5 de xuño de 2012

Fragmento de Arredor de si, de Otero Pedrayo (II)

O Retiro á hora do solpor. Maio. As grandes masas de arboredo a penas peneiraban o roibo trigo do ponente. Xa negrexaban os alciprestes poñendo ñas frondas un pouco de ordenación mística. Espallaban unha esperanza de noite do sur os azulexos dos bancos e as roseiras emparradas.
Os dous señores galegos subían de a pe o paseo dos coches. Quizáis sentindo un pouco de saudade diante do triunfo dos automóbiles. No seu tempo, cando eles chegaron, un longo rolar de coches enchía o parque. Berlinas, cupés, victorias. Coches ducais, coches burgueses. O coche do político, do avogado famoso, do xeneral de quen se agardaba o golpe de Estado. O coche da dama, linda, soíña, estraña, co seu canciño e o imponente cocheiro. O coche sorridente e irónico das pecadoras tamén se acompasaba ó ton do paseo. Todo Madrid. Entón enxergábase dunha ollada. Dos tempos cabaleirescos quedaban os troncos escolleitos. Rodar de rodas, bater de cascos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.