11 de decembro de 2010

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (VIII).

Gozaba dunha saúde que desafiaba a todas as enfermidades. Tiña uns sólidos músculos e carecía de nervios, da aparencia de nervios, moralmente falando, enténdese.
Tiña trinta anos, e a súa idade era á miña como quince é a vinte. Escusaráseme de indicar así que eu tiña corenta anos.
Conseil tiña tan só un defecto. Formalista empedernido, nunca se dirixía a min sen utilizar a terceira persoa, o que me irritaba bastante.
-Conseil! -repetín, mentres comezaba febrilmente a facer os meus preparativos de partida.
Certamente, eu estaba seguro dun mozo tan abnegado. Xeralmente non lle preguntaba eu nunca se lle conviña ou non seguirme nas miñas viaxes, pero esta vez tratábase dunha expedición que podía prolongarse indefinidamente, dunha empresa arriscada, en persecución dun animal capaz de botar a pique
a unha fragata coma se tratásese dunha casca de noz. Era para pensalo, mesmo para o home máis impasible do mundo. Que ía dicir Conseil?
-Conseil! -gritei por terceira vez.
Conseil apareceu.
-Chamábame o señor?
-Si, rapaz. Prepárame, prepárache. Partimos dentro de dúas horas.
-Como o señor guste -respondeu tranquilamente Conseil.
-Non hai un momento que perder. Mete no meu baúl todos os meus utensilios de viaxe, traxes, camisas, calcetíns, o máis que poidas, axiña!
-E as coleccións do señor? -lembrou Conseil.
-Ocuparémonos logo diso.
-Como! O arquiotherium, o hyracotherium, o oréodon, o queropótamo e as demais osamentas do señor!
-Deixarémolas no hotel.
-E o babirusa vivo do señor?
-Manterano durante a nosa ausencia. Vou ordenar que os envíen a Francia ao noso zoo.
-É que non regresamos a París?
-Si .... naturalmente... -respondín evasivamente-. Pero regresamos dando un rodeo.
-O rodeo que o señor queira.
-Oh!, pouca cousa. Un camiño un pouco menos directo, iso é todo. Viaxaremos a bordo do Abraham Lincoln.
-Como conveña ao señor -respondeu Conseil coa maior placidez.
-Sabes, amigo meu? Verás .... trátase do monstro, do famoso narval... Imos librar del aos mares... O autor dunha obra en dous volumes sobre os Misterios dos grandes fondos submarinos non podía subtraerse á expedicióin do comandante Farragut. Misión gloriosa, pero... tamén perigosa. Non se sabe onde nos levará isto... Eses animais poden ser moi caprichosos ... Pero iremos, de tódolos xeitos. Cun comandante que non coñece o medo.
-Eu farei o que faga o señor -dixo Conseil.
-Pénsao ben, pois non quero ocultarche que esta viaxe é un deses de cuxo retorno non se pode estar seguro.
-Como o señor guste.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.