15 de agosto de 2012

Aforismos de Francisco: Outra razón para ler

Aprender un idioma non é sinxelo. Require motivación, disciplina e paciencia.

A motivación é o máis importante, sen ela non habría espazo nin para a disciplina nin para á paciencia. Debe vir dun mesmo e aínda que a maioría das veces veña imposta polas circunstancias, débese tomar coma un reto persoal.

A disciplina só se pode impoñer tras sentirse un motivado. Trátase de elaborar unha metodoloxía que axude a levar a aprendizaxe por un cauce plácido pero de fluxo constante.

A paciencia tamén só pode nacer a raíz dunha boa disciplina. Sen ela a melloría non é visible e a paciencia agótase. 

Con estas tres condicións é cando comezaremos a atopar nos libros unha ferramenta espléndida de aprendizaxe, escondida entre un divertido xogo de enigmas, de memoria, e de experiencias en primeira persoa na que a túa personaxe irá subindo incansablemente de nivel, e no que o inimigo é único, ti mesmo.

     Comezará un por transformarse en infante para poder disfrutar de novo das despreocupadas aventuras dos despreocupados e fantasiosos nenos, e verá con alegría que rapidamente pode deixar de lado as alegres ensoñacións para dun salto pasar á complicada pero pasional vida xuvenil, tempo de dúbidas e necesidades consoladoras, no que non poucas veces regresaremos por necesidade fisiolóxica a esa inocente vida pueril, pero nos que tampouco faltarán momentos de osadía nos que nos daremos o permiso de facernos pasar valentemente por adultos, aínda que moitas veces nos decataremos de que non estaremos maduros aínda para todos os seus contrasentidos, mais iso non nos abatirá, senón máis ben nos alentará sen rencor a retornar a nosa pel, coa esperanza e ilusión de algún día chegar a comprendelos. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.