5 de outubro de 2013

2ª Parte de 20.000 leguas de viaxe baixo os mares (XXXIII)

9. Un continente desaparecido 

Ao día seguinte, 19 de febreiro, pola mañá, vin entrar ao canadense no meu camarote. Esperaba eu a súa visita. Estaba visiblemente desgustado.
-E ben, señor? -díxome.
-E ben, Ned, o azar púxose onte contra nós.
-Si. Este condenado capitán tivo que deterse precisamente á hora en que iamos fuxir.
-Si, Ned. Estivo a tratar un negocio co seu banqueiro.
-O seu banqueiro?
-Ou máis ben a súa casa de banca; quero dicir que o seu banqueiro é este océano que garda as súas riquezas con máis seguridade cas caixas dun Estado.
Relatei entón ao canadense os feitos da véspera, e fíxeno coa secreta esperanza de disuadirlle da súa idea de abandonar ao capitán. Pero o meu relato non tivo outro resultado que o de levarlle a lamentar enerxicamente non poder facer pola súa conta un paseo polo campo de batalla de Vigo.
-En fin! -suspirou-. Non todo está perdido. Non é máis que un golpe de arpón no baleiro. Lograrémolo noutra ocasión, talvez esta mesma noite se é posible.
-Cal é a dirección do Nautilus? -pregunteille.
-Ignóroo -respondeu Ned.
-Ben, ao mediodía saberémolo.
O canadense volveu xunto a Conseil. Pola miña banda, unha vez vestido, fun ao salón. O compás non era moi tranquilizador. O Nautilus navegaba con rumbo Sur-suroeste. Afastabámonos de Europa. Esperei con impaciencia que se rexistrase a posición na carta de marear. Cara as once e media baleiráronse os depósitos e o noso aparello emerxeu á superficie. Lanceime cara á plataforma, na que me precedeu Ned Land. Ningunha terra á vista. Máis nada que o mar inmenso. Algunhas velas no horizonte, dos barcos que van buscar até o cabo San Roque os ventos favorables para dobrar o cabo de Boa Esperanza. O ceo estaba cuberto, e anunciábase un ventarrón. Rabioso, Ned Land trataba de horadar coa súa mirada o horizonte brumoso, na esperanza de que tras a néboa estendésese a terra desexada. Ao mediodía, o sol asomouse un instante. O segundo de a bordo aproveitou o claro para tomar a altitude. A ondada obrigounos a descender, e pechouse a escotilla. Unha hora despois, ao consultar o mapa vin que a posición do Nautilus achábase indicada nel a 160 17' de lonxitude e 330 22' de latitude, a cento cincuenta leguas da costa máis próxima. Inútil era pensar na fuga, e pode imaxinarse a cólera do canadense cando lle notifiquei a nosa situación. En canto a min, non sentín moito desconsolo, senón, así a todo, aliviado do peso que me oprimía. Así puiden renovar, cunha calma relativa, o meu traballo habitual. Pola noite, cara as once, recibín a inesperada visita do capitán Nemo, quen me preguntou moi atentamente se me sentía fatigado pola velada da noite anterior, ao que lle respondín negativamente.
-Se é así, señor Aronnax, vou proporlle unha curiosa excursión.
-Escóitolle, capitán.
-Até agora non visitou vostede os fondos submarinos máis que de día e baixo a claridade do sol. Gustaríalle velos nunha noite escura?
-Naturalmente, capitán.
-O paseo será duro, advírtollo. Haberá que camiñar durante longo tempo e escalar unha montaña. Os camiños non están en moi bo estado.
-O que me di, capitán, redobra a miña curiosidade. Estou disposto a seguirlle.
-Veña entón comigo a porse a escafandra.
Chegado ao vestiario, vin que nin os meus compañeiros nin ningún home da tripulación debía seguirnos nesa excursión. O capitán Nemo non me propuxo levar connosco a Ned e a Conseil. Nalgúns instantes achámonos equipados, cos depósitos de aire ás nosas costas, pero sen lámpadas eléctricas. Fíxenllo observar ao capitán, pero este respondeu:
-Seríannos inútiles.
Crin haber oído mal, pero non puiden insistir pois a cabeza do capitán desaparecera xa na súa envoltura metálica. Acabei de vestirme, e notei que me puñan na man un bastón coa punta de ferro. Algúns minutos despois, tras a manobra habitual, tocabamos pé no fondo do Atlántico, a unha profundidade de trescentos metros. Era case medianoite. As augas estaban profundamente escuras, pero o capitán Nemo mostroume de lonxe un punto avermellado, unha especie de resplandor que brillaba a unhas dúas millas do Nautilus. O que puidese ser aquel lume, así como as materias que o alimentaban e a razón de que se revivificara na masa líquida, era algo que escapaba por completo á miña comprensión. En todo caso, iluminábanos, vagamente, é certo, pero pronto me afixen a esas particulares tebras, e comprendín entón a inutilidade nesas circunstancias dos aparellos Ruhmkorff. O capitán Nemo e eu marchabamos un xunto ao outro, directamente cara ao lume sinalado. O fondo chairo ascendía insensiblemente. iamos a longas zancadas, axudándonos cos bastóns, pero a nosa marcha era lenta, pois se afundían con frecuencia os pés no lodo entre algas e pedras lisas. Ouvía, mentres avanzaba, unha especie de crepitación por encima da miña cabeza, que redobraba ás veces de intensidade e producía como un continuo chapoteo. Non tardei en comprender que era o efecto da choiva que caía violentamente sobre a superficie. Instintivamente veume a idea de que ía mollarme. Pola auga, no medio da auga! Non puiden impedirme rir ante unha idea tan barroca. Pero é que hai que dicir que baixo a pesada roupaxe e a escafandra non sente o líquido elemento e un crese no medio dunha atmosfera un pouco máis densa que a terrestre.
Tras media hora de marcha, o chan fíxose rochoso. As medusas, os crustáceos microscópicos, as pennátulas iluminábano lixeiramente coas súas fosforescencias. Entrevín cheas de pedras que cubrían millóns de zoófitos e matogueiras de algas. Os pés escorregaban a miúdo sobre o viscoso tapiz de algas e, sen o meu bastón con punta de ferro, máis dunha vez caería. Cando me volvía, vía o esbrancuxado fanal do Nautilus que comezaba a palidecer ao lonxe. As aglomeracións de pedras de que acabo de falar estaban dispostas no fondo oceánico segundo unha certa regularidade que non podía explicarme. Vía surcos xigantescos que se perdían na afastada escuridade e cunha lonxitude que escapaba a toda avaliación. Habería outras particularidades de dificil interpretación. Parecíame que as miñas pesadas solas de chumbo ían esmagando un leito de osamentas que producían secos chasquidos. Que era esa vasta chaira que iamos percorrendo? Quixese interrogar ao capitán, pero a súa linguaxe de xestos que lle permitía comunicarse cos seus compañeiros durante as súas excursións submarinas, érame aínda incomprensible. A avermellada claridade que nos guiaba ía aumentando e inflamaba o horizonte. Me intrigaba poderosamente a presenza dese foco baixo as augas. Eran efluvios eléctricos o que alí se manifestaba? Achábame seica ante un fenómeno natural aínda descoñecido para os sabios da terra? Ou talvez -pois recoñezo que a idea atravesou o meu cerebro- debíase aquela inflamación á man do home? Era esta a que atizaba o incendio? Seica ía atopar, baixo esas capas profundas, a compañeiros, amigos do capitán Nemo, protagonistas como el desa estraña existencia, aos que este ía visitar? Acharía eu alí unha colonia de exiliados que, cansados das miserias da terra, buscaran e acharan a independencia no máis profundo do océano? Todas estas tolas ideas, estas inadmisibles figuracións, asaltábanme en multitude, e nesa disposición de ánimo, sobreexcitado sen cesar pola serie de marabillas que pasaban ante os meus ollos, non atopase sorprendente a existencia dunha desas cidades submarinas que soñaba o capitán Nemo. O noso camiño estaba cada vez máis iluminado. O esbrancuxado resplandor irradiaba da cima dunha montaña duns oitocentos pés de altura. Pero o que eu vía non era unha simple reverberación desenvolvida polas augas cristalinas. O foco desa inexplicable claridade achábase na vertente oposta da montaña. No medio dos dédalos de pedras que asucaban o fondo do Atlántico, o capitán Nemo avanzaba sen vacilación. Coñecía a escura ruta. Non cabía dúbida de que a percorrera a miúdo e que non temía perderse. Eu seguíalle cunha confianza inquebrantable. Parecíame ser un dos xenios do mar, e ao velo andar ante min, admiraba a súa alta estatura que se recortaba en negro sobre o fondo luminoso do horizonte.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.