4 de xaneiro de 2012

O contacontos - Cuarta Parte

¿En que consistía pois tal remedio? ¿Alcanzades a velo? ¿Sequera a imaxinalo? ¿Non? ¿Pensades que minto, que vos engano, que realmente empecei este conto por aburrimento, por tolo divertimento? ¿Sen teimar que chegaría o momento deste capítulo me ter que ocupar?

Non rencoro das vosas dúbidas, que iso da fé do sorprendente desta historia. A mesma suscitación foi naqueles inquedos e laboriosos veciños daquela vila que ficaron con non pouco desconcerto, cando así escoitaban que rumores dicían que o calado Alfonso a dicir contos se dispoñía.

Nembargantes, boa hora é de declarar a favor deste mozo de vinte e moi poucos anos, que non saíra tan preguiceiro como as sibilinas voces proclamaron, pois co paso do tempo foille collendo gusto a esgrimir a fouciña e a debullar millo, fose branco ou fose negro.

Non se pense que isto foi por requerimentos sociais ou pecuniarios, pois ben se bastaba o homiño de alimentarse de historias, sen ser de ningunha escrupuloso. Máis ben cabe pensar que foi o sinxelo feito, do cal se foi persuadindo a devagariño con non pouco pesar, de que era no campo, atareados en traballos rutinarios e grupais, o lugar mais apropiado, ademáis de para pacer as vacas, para botar a pacer a lingua.

Por todo isto, que xa sería máis que suficiente, pero sobre todo por esa habilidade única de ser verde e apetecible herba que facía salivar a lingua de todos cos que tropezaba, era reputado como alegre, boa e discretísima persoa.

E si! Que sorpresa levaron os seus coetáneos cando ouviron de que por riba de convertirse en contacontos, tamén desexaba ser pintor!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.