25 de xullo de 2012

Aforismos de Francisco: O xogo da vida

Ben maduros estamos xa a estas alturas do xogo. Superpoñémonos a cada obstáculo con éxito, e velaquí seguimos, vivos. ¿Non estamos contentos? ¿Acaso non é vivir o obxectivo da vida?

 Deixando de lado a todos aqueles que aínda non se decataron deste eterno carácter infantil e algareiro da vida, remítome ós seus xogadores activos e conscientes.
Pois ben, noraboa a todos vós, pero lamento dicirvos que sodes uns xogadores moi malos e aburridos.

 Imaxinade que alguén está observando a vosa vida desde o televisor da súa casa. ¿De verdade credes que non tardaría nin dez minutos en desconectar a pantalla? Necesítase un pensamento reflexivo e crítico para poñernos por un momento na pel dese observador, pero vale a pena o esforzo. ¿Canto tempo credes que vos soportaríades a vós mesmos? A vergoña aparecería demasiado pronto, a sensación de non identificación, de non estar facendo o que realmente querríamos, a consciencia dun tempo perdido.

Mirádeo así:  imaxinade que existira un videoxogo similar á vida, no que a a pesar de que o protagonista só dispoñera dunha vida, o mundo interaccionable fose inmenso e as posibilidades de acción dentro del infinitas. ¿Sinceramente actuaríades da mesma maneira que o levades facendo?

Cabe pensar que moitos non pasarían dos oito anos, pero sería divertido mentres durase. Iso, ou seguir xogando sen ganas ata o hastío dun mesmo, tendo en conta que é o único xogo que temos e que estamos obrigados a xogalo ata o final.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.