13 de agosto de 2013

Inicio de OS XARDINS DA LUZ, de Amin Maalouf

Prólogo

Ao contrario que o Nilo, que se pode descender levado pola corrente ou remontar a vela, o Tigris é un río de sentido único. En Mesopotamia, os ventos corren, como as augas, da montaña cara ao mar, nunca cara a terra dentro, até tal punto que as barcas, á ida, deben cargar con asnos e mulas que poidan remolcalas á volta polos secos camiños, como bamboleantes e azarados cascaróns, até o seu lugar de atracada.

No extremo norte, onde nace, o Tigris indómito corre entre as rocas e só algúns barqueiros armenios atrévense a navegalo, cos ollos cravados nas efervescencias das pérfidas augas. Estraña arteria na que os navegantes non se cruzan, non se adiantan, non intercambian saúdos nin consignas. De aí esa impresión embriagadora de navegar só, sen demo protector, sen outra escolta que as palmeiras das beiras.

Logo, ao chegar á cidade de Ctesifonte, metrópole do país de Babel e residencia dos reis partos, o Tigris se calma, a xente pode achegarse a el sen respecto, xa non é máis que un xigantesco brazo fluído que se pode cruzar dunha beira a outra nunhas barcas redondas de fondo plano nas que se amontoan homes e mercadorías e que se afunden até a borda e ás veces viran como trompos sen que por iso naufraguen, vulgares cestos de xunco trenzado que desposúen ao río do Diluvio do seu impoñente aspecto. É entón tan manso que poden chapotear nel unhas sinistras parellas abrazadas: pelellos de animais decapitados, baleirados, recosidos e logo inflados, aos que se aferran corpo a corpo os nadadores, como para unha danza de supervivencia.

...

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.