26 de xaneiro de 2013

20.000 leguas de viaxe baixo os mares (CX)

Os meus compañeiros e eu suspendemos a nosa marcha ao ver que o capitán Nemo detíverase, cos seus homes formando semicírculo en torno seu. Foi entón cando me din conta de que catro deles levaban sobre os seus ombreiros un obxecto de forma oblonga.
Achabámonos no centro dun vasto calveiro, rodeado polas altas concrecións arbóreas do bosque submarino. As nosas lámpadas proxectaban sobre ese espazo unha especie de claridade crepuscular que alongaba desmesuradamente as nosas sombras sobre o chan. Nos lindes do calveiro a escuridade era profunda, só asucada por algún que outro centelleo arrincado polas nosas lámpadas ás vivas arestas de coral.
Ned Land e Conseil achábanse xunto a min. Eu intuía que iamos asistir a unha estraña escena.
Observando o chan, vin que nalgúns puntos erguíase lixeiramente nunhas protuberancias de depósitos calcáreos cunha regularidade que traizoaba a man do home.
No medio do calveiro, sobre un pedestal de rocas groseramente amontoadas, erguíase unha cruz de coral con longos brazos como se estiveran feitos de sangue petrificada.
A un sinal do capitán Nemo, adiantouse un dos seus homes e, a algúns pasos da cruz, comezou a escavar un buraco cun pico que desatara do seu cinto.
Só entón comprendín que aquel calveiro era un cemiterio, o buraco, unha tumba, e o obxecto oblongo, o corpo do home que morrera durante a noite. O capitán Nemo e os seus viñeran a enterrar ao seu compañeiro nesa última residencia común, no fondo inaccesible do océano!
Non! Nunca o meu espírito sentiuse tan sobrecollido como naquel momento! Xamais me sentín embargado por unha emoción tan impresionante como aquela! Non quería ver o que estaban a ver os meus ollos!
Pero a tumba ía tomando forma lentamente. Sobresaltados, fuxían os peixes de aquí e de alá. Ouvíase resoar o ferro do pico sobre o chan calcáreo e de cando en vez sobre algún sílex perdido no fondo das augas. O buraco íase alongando e ensanchando e pronto foi unha fosa suficientemente profunda para albergar o corpo.
Os portadores achegáronse a ela. O corpo, envolvido nun tecido de biso branco, descendeu á súa húmida tumba. O capitán Nemo, os brazos cruzados sobre o peito, e todos os demais, se axenlloaron na actitude da pregaria... Os meus dous compañeiros e eu inclinámonos relixiosamente.
Recubriuse a tumba cos restos arrincados ao chan, formando unha lixeira protuberancia.
O capitán Nemo e os seus homes reincorporáronse e, achegándose á tumba, estenderon as súas mans nun xesto de suprema despedida.
A fúnebre comitiva emprendeu entón o camiño de regreso ao Nautilus, baixo os arcos do bosque, a través das matogueiras e ao longo das plantas de coral, nun ascenso continuo.
Apareceron ao fin as luces do Nautilus que guiaron os nosos últimos pasos. Á unha, xa estabamos a bordo.
Nada máis desposuírme da miña escafandra, subín á plataforma onde, presa dunha terrible confusión de ideas. fun a sentarme preto do fanal. Pronto se uniu a min o capitán Nemo. Levanteime e díxenlle:
-Así, pois, tal e como prognosticara, ese home morreu onte á noite.
-Si, señor Aronnax.
-E agora está a repousar xunto aos seus compañeiros nese cemiterio de coral.
-Si, esquecido de todos, pero non de nós. Nós cavamos as tumbas e os pólipos encárganse de selar nelas aos nosos mortos para toda a eternidade.
Ocultando cun xesto brusco o seu rostro nas súas mans crispadas, o capitán tratou vanamente de conter un salouco. Logo, dixo:
-Ese é o noso apracible cemiterio, a algúns centenares de pés baixo a superficie do mar.
-Os seus mortos dormen nel tranquilos, capitán, fóra do alcance das quenllas.
-Si, señor -respondeu gravemente o capitán Nemo-, fóra do alcance das quenllas e dos homes.

FIN DA PRIMEIRA PARTE

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.