9 de abril de 2011

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (XIX).

A fragata achábase entón a 310 15' de latitude Norte e 1360 42' de lonxitude Este. As terras do Xapón distaban menos de duascentas millas a sotavento. Achegábase xa a noite, acababan de dar as oito. Grandes nuboeiros velaban o disco lunar, entón no seu primeiro cuarto. A mar ondulaba mansamente baixo a roda da fragata. Eu achábame a proa, apoiado na bataiola de estribor. Ao meu lado, Conseil miraba ao horizonte. A tripulación, empolicada aos obenques, albiscaba o horizonte que ía reducíndose e escurecéndose aos poucos. Os oficiais escudriñaban a crecente escuridade cos seus catalexos de noite. De cando en vez o escuro océano resplandecía fugazmente baixo un raio de lúa entre dúas nubes. Logo, o raio de luz desvanecíase de novo nas tebras.
Observando a Conseil, crin ver que o bo raparigo deixarase contaxiar un pouco do estado de ánimo xeral. Quizá e por vez primeira os seus nervios vibraban baixo o sentimento da curiosidade.
-Imos, Conseil -díxenlle-, esta é a última ocasión de embolsarse dous mil dólares.
-Permítame o señor dicirlle que en ningún momento contei con esa paga, e que aínda que se ofreceran cen mil dólares non por iso veríase máis pobre o goberno da Unión.
-Tes razón, Conseil. Despois de todo, é unha estúpida aventura, e lanzámonos a ela cunha excesiva lixeireza. Canto tempo perdido e cantas emocións inútiles! Pensar que fai xa seis meses que podiamos estar na Francia!
-Na casa do señor, no museo do señor. E eu tería xa clasificados os fósiles do señor. O babirusa do señor estaría xa instalado na súa gaiola do xardín de prantas, e sería a atracción de todos os curiosos da capital.
-Así é, Conseil. E o que é máis, así mo temo, a xente vai burlarse de nós.
-En efecto -respondeu moi tranquilamente Conseil-. Creo que van burlarse do señor. E podo permitirme dicir que ... ?
-Podes permitircho, Conseil.
-Pois ben, que o señor llo ten merecido.
-De verdade?
-Cando se ten a honra de ser un sabio como o señor, non se pode expor un a...
Conseil non puido acabar a súa frase. No medio do silencio, ouviuse unha voz. A de Ned Land. E a voz de Ned Land gritaba:
- Oíde! A cousa en cuestión, a sotavento, ao través!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.