unha organización? Pregunta Duchamps dubitativo. Son os que están detrás dos asasinatos dese PR? Si, responde Amans, o empresario estivera financiando esa organización pero semella que acabou en problemas cando se opuxo a aumentar a súa aportación. O actor, en cambio, formaba parte da propia organización pero acabou asasinado por disidente, ao igual que o seu compañeiro na festa á que fuches. Eses son tres, di o detective, que hai das outras dúas vítimas? Amans pasa a man polo queixo cun xesto pensativo. Esas non teñen unha relación clara nesta historia, recoñece, pero é probable que acabasen mortos para ocultar o carácter político das outras mortes. Despois de todo, pensabamos que se trataba dun asasino en serie.

Miña nai queridiña, di Duchamps confuso, vas ter que deixarme uns minutos para asimilar todo isto. Comprendo a túa confusión, se queres pódoche traer algunha bebida e despois continuamos, ofrece Amans. Continuar? Aínda tes máis segredos que contarme? Pregunta en desesperación Duchamps.

 

Continuará...