5 de febreiro de 2014

Fragmento de Amor de Tango

Un 5 de febreiro de 1939 naceu María Xosé Queizán Vilas, a autora deste texto, en Vigo.

Margot fíxase nos cadros da película, fotogramas chámanlles agora pero antes dicíanlles cadros, e vánselle os ollor para Marlon Brando. Obsérvao detidamente. Hai moita xente na cola para coller as entradas do cine. Non é unha película calquera. E nada menos que O último tango en París, da que tanto se tiña falado e que, incluso, algunha xente fora ó estranxeiro para podela ver. Agora, coa apertura do novo réxime, chegan as películas que estaban prohibidas e os quioscos énchense de revistas pornográficas. Mira a Marlon Brando e nota que xa vai un pouco cascadiño, ¡quen o dera naquela do porto de Nova York, cando traballaba na coia e era un rebelde, coa súa gorra de portuario, A Lei do Silencio creo que se chamaba, alí si que estaba como un tren! Pero, nesta, ¡hai que ver como se puxo este mozo! Está como un bocoi e a cara así como abotargada, debe ser a vida que leva, que esta xente do celuloide leva unha vidiña... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.